0 Gardados para despois

Xoán Antón Pérez-Lema

A legalidade internacional do dereito a decidir

Josep Borrell e Josep Piqué, canda Francesc de Carreras e outros unionistas cataláns, veñen de negar o dereito de Catalunya á súa libre determinación “consonte coa legalidade internacional”.

Non hai tal. O artigo 1º do Pacto Internacional de dereitos civís e políticos (1966), plenamente vixente no Estado en virtude do artigo 96 da Constitución, recoñece este derelito de libre determinación a todos os “pobos”. Mais o concepto de pobos adoita tentar restrinxirse polos unionistas aos pobos colonizados ou pobos indíxenas. Porén,  o Tribunal Internacional da ONU non limita este concepto ás devanditas categorías, recoñecendo adoito esta cualidade a aqueles que foron considerados no periodo de entreguerras pola Sociedade de Nacións  como “nacionalidades”. Velaí o caso de Galicia, recoñecida como tal en Xenebra hai agora 84 anos e tamén de Catalunya, xa recoñecida no 1926.

Quere isto dicir que existe un dereito a decidir de Galicia ou Catalunya recoñecido polo Dereito internacional? Si e máis aínda, o caso é que este dereito estaría constitucionalmente recoñecido por España, consonte co artigo 96 da Constitución, mentres non derrogue ou modifique o artigo 1 dese Pacto Internacional ao abeiro do procedemento de denuncia previsto no Tratado.

O que ocorre é que o Tribunal Constitucional optou por unha interpretación esencialista da Constitución que descoñece os efectos dos Tratados Internacionais validamente adoptados polo Estado español.  Agora ben, señores ex ministros Borrell e Piqué, non insulten a nosa intelixencia…

 

A ARRINCADEIRA. FILOSOFÍA SI

O traballo da catedrática de Filosofía Carme Adán e de tantas outras persoas foi fulcral para que se presentara hai poucos días perante o Parlamento de Galicia unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para recuperar a Historia da Filosofía como materia curricular obrigatoria do 2º de Bacharelato.

A cidadanía respostou de xeito extraordinariamente positivo (asinaron  a ILP 8.200 ), amosando non só que lle preocupa a educación, senón que quere unha educación que  posibilite para o pensamento crítico e non só provea de contidos. Unha educación que constrúa persoas e cidadáns e non simples produtores ou consumidores.

Acerca de Xoán Antón Pérez-Lema