Que Podemos na Coruña?

"Eu soño con que nunca máis se baleiren as rúas. Que nunca máis os líderes políticos se sirvan das prazas cheas para poder negociar arriba. Soño con que aprendamos todos a asumir democraticamente os cambios. Soño cunha sociedade reiventándose de abaixo cara arriba, onde todos teñan dereito a opinar e non apenas o deber de escoitar. Este é un soño historicamente viable, pero demanda que a xente antonte tivese descruzado os seus brazos para reinventar esa sociedade".
Paulo Freire

Moito cambiaron as cousas dende o 2014. En xaneiro daquel ano publicábase o manifesto “Mover Ficha”. Entón, ninguén apostaba polo fantástico resultado das eleccións europeas de maio, con case millón e medio de votos. Neses cinco meses evidenciouse que a política tradicional bipartidista, tendente ao unipartidismo, non era inmutable; que podía rachar dende fóra do taboleiro. Non foi rápido nin doado, pero se produciron importantes transformacións, das que debemos sentirnos orgullosas.

E é que para facer unha política transformadora precísase xente diversa organizada, concienciada e con gañas e forza para provocar un cambio na cidade. Nós recordamos o período previo ás eleccións europeas como un aluvión de ilusión que parecía non ter fin. O desborde de asembleas, os actos políticos e de auto-organización, os afectos e os coidados, as voceirías múltiples, as rotacións de responsabilidades... Estabamos a mudar as formas de facer política comezando por nós mesmas, probando novos camiños e comprendendo os éxitos e os fracasos sen levantar a voz.

Moitas aportamos imaxinación e esforzos nesta construción colectiva. Lembramos a Ángel coa súa cámara de vídeo e a Dani facendo fotos. Lembramos a Silvia repartindo panfletos e levando con Marcos as redes sociais. Lembramos a Moledo elaborando discursos e a María Jesús intentando cadrar as contas. Lembramos a Aitor collendo o micrófono e a Ana transportando carteis, panfletos e o que fixera falta. Lembramos a tantas, tantísimas outras, que con extraordinaria xenerosidade, coas horas do seu día e as enerxías do seu corpo, crearon o que sería Podemos Coruña.

Lembramos a María, a Jorge, a Inés, a David, a Isa, a Héctor, a Juan, a decenas de parceiras armando un espazo de cooperación, de alegría e de fraternidade. E lembramos tamén aos compañeiros que se achegaron e non puideron quedar, e a aquelas outras que aínda non viñeron e virán. Porque as lembranzas de futuro son as que nos moven. Lembramos que eramos moitas, implicadas e ilusionadas, e que todo parecía posible.

 

A sorpresa europea e os seguintes pasos

Tralo mes de maio e a sorpresa europea atopámonos con asembleas multitudinarias de centos de persoas e co xurdimento de grupos para traballar, pensar e aplicar unha organización que estaba por construír. Moita xente sumouse ás dinámicas inauguradas nos meses previos, aportando ideas, talento e sobre todo moito traballo a pé de praza. Unha experiencia colectiva difícil de esquecer. Nós non a esquecemos.

As cousas, con todo, non foron a mellor. Os procesos de burocratización e de consolidación do partido que seguiron ao primeiro Vistalegre abriron a porta dinámicas competitivas e pouco saudables, afastando a Podemos da idea dun partido-movemento para convertelo nunha máquina electoral, ferreamente controlada e organizada de arriba a abaixo. Comezouse a mirar en demasiadas ocasións cara o embigo e a esquecer o verdadeiramente importante: para que estábamos aquí.

De repente, a moitas o que queríamos construír fóra empezou a crearlles contradicións co que se estaba a practicar dentro. Isto provocou que algunhas se distanciaran da primeira liña do activismo orgánico e que outras continuasen, pero perdendo pouco a pouco a motivación e mantendo a esperanza de poder mudar as cousas nun futuro.

 

Podemos na cidade da Coruña

Co aparato económico e mediático en contra e cunha organización de partido que comezaba a constituírse e que estaba xa a crear problemas, Podemos participou de xeito significativo na conformación de candidaturas de unidade popular para as eleccións municipais de 2015, unhas veces como elemento vertebrador e outras como un actor mais dos procesos. A traxectoria política de Podemos neses meses foi clave para chegar aos gobernos do cambio.

No local, a Marea Atlántica foi quen de aglutinar diferentes sensibilidades políticas e de acadar o cambio institucional cunhas prácticas integradoras e un discurso rexenerador que convenceu ás maiorías sociais. Podemos apoiou a confluencia, pero perdeu unha oportunidade de ouro para que o círculo e consello cidadán, agora xa cun goberno municipal afín, puidesen colaborar na construción dun modelo de cidade diferente, navegando man a man coa Marea, participando así dos procesos e estando atentas ás dificultades para contribuír a superalas, axudando para atopar as mellores solucións a calquera problema.

 

Por un Podemos máis valente, máis implicado e máis ilusionante

Precisamos dun Podemos aberto, transparente, xeneroso e cun horizonte. E cremos que a confluencia cidadá coruñesa tamén precisa dun Podemos forte, conformado por persoas que saiban como desbordar as expectativas, persoas que se impliquen no traballo político, que non partidista.

Pensamos que para acadalo cómpre retomar aqueles folgos iniciais que permitían construír con alegría en colectivo. Debemos partir do cambio de rumbo iniciado en Vistalegre II e ir máis alá, apostando por unha estrutura onde primen as dinámicas cooperativas, a facilitación e a xestión emocional e dos conflitos. Debemos superarnos e gañarnos cada día o espazo que nos concede a cidadanía, con moito esforzo, humildade e valentía.

Toca ser rápidas e eficientes, primar o debate político e a imaxinación colectiva, para entre todas dar forma a un movemento inclusivo e aglutinador; para pensar, xunto a outras e outros, a cidade que queremos, e traballar arreo por ela. Precisámonos xuntas, volvendo a ser sen límites, sen estruturas abafantes nin dinámicas pechadas, o que queiramos ser; abandeirando transformacións na relación entre a institución e a rúa. Diría Paulo Freire que temos un soño posible, volvamos a construílo con ilusión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.