41,6%

De entre todos os datos ofrecidos pola enquisa do CIS feita pública onte un chama especialmente a atención. O 41,6% das persoas que din que "con toda seguridade" ou "probablemente" votarán o 20D, aseguran que aínda non teñen decidido a quen. Trátase dunha proporción altísima, propia dun contexto político cambiante, volátil, fragmentado e no que as vellas adhesións (algunhas motivadas polo voto útil) son agora menos sólidas. 

Esta cifra de indecisos e indecisas é moi superior á que o propio CIS rexistraba na súa sondaxe previa ás eleccións xerais de 2011 (31%) e crece igualmente con respecto ás da maior parte dos comicios dos últimos meses (Catalunya, 28,7%; Andalucía, 41,3%; Comunidade de Madrid, 36%...). Só nalgún caso moi específico, por exemplo en Compostela no comezo da campaña para as municipais, o CIS amosaba unha proporción de indecisos superior: 50,9%.

Ese 41,7% anima a tomar con especial cautela a estimación de voto ofrecida na enquisa e a distribución de escanos provincial. Un pequeno desprazamento de indecisos nunha dirección ou noutra pode facer variar moito o resultado, tendo en conta a maior fragmentación en case todas as provincias. Entre que forzas dubidan esas persoas que aínda non decidiron o seu voto? PP/Ciudadanos (11%), PSOE/Ciudadanos (9,1%), PP/PSOE (9%), PSOE/Podemos (7,7%), Podemos/Ciudadanos (6,6%), Podemos/IU (4,8%) e PSOE/IU (3%) son as dúbidas máis frecuentes. En conxunto, PSOE (31,2%) e Ciudadanos (31,1%) acumulan un maior número de posibles votantes entre os indecisos, seguidos por Podemos (26,4%) e PP (21,3%), tendo IU un 9,5%. Con todo, dado que a resposta era múltiple, algúns destes indecisos e indecisas poden estar duplicados (é dicir, dubidan entre máis de dúas opcións).

A decantación final destas persoas modificará o resultado ofrecido pola intención directa de voto declarada polos entrevistados e tamén pola simpatía confesada nas súas respostas. Se ben o PP domina na intención directa, o PSOE é a primeira forza en voto+simpatía, como lembrou este xoves Pedro Sánchez. E nas dúas variables Podemos e as súas confluencias superan a Ciudadanos.

  IDV Simpatía Voto+Simpatía Estimación Multiplicador
PP 16,2 16,7 18,6 28,6 1,77
PSOE 14,9 18,9 18,9 20,8 1,4
Cs 11,6 11,9 13,6 19 1,64
Pod+Conf 11,8 12 13,8 15,7 1,33

 

Catro datos máis

  • Analizando a información do CIS, atopamos algunhas informacións interesantes que, máis aló da estimación concreta de resultados que ofrece, nos amosa unha imaxe sobre o tipo de electorado que apoia a cada forza e a súa implantación social. O primeiro dato ten que ver coa idade dos votantes de cada partido. O CIS revela unha profunda fenda xeracional, situando (no seu dato de voto+simpatía) a Podemos como primeira forza entre os menores de 35 anos, nos que Ciudadanos sería segunda, por diante de PSOE e PP. No seguinte grupo de idade (35-44) é o partido laranxa a forza dominante, superando por pouco a PSOE e Podemos, e deixando bastante atrás o PP. Mesmo nos votantes de 45 a 54 anos (nos que gañaría o PSOE), Ciudadanos e Podemos empatan cos populares. As grandes diferenzas comezan entre os 55 e os 64 (de novo con vitoria socialista, co PP a escasa distancia). Finalmente, son os maiores de 65 anos os que lle daría a vitoria a Mariano Rajoy: neste grupo de idade o PP obtén un 50% máis de voto que o PSOE, multiplica por 6 a Ciudadanos e por 5 a Podemos.

  • Hai tamén diferenzas entre o voto dos homes e das mulleres. Os partidos emerxentes (sobre todo Podemos) seguen ten problemas para acceder ao voto feminino, como xa quedara de relevo en anteriores enquisas. Podemos obtén un 16,1% de apoios entre os homes, pero só un 11,6% entre as mulleres. De igual xeito, Ciudadanos consegue mellor resultado nos varóns (15,3% fronte a 12,1%). O PP si presenta un equilibrio (18,7% e 18,6%), mentres que é o PSOE o que mellor conecta coas mulleres: acada neste sector un 20,7% dos votos (en IDV+simpatía), e só un 16,9% entre os homes.
  • Distribución territorial. Unha das cousas que tamén chamou a atención na sondaxe, sobre todo nos resultados de Podemos foi a excelente previsión que o CIS lle augura en Catalunya, Valencia e Galicia (onde se presenta en forma de confluencia con outras forzas). Pero tamén en Euskadi, Navarra, Baleares ou Canarias. Nestas sete comunidades, seis delas con lingua propia e a outra (Canarias) cun factor diferencia igualmente claro, o CIS outórgalle ao redor de 33 escanos a Podemos, non lonxe do PP (37-38) e superando claramente a PSOE (27) e Ciudadanos (25). Onde conseguen PP e PSOE a súa vantaxe (e tamén Ciudadanos, en menor medida)? Nas circunscricións pequenas (nomeadamente as dúas Castelas) e tamén en Andalucía, onde Podemos obtén un resultado sorprendentemente baixo. Nas dúas Castelas, Estremadura e Andalucía, o PP obtería 52 escanos, por 42 do PSOE, 25 de Ciudadanos e só 5 de Podemos. Politikon lembra a este respecto que nas circunscricións con 5 escanos ou menos o PP obtería 39-42 escanos, duplicando o PSOE (17-20) e superando amplamente a Ciudadanos (11-12). Podemos ficaría aquí con 5.
  • Trasvase de voto. Sempre é interesante a información sobre as transferencias de voto entre as distintas formacións e a capacidade de fidelizar os apoios de comicios anteriores. O PP consegue manter o 60% dos seus votantes de 2011, pero perde un 20% en beneficio de Ciudadanos. Menor é a fidelidade no PSOE, que só retén o 55% dos seus apoios, perdendo votos en dirección a Podemos e confluencias (17,3%) e Ciudadanos (12,1%). IU só consegue fidelizar un terzo dos seus apoios, perdendo un 47% deles en beneficio das candidaturas de Podemos. Finalmente, UPyD desfaise completamente, marchando o 48% dos seus votantes á forza liderada por Albert Rivera.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.