0 Gardados para despois

Héctor Sánchez

A difícil construción de En Marea

Xa pasaron as fortes tensións previas que vivimos previo ao Plenario de En Marea celebrado en Compostela o 15 de xullo.

Xa diminuiron as fortes calores internas que protagonizamos os dous grandes grupos que coexistimos en En Marea.

Por suposto, a dura loita interna continúa porque as persoas de esquerdas e nacionalistas crémonos tan intelixentes que, de tan intelixentes que somos, encántanos autodestruirnos. Pero bueno, houbo un Plenario, houbo uns resultados que avaliaron a Luís Villares como líder parlamentar e tamén íder orgánico de En Marea; agosto relaxa que @s compañeir@s non nos vexamos como demos terribeis, e esa calma sírveme para reflexionar millor sobre En Marea e a situación sociopolítica galega.

Cal é o presente de En Marea?

O presente de En Marea é bo.

Por qué?

Por unha banda continúa o excelente labor do Grupo Parlamentar Galego estando dun modo activo na rúa en decenas de conflitos, e presentando decenas de propostas no Parlamento Galego. Tamén continúa o bo labor do Grupo Parlamentar Estatal presente en conflitos na rúa e presentando propostas no Parlamento Español.

A súa vez, dado que o outro grupo de compañeir@s non queren integrarse na Coordinadora, iso fai que a Coordinadora actúe moi activa e moi unida promovendo os dous grandes eixos de actuación: A) Extender En Marea -territorialmente- o máximo posible en toda Galicia. B) Extender En Marea -sectorialmente- constituíndo grupos de traballo sectoriais -social; sanidade; ensino.....-coordinados por un-unha deputad@ e nos cales as persoas interesadas podemos participar.

Ao mesmo tempo, a tremenda división creada produxo como contrapartida que Luís Villares teña agora un grupo moi activo de apoio que, ao principio, non o tiña.

A súa vez, en divisións internas tan fortes danse as continuas liortas internas, que, ademais, saen nos medios de comunicación, o que produce tanto en persoas inscritas e non inscritas en En Marea, diversas doses de desánimo.

A pesar diso, aumentou o número de inscritos nunhas 300 persoas, sendo actualmente 2.330 persoas inscritas.

E por que En Marea está nesta situación?

Pódese dicir de cincocentas maneiras. Pódese adornar con todas as bandeiras máis democráticas; con que o fundamental son as bases; que a Unidade Popular constrúese só dende abaixo; que o municipalismo é o fundamento, ao tempo que os demais somos o piorciño do piorciño.

Pódese dicir de cincocentas maneiras pero o fondo é o mesmo. As Organizacións queren ter a máxima influencia nos órganos decisorios.

É lóxico que as Organizacións -e as persoas- queramos ter influencia, pero na política -e na vida en xeral- é fundamental ter intelixencia.

Cando as Eleccións Galegas do 2012, Xosé Manuel Beiras tivo a lucidez de ver que moita xente quería un cambio, e que presentando unha nova Alternativa, esta podía ter moitos apoios electorais.Beiras foi moi intelixente e viu que esa nova Alternativa tiña que integrar necesariamente a Organizacións nacionalistas e estatais camiño da Unidade Popular que era o que moita xente queríamos, e, ademais, tivo a valentía -sabendo que ía ser defenestrado polo nacionalismo clásico- de rachar co dogma nacionalista de que non deben ir xuntos ás eleccións o@s nacionalistas ca esquerda estatal, e así formouse AGE que acadou un gran resultado electoral.

     Nos anos seguintes estalou o gran fenómeno de Podemos, e continuou a intelixencia política nas Eleccións Municipais do 2015 de presentar candidaturas unitarias de esquerda e nacionalistas, o que deu uns excelentes resultados electorais e Gobernos Municipais en cidades grandes, medianas e pequenas, que, nestes primeiros dous anos, en moitos casos, non poideron ter uns novos orzamentos para facer un montón de cousas, que se faran agora que xa hai novos orzamentos, ao tempo de seguer ampliando a participación popular e a transparencia nas contas.

De cando non hai unha alternativa de unidade popular

Acercábanse as Eleccións Xerais do 20 de decembro do 2015 e AGE xunto con Podemos seguiron intelixentes e formaron En Marea como Coalición Electoral para que as xentes que queríamos un cambio, tiveramos unha Alternativa á cal votar.

E de feito, nas Eleccións Xerais do 20 de decembro do 2015, En Marea sacou 6 deputad@s e 1 Senador, ao tempo que o PP pasaba de 186 deputad@s a 123, ao perder 3.600.000 votos.

Dado que o PSOE non quixo pactar con Podemos, e escolleu o paripé de pactar con Cs, moitas esperanzas de cambio desapareceron, e inevitablemente, nas Eleccións Xerais do 26 de xuño o PP pasou de 123 a 137 deputad@s ao aumentar 700.000 votos, e baixar todos os demais.

As elecceións galegas do 25 de setembro do 2016

O parto de En Marea foi difícil pero logrouse o que moit@s queríamos. Un partido instrumental formado por persoas pertecentes a Organizacións nacionalistas e da esquerda estatal, así como de persoas independentes.

Houbo unha especie de mérito e sorte en alumear unha prometedora criatura chamada Luís, pero esta criatura madurou moi cedo e empezou a dar mostras de que a casa dos seus proxenitores éralle estreita, que había moi pouca xente nela e a maioría con ideas similares de que era mao que a casa cambiara, pero o Luís pasou a ser Luís Villares e empezou a andar por toda Galicia, para que a casa fora de máis xente, e isto chocou frontalmente cos proxenitores que querían seguir a ser os principais donos da casa.

A partir daí desapareceu a intelixencia.

A partir daí todo empezou a ser branco ou negro.

Anque bastante acostumado ao infantilismo da esquerda e do nacionalismo -que eu tamén tiven-de que todo é para mín, parecíame incríbel que empezara unha guerra interna cando o partido estaba nacendo; estabamos nel Organizacións e persoas independentes moi variad@s e divers@s, ademais de ser a esperanza para bastante xente que nos deu 273.523 votos -sen contar o voto emigrante, que a Xunta non fixo público oficialmente- e logrando 14 deputad@s -5 deputad@s máis que AGE no 2012 e 71.000 votos máis-.

Daba igual. Todo para mín. Todo branco ou negro.

Cara ao Plenario do 17 de decembro do 2016 no cal estivemos unhas 250 persoas, o principal intento d@s don@s da casa -dirixida por unha Coordinadora Provisoria na que mandaban as posicións de Anova, Esquerda Unida e a Marea Atlántica- foi tentar de que Luís Villares non poidera ser cargo orgánico de En Marea para o cal propuxeron que nengún cargo parlamentar -non puxeron cargo municipal- fora cargo orgánico. Argumentabase que daba unha imaxe máis plural que os cargos orgánicos non foran cargos parlamentares, cando, xusto no intre no cal un partido está nacendo, o máis importante é que haxa un principal referente público que dixera o mesmo como líder parlamentar e líder do partido. Ademais de non ter nengunha lóxica que nengún membro do Consello das Mareas fora deputad@, e de que nengún deputado estivera no Consello das Mareas, feito que provocaría continuos problemas para coordinarse ben, porque fallaría a comunicación cantidade de veces.
     Votamos e ao final quedou que non podía haber máis dun 40% de cargos parlamentares dentro da dirección de En Marea -chamada Consello das Mareas-.    

Non querer impulsar En Marea conxuntamente

Cara ao Plenario deste pasado 15 de xullo -no cal estivemos 468 persoas- xa houbera as eleccións ao Consello das Mareas formado por 35 persoas -ao cal presentáronse 3 Candidaturas- e a elección da Coordinadora formada por 11 persoas. Houbo cinco mil intentos de consensos pero Anova, EU e a Marea Atlántica non quixeron formar parte da Coordinadora ao cal tiñan dereito.

Hai argumentos para todos os gustos pero a mín paréceme gravísimo, e dunha terrible irresponsabilidade, non querer compartir o poder, non querer impulsar En Marea conxuntamente, cando en política caseque nada é branco ou negro, e cando a esencia da política é saber negociar c@s amig@s e cos rivais políticos. Moito máis cando o principal rival do Poder Económico, Político e Mediático leva atacando, día tras día, a En Marea, e ás Mareas que gobernan.

Pero neste Plenario había unha gran diferenza a respecto do anterior. Luís Villares xa tiña un amplo equipo respaldándoo a él e á Coordinadora, formado por unha grande maioría de persoas independentes pertecentes a diversas Mareas, e a Foros como o Foro Galego e O Ben Común, como con persoas de Anova de Ourense encabezadas polo deputado Davide Rodríguez, e persoas do Colectivo Cerna, dándose o feito, ademais, de que ganaramos  todas as votacións.

Cal pode ser o futuro de En Marea?

    
Tendo en conta que o Plenario do 15 de xullo confirmou a brutal división interna, e que o grupo no que están Anova, Esquerda Unida, Marea Atlántica, algunh@s compañeir@s de Podemos e outr@s compañeir@s independentes, non queren pactar nada co grupo de persoas que apoiamos a Luís Villares e á Coordinadora, até o punto de non querer integrarse na Coordinadora; e se a iso sumamos que Podemos Galicia está dividida, e que sobre o 90 e pico por cento de compañeir@s que a forman, non están inscrit@s como membros de En Marea; sumamos isto e salta á vista que o futuro de En Marea é incerto.

Quen máis quen menos, sabemos que non vai haber grandes cambios en En Marea antes de que sexan as Eleccións Municipais do 2.019, dado que a tod@s convén que non haxa roturas que danen a imaxe das Mareas -e tamén de En Marea-, pero ninguén sabemos que vai pasar despois das Eleccións.

Vai depender moito de todo o traballo que fagamos, que loitemos ca xente e prantexemos os seus problemas, que acertemos cantas máis veces, millor; de cales serán as candidaturas, do que fagan os outros partidos, e de cales sexan os resultados nas Municipais.

Mentres tanto, seguimos camiñando.

Acerca de Héctor Sánchez