Falar é doado. Facelo con fundamento é outra cousa

Desde que o caso de Juana Rivas saltou a opinión pública, eu, persoalmente, vou de sorpresa en sorpresa, ademais de acumular unha crítica tras outra, cando non mesmo descualificacións.

Fascista, machista, e  mala nai, son soamente algúns dos cualificativos cos que se me agasallou porque desde o primeiro momento dixen que, na miña opinión (un dereito, o de opinar, que pensei ter, como todo o mundo, algo do que  agora xa non estou tan segura) este doloroso asunto debería ser tratado coa máxima prudencia, por unha banda, porque as veces non todo é o que semella ser, máxime cando soamente se coñece unha historia por medio dos titulares, e, por outra, porque non se debería esquecer que nestes feitos hai dous menores implicados que son as maiores vítimas, xa non da lea entre os seus pais, senón tamén de todo este espectáculo mediático no que xa se converteu o seu drama persoal.

Tentei aclarar, con ningún ou moi escaso éxito, que  non teño nada en absoluto en contra de Juana Rivas, e que, como nai que son, entendo que o que lle pida o corpo sexa fuxir cos seus fillos, pero que esa non era a solución, ademais de que penso que se evidenciou con toda claridade que houbo quen sacou, ou polo menos o tentou, tallada desta historia, para logo, cando as cousas se puxeron difíciles, dicir “eu  nada sei nin tiven nada que ver”. Que Juana estivo pesimamente asesorada penso que é algo que quedou mais que demostrado.

Ainda así, o lema show must go on seguiu cobrando forza. Manifestacións, aparicións en medios de comunicación, campañas en redes sociais, porque claro, iso de “Juana está na miña casa” é doado. E estou segura de que a maioría das persoas que secundaron isto o fixeron de corazón, pero as veces, ademais de ao corazón, hai que apelar tamén ao sentido común. Ese non era o camiño e se de verdade quen dicía querer axudala o facía sinceramente e con coherencia, debería aconsellarlle actuar doutro xeito.

Eu son a primeira que rexeito que un maltratador poida sequera achegarse aos  seus fillos, pero, reitérome, penso que  as cousas non se fan así, e que esta muller tirou polo camiño errado, ou confiou en quen non debía. Calquera dos dous supostos son probables.

Cando, o pasado Luns, vin as imaxes da entrada e saída de Juana no Xulgado, ao mais puro estilo celebrity, rodeada, ademais do seu séquito habitual, con algunha integrante que xa é fixa no “decorado”, por cámaras, flashes e micrófonos, e, aínda mais, a súa actitude ante todo este rebumbio, perfectamente estudada (eu non son psicóloga, evidentemente, e menos aínda, lista, pero tampouco cega nin parva), non sei se me sentín mais indignada ou triste. En calquera caso, moi mal.

A guinda do pastel a puxo o anuncio da súa aparición nun programa dunha canle de televisión bastante cuestionable, na miña opinión, e contra os que a inmensa maioría dos colectivos e agrupacións que apoiaron e aínda apoian a Juana  disparan a matar, e razón non lles falta, todo hai que dicilo, porque se hai un medio que faga alarde do machismo mais noxento cos seus programas é precisamente este.

Non puiden evitar lembrar como moitas desas persoas que me chamaron de todo cando expuñen a miña opinión sobre este caso me recriminaron ter falado da miña experiencia como vítima da violencia de xénero, algo que fago cando se me pide, co fin de que as mulleres que están nesa situación vexan que se pode saír dela, e polo que, por suposto, non cobro, e preguntarme que pensarían desta aparición televisiva. Aparición, por certo, que non vin, agás unhos pequenos fragmentos, pero que para min abondaron. Prefiro non dicir mais.

E sinto, podedes criticarme de novo, estades no voso dereito, pero de novo vou a referirme a miña historia persoal. Cando meu fillo (o único, dito sexa de paso,  penso, que pode valorarme como nai) mais eu vivimos o inferno da violencia machista, o último que teríamos desexado e ser protagonistas dun espectáculo de tal calibre. El era moi pequeno, pero podo asegurarvos que a min xa me custaba un esforzo titánico acadar folgos para respirar cada día.

Eu, volvo a repetir, non teño nada en contra de Juana. Descoñezo, creo que como todo o mundo, malia que semelle o contrario, moitísimos detalles desta historia. Non sei se Juana minte, se o fai a súa ex parella, ningún dos dous, ou se os dous din a verdade, ou, en todo caso, as súas respectivas verdades, pero do que si teño a sensación, unha triste sensación, e de que, nos guste admitilo ou non, se está relegando o verdadeiro drama, o drama de dous nenos que sofren, para asistir, e ogallá estea errada, ao nacemento dunha aspirante a ser a nova princesa del pueblo

Falar, debater, mesmo apoiar, non é nada malo, claro que non, pero non perdamos a perspectiva nin esquezamos a coherencia. E menos aínda fagamos, como por desgraza xa ocorre demasiadas veces, da dor, espectáculo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.