0 Gardados para despois

Xesús Veiga

Consultar a sociedade catalá

A esta altura, calquera persoa que pretenda analizar con rigor a situación que se vive en Catalunya ten que recoñecer que xa non existe, no seo do seu corpo social, o amplo acordo que se rexistraba dende o posfranquismo sobre as fórmulas de relación coas demais nacións e comunidades que conforman o Estado español. Para comprender os factores causais desta realidade é preciso proxectar a visión analítica ao conxunto da última década. O filme do conflito nacional catalán comezou coa aprobación da reforma do Estatut -e o posterior recurso presentado polo PP diante do TC- e aínda non ten unha data concreta para o seu remate. Hai políticos -nomeadamente do PP, C's e PSOE- e diversos opinadores que pretenden reducir o foco da atención pública a determinados fotogramas recentes (aprobación de leis de ruptura polo Parlament, convocatoria dun referendo para o 1 de Outubro...), ignorando como e por que se chegou aí. Para esas persoas, a simplificación está servida: atopámonos ante unha secuencia de actos ilegais -a respecto do ordenamento vixente no Estado- que deben ser sometidos á pertinente represión xudicial. E punto. E cando se alude ao dato indiscutíbel de que nas últimas eleccións ao Parlament o 47% dos votantes apoiaron a forzas independentistas (por non citar o 70% que desexa a realización dunha consulta sobre o futuro político desa nación), a resposta colocase nun terreo no que se combina o surrealismo coa conspiranoia: se ocorre unha cousa así é porque houbo unha manipulación das mentalidades a través do sistema eduacativo e dos medios de comunicación públicos e privados. Obviamente, esa explicación non opera cando se trata de explicar, por exemplo, a persistente hexemonía política que posúe o PPdG.

A condición necesaria para atopar lugares de encontro entre as institucións de Catalunya e do Estado sería establecer un diagnóstico común sobre o que ten sucedido nos últimos anos. A partir dese acordo mínimo podería comezar o traballo -complexo e sen garantías previas de éxito- para buscar fórmulas capaces de suscitar novos consensos políticos a respecto da relación da sociedade catalá co Estado español. Dende o ano 2012, o goberno de Mariano Rajoy desprezou as posibilidades que se lle ofreceron dende outros sectores políticos: o pacto fiscal proposto polo ex-president Artur Mas ou determinadas reformas constitucionais que posibilitaran un novo status da nación catalá na arquitectura estatal. Todas foron rexeitadas dende a soberbia absolutista da maioría existente no Congreso e co arrogante prognóstico de que o proceso social e político que se vivía en Catalunya era un “soufflé” que non aguantaría o paso do tempo.

Para facer viábel unha saída á situación totalmente bloqueada na que se atopa a relación entre as distintas institucións implicadas resulta imprescindíbel coñecer a vontade da sociedade catalá a través dunha consulta específica. A negativa que veñen mantendo o PP e C's non se compadece coa reclamación de eleccións anticipadas que veñen reclamando destacados dirixentes destes partidos (e tamén do PSC).Semellante proposta supón un recoñecemento implícito de que é imprescindíbel saber o apoio que ten cada unha das opcións. Supoñamos que Puigdemont convoca, nas vindeiras semanas, eleccións ao Parlament: que dirían e que farían Rajoy, Rivera e Sánchez se o resultado mantén ou incrementa a representación política das forzas independentistas? Refuxiaríanse, mais unha vez, na coartada da legalidade constitucional?

Se quere, Mariano Rajoy pode buscar o asesoramento do seu amigo Cameron ou das forzas homólogas actuantes no Canadá. Dous exemplos históricos recentes -Escocia e Quebec- de como é posíbel artellar un referendo que permita canalizar un conflito nacional. Se hai vontade, existen mecanismos democráticos que están aceitados na comunidade internacional.

Acerca de Xesús Veiga

Economista