0 Gardados para despois

Antón Dobao

Autodeterminación é República

A lingua non é un obxecto aséptico. Ao contrario. Como fenómeno social, é un proceso constante de alteración sometido a toda clase de distorsións ambientais. Desde o punto de vista diacrónico, a lingua é inapreixable, imposible de captar na súa totalidade histórica. Desde un punto de vista sincrónico, porén, as palabras constrúen as poéticas do seu tempo e espazo históricos, e por iso son obxecto de agresión continuada. A palabra autodeterminación, por exemplo, sendo un termo con gran transparencia a priori, acaba someténdose a cada espazo e tempo. Ambos, espazo e tempo, son tamén territorios ideolóxicos e políticos. Nese sentido, a historia deste termo no Estado español é moi curiosa. De estar ligado a posicións progresistas nos últimos anos do franquismo a ser voz tenebrosa nos corenta anos de restauración. De referencia teórica limpa a problema práctico complexo. Ao final, autodeterminación, o termo, é menos transparente do que coidabamos. Polo menos, politicamente. Porque filoloxicamente si que o é. O prefixo é claro: é o propio suxeito quen se determina nun ou noutro sentido, sen tutelas, sen intervención nin permiso de ninguén.

O suxeito, ese é o asunto principal, tamén ao redor deste concepto. Que suxeito colectivo existe e, por tanto, ten dereito a autodeterminarse, ou cales son os suxeitos que non existen. Pero se son suxeitos existen, entón o problema é realmente se merecen recoñecemento e posúen dereitos. Ese é o debate arredor do proceso que se está vivindo en Cataluña. É ou non o pobo catalán un suxeito colectivo e por tanto, como tal, ten dereito a decidir? Ou é apenas unha parte insuficiente dun suxeito superior ao que debe someterse porque, por algunha razón que vai máis aló de toda decisión humana, é o que acumula na súa uniformidade e na súa eternidade a totalidade de dereitos posibles? Nesa brecha habita o monstro da España autoritaria, sinal de debilidade dun réxime que tras corenta anos segue obrigado a reclamar explicitamente unha lexitimidade democrática que non posúe. O réxime do 78 é fillo dunha idea de España sometida historicamente a impugnación, un proxecto que só sabe construírse sobre a cinsa das nacións, das culturas e das linguas diferentes. Nos momentos de crise e conflito, coma o que se vive no proceso catalán, o Estado acode á coerción, talvez inconsciente de que así fai saltar polos aires a súa hipotética capacidade para dar resposta a todo aquilo que o pon en cuestión. Historicamente, o Estado español perde o equilibrio no péndulo que se abanea sen cesar entre o conflito social e o nacional e os confunde nun mesmo movemento.

A primeira conclusión do proceso catalán como movemento social catapultado ás institucións e ás organizacións políticas, con todas as súas contradicións, dificultades, perigos e precariedades, é o fracaso do modelo autonómico e do réxime da restauración. O proceso di que a España posfranquista está morta. Non conta con mecanismos que, máis alá da coerción e da violación de todo decoro na propia separación de poderes, permitan resolver as fendas abertas polas demandas e as mobilizacións sociais e nacionais, que só poderán fecharse en sentido progresista mediante unha inversión radical no estado das cousas. Primeiro, un desequilibrio en favor das clases populares fronte ás oligarquías nos tecidos da sociedade civil e nas institucións; despois, un novo proceso constituínte que só terá esa condición na medida en que sexa o resultado de procesos constituíntes das nacións e a súa posterior vontade de se confederaren ou non.

Decidir é democracia; impedir que se decida é tiranía. Esa certeza que en abstracto ninguén rexeitaría non pode someterse a restrición de ningunha clase nin ser anulada por ningunha idea esencial de nación unitaria. Ese é o conflito en Cataluña, non se o referéndum do 1 de outubro está pactado con quen non admite pacto ou se somete a unha legalidade que non dá satisfeito unha mínima parte da demanda social. Ese acto en si de non sometemento a unha legalidade insuficiente significa a derrogación de facto do Estatut, claro, e da relación de subalternidade respecto a España.

Esa é condición imprescindible mesmo para unha saída federal: o remate de toda relación de subalternidade. O proceso excita o enfrontamento entre democracia e tiranía máis que ningunha outra cousa porque nos coloca ante unha contradición que debe ser resolta: ou manda unha lei ou manda a vontade maioritaria dunha cidadanía. Ou a política serve para transformar as realidades e con elas os aparellos xurídicos e políticos, ou son os marcos xurídicos os que determinan os límites do posible e por tanto anulan de facto a política. Por iso, democracia contra tiranía. Non hai posibilidade de superar o réxime se non é mediante unha impugnación global. O procés, mesmo contra o desexo das elites catalás, tamén propón ese escenario. Non é o único que o fai, pero faino de maneira crecente e intensa.

A idea de unidade indisoluble dunha nación é irracional e historicamente ridícula. Só se pode referenciar a certo sentimento relixioso, coma se a nación fose unha entidade estraña ao devir histórico, allea a interaccións e contradicións internas e externas. Se a nación non é continxencia, non hai lugar para a razón nin para a política, o pacto non é posible, só queda a aceptación submisa dun escenario e unhas condicións impostas, como ocorreu na transición. Mais a nación é un momento histórico e por tanto resultado dinámico e persistentemente inacabado, un proceso. A nación muda, transfórmase, divídese, confedérase, mesmo desaparece ou se desfigura ata facerse irrecoñecible, como xa o é sempre na medida en que cada ser humano, cada grupo social, cada tempo teñen a súa propia imaxe da súa nación. No conflito, a unidade indisoluble como argumento e principio político cega toda posibilidade de emancipación que non pase por decisións unilaterais. Non queda lugar para ningún pacto se non hai recoñecemento mutuo. E non parece ser ese o caso en Cataluña neste momento. As forzas do réxime acoden con pracer ao repregamento autoritario. O PP ve unha oportunidade de pechar en modo reaccionario a crise de réxime e do propio partido, alagado de procesos xudiciais e posta á luz a súa corrupción esencial, presentándose ante unha España demasiado sometida  aínda ás secuelas da hexemonía cultural do franquismo como garante único da unidade  mediante a excitación do conflito con Cataluña. As débedas da súa xenética totalitaria, coma na fábula do escorpión, condúceno a despreocuparse mesmo de certo sentido de Estado e a poñer por diante o seu interese como máquina corrupta de autorreprodución. O PSOE tamén ten débedas, no seu caso ligadas ao pacto da restauración, que non lle permiten despegarse con perfil propio da pulsión totalitaria da dereita. Non posúe a súa dirixencia, aínda que si parte da súa militancia e simpatizantes, a capacidade de comprender que o momento histórico é de ruptura, que esta se vai expresando na contestación social e nacional, que decidilo todo implica tamén decidir a forma de organización. As débedas adquiridas pola xeración que pactou a continuidade do franquismo en 1978 xa non son asumidas polas xeracións posteriores. As esquerdas de ruptura, pola súa parte, menos monolíticas, viaxan entre a incomprensión, o medo ao abismo e a solidariedade co proceso grazas a un sentido profundo da democracia sen límites.

As forzas do réxime actúan como acostuman, mais parte das esquerdas emerxentes non acaban de superar débedas que xa non deberan asumir como propias. Esixir o dereito a decidilo todo parte de asumir que o marco xurídico e político impón fortísimas restricións. Enténdese, por tanto, que o exercicio dese dereito só será posible mediante a superación do marco vixente. Por iso non deixa de sorprender que quen foi valente enunciando o que non se debía nin podía enunciar acabe asumindo no conflito a restrición imposta polo réxime e as súas normas e que non hai opción a conquistas alén das fronteiras dun aparello constitucional e legal que establece con toda precisión os territorios excluídos. O pacto, o consenso e as garantías, nese escenario, poden ser estupendas intencións, pero non pasan de quimera inxenua. No mellor dos casos. Talvez este desaxustamento ten que ver coa tendencia a focalizar a acción política no plano institucional e arredala dos escenarios da sociedade civil, outra expresión do mesmo conflito, agora entre o sometemento ás leis da representación e a ruptura con ela.

Posiblemente desde as semanas posteriores ás eleccións xerais de decembro de 2015 empeza a producirse en todo o estado unha reacción conservadora que se estende tamén de maneira un tanto invasiva aos propios espazos de ruptura. A estabilización e a normalización política ocupan o primeiro plano do filme, no que colaboran moitos actores, entre eles, por exemplo, o que se reconfigura ocupando o espazo de En Marea.

A idea de estabilidade e normalización suspende toda posibilidade de ruptura. Mais ese refluxo normalizador non dá evitado que pervivan os dous focos que seguen a abrir unha fenda insoportable para o réxime: os movementos municipalistas, porque expresan unha práctica democrática que impugna e desmente as aparencias da representación política, e o proceso de Cataluña, que casualmente —ou non— tamén alicerza a súa potencia nos tecidos da sociedade civil e arrastra sen reparos as organizacións políticas, sepáraas do sentido da responsabilidade de Estado ao que se viñan sometendo, obrígas a asumir unha ruptura co existente e imponlles un programa difuso talvez pero radical na impugnación da armazón institucional do réxime. É unha cidadanía republicana constituínte que coa súa rebelión deixa ao descuberto a imposibilidade de sutura dun réxime e dun modelo de organización territorial que xa morreu, pase o que pase o 1 de outubro, desde o momento mesmo en que é designada explicitamente a súa insuficiencia e incapacidade democráticas. Aínda que os seus movementos reflexos poidan producir danos.

Pero non se trata de idealizar o proceso. A dereita catalá úsao en beneficio propio, acode a el para enmascarar unha crise da que é corresponsable, aproveita para reconstituírse e disfrazarse se for preciso de republicanismo democrático cando foi un dos piares da monarquía española e do réxime, ensaia unha forma de revolución pasiva que ademais ameaza con reducir o proceso a batalla cultural, a unha guerra de enunciados destinada a concluír nun novo pacto de elites, sexa coas españolas ou coas que gobernan e impoñen as súas condicións atroces nunha UE que nunca estivo en cuestión. Ou con ambas. A dereita intentará comandar o proceso e conducilo a un porto favorable aos seus intereses de clase, o cal non é novidade ningunha nin característica exclusiva de Cataluña. Todo iso, sendo certo, non debe servir como escusa para que a esquerda se desentenda do referéndum nin da mobilización. Ao contrario, son algunhas destas razóns as que obrigan a non abandonar o escenario social e político, a non inhibirse por temor ou por covardía, a impedir que os sectores máis conservadores poidan acabar dirixindo o proceso. A esquerda non pode renunciar a poñer toda a súa bagaxe política e programática ao dispor dun proceso de ruptura. Mesmo no campo dunha guerra cultural, de enunciados, estaría obrigada a combater co obxectivo de que o peso das decisións teña a sociedade civil como escenario e as institucións como espazo de contradición do propio réxime. Absterse entre o mantemento do statu quo, ou sexa, do Ancien Régime, e o control do proceso popular por parte dunha elite é unha irresponsabilidade histórica.

A brecha segue aberta. Pero cómpre que as forzas de ruptura co réxime, na súa pluralidade e diversidade, sexan colaboradoras e rexeiten as ofertas de estabilización e normalización. A forza de gravidade do institucional non pode ser superior á dos procesos sociais na sociedade civil. A polarización na que está instalado o proceso catalán só admite dúas saídas: unha, totalitaria, con fortes doses de represión e coerción; a outra, democrática. Non é posible fuxir desa dicotomía. Nin posible nin aceptable. Entre ambas as saídas, non hai neutralidade. E non é cuestión de dereitos nacionais, senón de democracia. De república, de liberdade, de dereito a decidir e a decidilo todo. De procesos constituíntes que de ningunha maneira se someten a normas que non poden xa asumir. Unha nova interpretación da realpolitik sería unha derrota dos movementos populares en todo o estado, non de certas visións do nacionalismo. Trátase tamén de impedir que as brechas pechen antes de que os conflitos queden resoltos en sentido progresivo, de desbordar o réxime e as súas normas e abrir procesos constituíntes. A vella legalidade xa non vai dar evitado que un pobo exprese como quere organizarse, se quere ou non pactar en pé de igualdade fórmulas de compartir soberanía. E nese escenario, a esquerda de ruptura está obrigada a comprender dúas cousas: que os procesos políticos e sociais dun pobo merecen respecto e solidariedade e que o conflito catalán máis as experiencias municipalistas constitúen os principais espazos de ruptura. O elo máis feble do réxime.

Entre a expresión, imperfecta probablemente, do dereito a decidilo todo e os espasmos dun réxime agónico disposto a facer xurdir monstros das profundidades da brecha aberta, non queda lugar para ningunha clase de neutralidade ou equidistancia. Para que en todas as nacións do estado as clases populares protagonicen procesos constituíntes de profunda dimensión democrática e republicana.

Acerca de Antón Dobao

Antón Dobao (Lugo, 1963). Escritor en tempo libre. Guionista e director. Filólogo de formación. De vida profesional ligada á Televisión de Galicia.