0 Gardados para despois

María Xosé Queizán

Mario Bunge no Carballiño

Mario Bunge é un filósofo científico e gran humanista, nacido en Buenos Aires, hai case un século, e profesor da Universidade de Montreal en Canadá. Materialista e realista, por oposición a idealismo, é contundente na critica ás seudociencias, entre as que inclúe a homeopatía e a psicoanálise. Demócrata indiscutible é de lectura gratificante pola súa tendencia á igualdade en todos os aspectos humanos e, persoalmente, polo seu magnífico sentido do humor.

Trátase dun pensador de valía mundial a quen se lle concedeu o premio Príncipe de Asturias en 1982.  Xa foi recoñecido en galego, no ano 2009, no nº 25 da Festa da Palabra Silenciada, a través do artigo, “Filosofía Política”, de Avelino Muleiro. Dentro duns días, será presentada no Carballiño, Ágora de Orcellón, a revista do Instituto de Estudos Carballiñeses, dirixida por Avelino Muleiro, cuns 30 textos de diferentes autores internacionais, traducidos á lingua galega, sobre Mario Bunge. Significará unha homenaxe ao filósofo, e tamén unha difusión especial do  galego fóra das nosas fronteiras.

En Galicia hai unha tendencia perenne a substituír a historia pola fantasía, a confundir feitos con ideas, a inventar un país desexado, non real

Este gran humanista expón unha concepción do mundo cunha superioridade realista-materialista da sociedade , a respecto da concepción subxectivista-idealista. No seu libro Á Caza da Realidade, defende que os feitos sociais deben tratarse como cousas, de maneira obxectiva.

Considero que esta lectura ten especial importancia neste país, onde a realidade obxectiva acostuma estar ausente, tanto na política como na arte ou na literatura, sempre máis inclinadas ao idealismo. En Galicia hai unha tendencia perenne a substituír a historia pola fantasía, a confundir feitos con ideas, a inventar un país desexado, non real. 

Di Bunge que os feitos son independentes das mentes, e que as ideas non son autónomas e carecen de existencia fóra dos cerebros pensantes. Penso que Galicia existe por si mesma, sen Breogán, os celtas e outras quimeras. Nesta sociedade hai verdades obxectivas que, en ocasións, se ignora.

O idealismo atrofia. Deciden que o galego é unha lingua que se ama, e nese subxectivismo, a lei permite que sexan os proxenitores quen decida a lingua de escolarización da súa prole, politicamente un disparate

Un exemplo práctico do que falamos é o modo de normalización da lingua. Sen realismo fracasa a política lingüística que non instrúe sobre as vantaxes do bilingüismo, do coñecemento de dúas grandes linguas, e menos aínda sobre a antigüidade e valor do galego na I.M., ao que chamaron portugués os seguidores de Afonso Enriquez, da Galiza do sur, unha vez independizados, e creada Portugal, no s.XIII.  Do mesmo modo que castelán pasou a chamarse español, lingua do reino de España,  o galego chamarase portugués, cando se orixina Portugal, independizado de Castela, e ambas as linguas vanse estender polo mundo en séculos sucesivos coa colonización en África, América e mesmo Asia e Oceanía.

Con esta realidade, e a aprendizaxe das dúas linguas en igualdade de condicións, a poboación galega estaría nun lugar privilexiado en relación con outras partes non só de España, senón de Europa.

O idealismo atrofia. Deciden que o galego é unha lingua que se ama, e nese subxectivismo, a lei permite que sexan os proxenitores quen decida a lingua de escolarización da súa prole, politicamente un disparate. As normas son construcións sociais, non persoais, nin sentimentais. As linguas tamén. 

“O antirrealismo, que se fixo máis popular nos nosos días do que era séculos atrás, non só é falso, senón que obstaculiza o estudo da realidade”.

Unha das moitas leccións que podemos obter da lectura dun gran personaxe do pensamento do noso tempo, que teremos ocasión de ver analizado a fondo nos vindeiros días.

Acerca de María Xosé Queizán