Non seremos inocentes (e 2)

Vivimos dentro dunhas xeracións e dentro da historia e, ao mesmo tempo, a historia métesenos dentro inadvertidamente. A crise que vive o Reino de España como consecuencia do 'procés' catalán é un deses transos históricos que nos afecta a todos.

O estado reformado tras a Transición, un ensaio e un tempo histórico baseado en mentiras e esgotado, debeu ter a súa crise pola resistencia da sociedade a que lle roubasen os seus dereitos, a unha política económica que empobreceu a sociedade, botou fóra unha xeración, atacou sanidade e a escola pública e, como gran logro económico, baleirou a caixa de pensións. Pero non foi así. Todo o malestar e o enfado só deu para que se reformulase o mapa político español e no canto de dous fosen catro os partidos no xogo. Foi a sociedade catalá, que mantén desde hai sete anos un pulso ao estado, quen pon en crise este sistema político. É o que hai.

O proceso político catalán só ofrece alternativas a quen viven alí, aos demais non, non teremos república, con todo si que nos implica a cada persoa que vive neste estado.

Igual que o PP utilizou o terrorismo como arma contra os socialistas, tamén utilizaron o españolismo contra o novo estatuto catalán, o Rajoy das 500.000 sinaturas recollidas por toda España contra o estatuto que xa plebiscitaran os cataláns e que torpedeou a renovación do Constitucional para conseguir o ditame desexado, ten por tras non só á case totalidade dos medios de ámbito estatal senón tamén ao resto dos partidos estatais.

Efectivamente, fronte á demanda de votar da maioría da cidadanía catalá, están "unidos" e "pola unidade". Unha unidade para marcar unha fronteira.

O PSOE, tras a aperta de Sánchez e Rajoy e por boca de Margarita Robles vén de dicir que apoiaría o secuestro das urnas e a persecución de organizadores e votantes se houbese delito. Se algún hai uns meses aínda defendía o dereito e a necesidade de que os cataláns decidisen a súa relación con España, Podemos, agora xa non. E acabamos de ver o desembarco áulico na Barcelona dos atentados nos avións presidenciais, habendo trens e automóbiles particulares ese desembarco do monarca e os seus políticos chegados da corte con inevitable tufo colonial resume o momento entre o estado e Catalunya.

Efectivamente, fronte á demanda de votar da maioría da cidadanía catalá, están "unidos" e "pola unidade". Unha unidade para marcar unha fronteira.

Por se a cidadanía catalá tiña dúbidas, o vivido nas horas e os días tras eses atentados, dun lado o labor dos Mossos e do outro as mostras de catalanofobia e a falta previa de colaboración das policías españolas e as posteriores acusacións, confirmoulles tanto as súas propias capacidades como país como a hostilidade do estado cara a ela. Así están as cousas.

Sabendo como foron estes anos de democracia saída daquela Transición, é lóxico que a maioría da poboación española descoñeza non só a historia, a cultura e a lingua de Catalunya senón tamén o que ocorre alí desde hai uns anos e como evolucionou o sentir e o pensar da xente. Diso encargouse a política e a gran maioría dos medios de comunicación centralizados na corte. Como consecuencia, é natural que a opinión pública española asuma o que lle contan e peche filas tras o Goberno e os demais partidos fronte ao Parlament catalán, pero iso non nos desculpará ante nós mesmos cando haxa que mirarse ao espello.

Unha pregunta que me fixeron unha e outra vez en distintos lugares e ambientes de Catalunya é máis ben un reproche, "Como é que non hai voces alí que nos comprendan, que nos defendan? Onde están os artistas e os intelectuais que outras veces se solidarizaban con isto ou o outro?". Non é certo que á maioría dos cataláns non lles interesase España, a realidade é que senten que nestes anos recibiron ataques, incomprensión e moi poucas ou ningunha mostra de solidariedade. A realidade é que están doídos coa sociedade española. Os partidos fan e farán política, tras o referendo terán que facer tratos novamente dun modo ou outro porque é a súa función, pero por baixo e por encima están as persoas, a poboación. E o que xa é irreparable é a ruptura moral entre a cidadanía catalá e a sociedade española.

O que xa é irreparable é a ruptura moral entre a cidadanía catalá e a sociedade española.

A sociedade non ten moitos instrumentos para expresarse pero esa é unha das funcións dos intelectuais e tampouco o fixeron.

A miña conclusión é que hoxe no Reino de España non é posible a función dos intelectuais, simplemente non se lles tolera. Só caben as voces que repiten o discurso xa instalado, o discurso do poder, novelas e opinións que reafirmen os consensos establecidos. A consigna de ferro que rexe nos medios de comunicación, a Catalunya nin auga, tamén foi asumida, de grao ou por forza, pola inmensa maioría dos opinadores que poderían facer algunha obxección ou comprometerse cunha demanda política que é democrática.

Non podo crer que sexa por un completo descoñecemento dos aspectos do conflito entre a política catalá e a española, o descoñecemento da lingua catalá pode explicar relativamente que non se busque e non se comprenda as informacións dalgúns medios cataláns que dan unha visión alternativa á oficial do conflito, pero existen algúns medios en castelán que si deron conta de como Rajoy conduciu ese conflito ao lugar onde agora está.

A consigna de ferro que rexe nos medios de comunicación, a Catalunya nin auga, tamén foi asumida, de grao ou por forza, pola inmensa maioría dos opinadores que poderían facer algunha obxección ou comprometerse cunha demanda política que é democrática

Cónstame que hai intelectuais que xustifican o seu aliñamento invocando a "burguesía catalá", "Pujol"... Mesmo quen lles negan a boa parte da cidadanía catalá os seus dereitos e a súa identidade cívica lembrándolles que non son cataláns porque naceron noutro lugar e polo seu sangue e chamándolles agora o que foi un estigma clasista, "charnegos". Non comprenden como ofenden a esas persoas que se saben donas do seu país e tan cataláns como os que outrora presumían de apelidos. As invocacións ao clasismo só serven para pretender manter o statu quo dentro do estado, o que vive Catalunya non só é unha revolución democrática fronte a un estado que a nega senón unha revolución democrática interior na que o protagonismo o ten unha sociedade que leva sete anos mobilizada. E a idea de que os e as Pérez ou García cataláns están enganados sobre a súa verdadeira identidade e carecen de xuízo propio é, supoño que inconscientemente, clasista e racista. Esas persoas, precisamente, son os protagonistas desa revolución democrática.

A idea de que os e as Pérez ou García cataláns están enganados sobre a súa verdadeira identidade e carecen de xuízo propio é, supoño que inconscientemente, clasista e racista

Máis ben creo que a concentración de medios de comunicación en Madrid, que a súa propiedade estea en mans da banca e que perdesen o seu carácter de informar e sexan armas políticas conseguiu que a maioría dos intelectuais españois sexan reféns seus, obrigados a enfrontar un castigo nos seus intereses persoais e profesionais se discrepan publicamente. España non tolera e castiga a disidencia, moito máis cando, como agora, tocaron a rebato. O que se mova non sae na foto.

Quen crea a Sáenz de Santamaría que van gañarlle aos cataláns "por 10 a 0" descoñece completamente a realidade social catalá e terá que volver negar que existen millóns de cataláns que van votar aínda que o PP e as súas comparsas digan que é ilegal. Esas persoas de todas as idades, apelidos e condición social que acudirán a pór a súa papeleta a pesar dos gardas existen, aínda que os medios españois non as retransmitan.

Non somos inocentes, sobre todo os intelectuais seremos cómplices, e todos seremos responsables do país que entre todos creamos. Unha España tan uniforme, dura e incomprensiva nunca será un país democrático.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.