0 Gardados para despois

Moncho Iglesias Míguez

Samir, refuxiado iemení

Samir Abdul Aziz Abdu Sittar ten 60 anos e é de Aden, no sur de Iemen. Ata hai dous anos viviu alí coa súa muller, unha filla e catro fillos. En Aden traballaba na sala de raios X dun hospital, e debuxaba, a única actividade que facía no país do que fuxiu e que segue a facer no campo de refuxiados de Markazi, na veciña Yibuti.

Samir refírese a Iemen en pasado e non fala do seu propio futuro, só dese non tan afastado tempo feliz, nun país ao que quere volver. Alí quedaron dúas das súas fillas, casadas, e de alí marchou a Alemaña a súa esposa, a un país ao que el non quere viaxar. Considera que xa fixo a súa vida, que está contento co que foron estes 60 anos; así e todo, non se conforma co futuro que lle espera aos máis pequenos. Por iso entende que a familia queira viaxar a un país que os acolla, como Alemaña, onde poden estudar e facer realidade os seus soños de futuro. Con todo, defende esa viaxe como unha etapa, un trampolín para regresar a Iemen e axudar a reconstruír un país en paz; un país ao que devece por volver. Porque para el Alemaña non aporta nada; alí só podería recibir cartos, mais xamais se afaría a un estilo de vida moi distinto ao de Iemen, onde cre que poderá volver vivir comodamente e en paz.

En Markazi, Samir leva unha vida rutineira: érguese, reza, volve á tenda de campaña (a jaima), almorza, dorme, érguese... Sempre o mesmo. A monotonía do campo de refuxiados supérase cos paseos entre a area, coas saídas dos venres á praia, con conversas moitas veces repetitivas, con visitas moi esporádicas e con imaxinación.

A jaima de Samir é un imaxinativo museo pictórico sobre a historia de Iemen. As paredes de tea e os andeis improvisados están adornados con debuxos do lar dos iemenís, sexa o país, sexa o campo de refuxiados: as rúas, o colexio, a casa... unha vida cotiá que reflicte unha realidade grazas ás fotografías pintadas que Samir leva na memoria e nas follas que colorea, para así poder amosar que Iemen é o país do que saíu, un lugar onde a morte se apoderou de todo, mais que non lles pertence, nin por tradición nin por devoción nin por ningún outro motivo.

Acerca de Moncho Iglesias Míguez