0 Gardados para despois

Antón F. Escuredo

España prepara o golpe de estado en Catalunya

Os golpes de estado xa non son o que eran... ou polo menos amosan outra imaxe. O maior desafío democrático no reino de España desde a morte do ditador terá unha resposta unionista contundente que xa está en marcha.

Tres formacións políticas, PP, PSOE e Ciudadanos, coincidiron en resolver “o problema catalán” á forza, ou sexa empregando todas as armas da legalidade postfranquista. Amparados por un tribunal elixido por estes mesmos partidos (aquí a cidadanía non tivo opción) apoiarán as anunciadas accións represivas do goberno español logo de que o Parlament votara as leis para permitir o referendo e posterior desconexión de España. Os pasos a partir de agora seguen ao pé da letra as regras básicas dos golpes de estado clásicos: reducir as forzas das institucións democráticas como deputados ou alcaldes, eliminar calquera resposta armada e ocupar os medios de comunicación.

A primeira das medidas xa está en marcha e o Tribunal Constitucional apercibiu aos 948 alcaldes cataláns e aos 62 cargos da Generalitat de que as súas accións terían consecuencias mesmo penais ao tempo que facía o mesmo cos Mossos e os medios públicos de Catalunya. E estas ameazas non son virtuais, levaranse a cabo fisicamente e para mostra o aviso televisivo duns cantos axentes da Garda Civil acosando a unha imprenta pola “ilegalidade” de imprimir material para o referendo ou as denuncias de varios representantes municipais, como a alcaldesa de Berga, de que ese mesmo corpo militar está a reforzar a súa presencia no interior de Catalunya.

Diante desta situación a resposta cidadá en Catalunya é exemplar. Este 11 de setembro, o seu Día Nacional, voltará ás rúas co berro democrático do dereito a decidir. Galiza e Europa deberían estar ao seu carón.

Acerca de Antón F. Escuredo

Antón F. Escuredo é xornalista