O encontro XIII: o envexoso

A Alfonso Espiño, o Usain Bolt do baixo.
Uma pessoa que tem tudo não tem nada.
Rui Zink
Louro
Un día teremos que subir busca-la capela*.
Alfonso Espiño
Na habitación só faltaba a corda.
Fleur Jaeggy

Dende que sentín, fai varios anos, envexa do xogador de fútbol Fábio Coentrão non volvín a ter envexa de ninguén. Do futbolista de Vila do Conde o que lle envexaba era a posibilidade de que podía ver a Cristiano Ronaldo sen a necesidade de mercar unha entrada. Que aforro! Sen embargo, realmente, estou mentindo como os portugueses mentem com quantos dentes têm quando fala de sexo.  O que lle envexaba ao xogador portugués é a súa posibilidade de mercar un apartamento preto do casino da Póvoa do Varzim, da estatua do Fernando Pessoa (seguro que é el? Non o teño claro, a min parecéseme máis a Charles Robert Anon) e da casa de Valter Hugo Mãe (así podía queixarme en persoa ao dono da maquina de fazer espanhois. A máquina cometeu moitos fallos comigo. Nunca puiden aprender de memoria o Código Civil, a Lei de Dereito Civil de Galicia, o Estatuto dos traballadores, fragmentos das novelas de Miqui Otero, Francisco González Ledesma e de Fleur Jaeggy :Retirámonos ós nosos cuartos; vimos a vida pasar dende a xanela, nos libros, co cambio das estacións,nos paseos. Sempre nun reflexo, un reflexo que parece xeado nos peitorís**, as cancións de Eladio Santos, Magín Blanco, Carlos Rego, Caxade e de Gato Pérez e, por suposto, os Cantos do Sexto Dalai-Lama na tradución de Mª do Carmen Krukenberg***: pero a muller que fuxiu de ti/non a recuperarás nin por arte de maxia) no que poda fuxir do puñal e da corda. En verdade, envexáballe os seus cuartos!

*

Hai dous días volvín a sentir envexa de alguén. A culpa é do monstro que me contaxiou do pecado da envexa (todo ocorreu cando rematei de ler a última novela do ourensán Jorge Emilio Bóveda e saín a rúa. Notei unha pequena picada no brazo, que eu nun primeiro intre pensei que fora dunha velutina ou dunha abella ouro ou mesmo dun marciano que aparcara o seu ovni no Val do Dubra).
De quen sentín envexa? Dun químico que leu a obra completa do poeta ruso Fiódor Ivanóvich Tiútchev? Non. Dun xogador austríaco de volei-praia? Tampouco. De Jorge Luis Borges e de Rui Zink? Menos. De Tontxu que escribiu si tiene depresión, se compra unos zapatos?  Imposible. De un mozo de pasado frívolo? Nunca.

Pois sentín envexa, nin mais nin menos, que dun home que é capaz de subir ao monte Louro para busca-la capela asubiando Revolution dos Beatles e rebobinando unha cinta TDK de noventa minutos. O home chamase Alfonso Espiño e en ocasións entoa polas rúas da zona vella de Compostela un suave canto engaiolante enfeitizante.

*

Hoxe, a primeira hora da maña cando esquecín o cheiro das flores, o son dos tambores de L.A.R Legido e as ilusións, recibín un correo electrónico do pianista Luis Vila, do que nunca sentín envexa porque nunca foi capaz de tocarme ao piano a min e a Florinda, tenra rapariga de pel doce/que dormes no meu leito baixo mantas, Breakfast in bed de Dusty Springfield, contestando a un meu, no que lle contaba que non me atopaba ben dende que sentía envexa de Alfonso Espiño, o home que é capaz de subir a monte Louro asubiando Revolution dos Beatles e rebobinando unha cinta TDK de noventa minutos. No correo electrónico, o pianista, que soñaba con ser o pianista do William Faulkner do Vitiza ou dunha rusa millonaria no Hôtel de Russie de Xenebra,contestábame dicindo:

Non te preocupes. Sentir envexa é bo, como dí Rui Zink a inveja prova que estamos vivos. 

Apertas.

*https://www.youtube.com/watch?v=BeVImiT6GPE
**Os ditosos anos do castigo. Fleur Jaeggy.Rinoceronte Editora. Cangas do Morrazo.2013
***Cantos do Sexto Dalai-Lama. Tsángs-Dbyangs-Rgya-Mtso. Traducción e nota de Mª do Carme Krukenberg. Colección Esquio de Poesía.2004. Ferrol.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.