O 1-O ou por que o pobo catalán está facendo historia

Hai pouco estaba vivindo en Perth, Australia, e máis dunha vez rematei despois dunha boa churrascada e cervexa en man falando do mundo, e en máis dunha ocasión neste contexto preguntáronme por Catalunya. O importante deste asunto non é o que eu puidese ou soubese dicir sobre Catalunya, senón o feito de que as persoas australianas coas que convivía sabían da existencia da mesma. Non só iso, senón que coñecían que tiña lingua e cultura propia.

Nota: non intentedes preguntarlles por Galiza; non saben sequera que estamos en Europa, xa que teñamos lingua propia e que no pasado fósemos un reino déixaos alucinados.

Con esta anécdota só quero resaltar unha cousa, goste máis ou menos, Catalunya é hoxe recoñecida no mundo como suxeito colectivo. E ten lóxica, ao meu parecer, que como parte dese estatus de suxeito colectivo, ou nación, se lle recoñeza tamén o dereito a decidir sobre o seu futuro.
Habilitar procesos de consulta non é algo novo en Europa. Hai tres anos, mentres traballaba en UK, a xente de Escocia tivo un referendo onde decidía sobre a posibilidade de independizarse. David Cameron, unha persoa nada sospeitosa de ser independentista ou un radical de esquerdas, facilitou e habilitou os mecanismos necesarios pra que se levase a cabo a votación. O eslogan promovido polos unionistas era "Better together", "Mellor xuntos". Nada que ver coa posición do Goberno español, que non só impide a consulta senón que insulta de xeito sistemático as decisións das persoas (cando non as propias persoas) elixidas democraticamente polo pobo catalán. Cando menos soberbio.

Habería que recordar neste punto que Junts Pel Sí e a CUP, dous partidos abertamente independentistas, suman o 48% dos votos. Se incluímos na ecuación Catalunya Si Que Es Pot, onde hai bastante xente a favor do referendo teríamos o 60% dos votos.

En consecuencia, non podo máis que abraiarme polas declaracións de determinados políticos da dereita e da esquerda nacional-española. Pode ser certo que non existen os mecanismos legais para abordar o problema, mais non é menos certo que iso é unha enorme eiva, pois un Estado cunha riqueza lingüística, cultural e histórica tan variada debera contar con ferramentas que permitisen resolver este tipo de demandas, pois fica claro que o modelo "café para todos" é insuficiente.

Ademais, abrir espazos de debate que cuestionen o réxime actual, onde se aborden os medos e desexos da cidadanía, así como establecer mecanismos de consulta para que a xente se exprese debera ser intrínseco a calquer democracia. Preguntarlle de xeito directo ao pobo sobre que quere ser e como quere organizarse é, ou así o vexo eu, democrático.

Porén, comezo a pensar que vivimos nun Estado que peca de falta de democracia, onde non se nos consulta absolutamente nada, onde non se fomenta o pensamento crítico para que como suxeitos individuais e colectivos decidamos sobre o noso futuro e onde se destrúe a creatividade nas escolas, cando está estudado cientificamente que esta é un dos piares da resolución de problemas. Un Estado que impide un acto en Madrid a favor do referendo, mais permite que a Fundación Franco campe ás súas anchas (subvencións incluídas).

En fin, da liberdade de expresión e do dereito á información mellor non falar, como exemplo a caricatura do xornal Le Monde: "España, capital Caracas".

España, ese Estado que non ten o máis mínimo interese en recoñecer e respetar as diferentes nacións que o compoñen. Un Estado que pretende resolver un conflicto administrativamente, de forma ríxida e sen negociación posible. Un Estado que só olla para a Constitución cando se trata de coartar dereitos pero a ignora cando toca defendelos. Un Estado que se nutre dun nacionalismo español que degrada o diferente, infravalorando toda lingua e cultura que non sexa a creada por eles: "España, fiesta y toros".

"España, una grande y libre"

"España, muy españoles y mucho españoles"

"España, España, bandera, bandera"

Dito o cal, democracia sen participación non é democracia. Democracia sen liberdade de expresión ou sen liberdade de decisión non é democracia.
A participación é o que se reclama en política: que a xente opine, tome decisións colectivas e se faga responsable individual e grupalmente das mesmas. O 1-O as persoas que viven en Cataluña teñen o dereito de decidir sobre o seu futuro. Isto debérase non só aceptar senón promover pois é unha mostra de madurez política.

O referendo catalán é polo de agora o único proceso de ruptura co réxime post-franquista e pode permitir a apertura de procesos constituíntes. Si, constituíntes en plural.

Non fai falla emigrar para ser consciente de que no mundo civilizado unha consulta destas características é lóxica, viable e saudable. Tampouco fai falla ser independentista para entender argumentos e respectar dereitos, chegaría con ser demócrata.

Ás veces, chegaría con saber historia: do 16 ao 18 de setembro de 1933 celebrouse en Berna (Suíza) o IX Congreso de Nacionalidades Europeas, organismo da Sociedade de Nacións, o cal recoñeceu a Galiza como nación. Sí, Sánchez, Galicia!!!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.