0 Gardados para despois

Manoel Barbeitos

Turismo e riqueza

“O turismo é  fonte de riqueza, emprego e prosperidade” (MARIANO RAJOY, Presidente do goberno español)

Diálogo real nun coñecido restaurante de Compostela:
Restaurador: Será un contrato a media xornada para toda a temporada turística, catro meses (xuño-setembro).
Demandante de emprego:  Estupendo. Que horario tería?
Restaurador: De oito da tarde (20 horas) a 12 da noite (24 horas)
Demandante de emprego:  E … canto vou cobrar?.
Restaurador: Uns 450 euros brutos por mes.
Demandante de emprego:  Vale, entón si quere xa empezo mañá.  Estarei  aquí un pouco antes das 8 da tarde.
Restaurador:  Si claro, pero tes que vir antes (2 horas) para ir preparando as mesas. Ah!,  é tamén terás que  limpar (2 horas) antes de marchar. Pero todo ese tempo non conta como xornada laboral. Como ves, traballo non che vai faltar.
Demandante de emprego: ?????

Na presente década tivo lugar na actividade turística un importante cambio de tendencia debido especialmente a que se disparou o turismo internacional de masas. A crise de Oriente ven ser o motor fundamental dese cambio.

Un cambio que a nivel galego supón unha mais que notable expansión da demanda turística reflectida nun importante incremento –superior ao 20% anual- das visitas turísticas: España converteuse no segundo destino turístico de Europa con Galiza recollendo o 5,3% deses destinos o que a coloca, en función do número de turistas e de estadías, como sétima comunidade turística española. Un incremento nas visitas que unido a un incremento tamén no gasto medio supón un crecemento mais que notable dos ingresos por turismo: as cifras mais optimistas sitúan no 11% do PIB galego a apartación da actividade turística. Unha apartación que sendo relevante non suporía mais que un 17,5% da apartación total do sector servizos e equivale a un terzo do que aporta a industria. Nembargante, hai que ter claro que estas cifras que manexa o sector realmente corresponden a todo o sector de hostalería no que o turismo non é precisamente quen aporta maior riqueza, papel este que si lle correspondería a demanda interna.

Unha demanda turística que, como dicía, en Galiza ten marcadas diferenzas coa española xa que depende basicamente da demanda interna española e galega quen supoñen o 70% da demanda global. Galiza recibe unha media anual superior os 4.000.000 visitantes –e as 7.500.000 estadías- que reflicten un 35% de ocupación, valor que está claramente por baixo da media española (50%). Unha ocupación que, asemade, presenta unha fortísima concentración xeográfica: entre  as Rías Baixas (34%), Compostela (19%) e A Coruña (12,5%) absorben o 65,5% da demanda. Dadas as características dos territorios galegos de maior demanda turística ben se pode afirmar que estamos falando maiormente, seguramente coa excepción de Compostela, dun turismo de temporada o que supón un turismo con un forte compoñente estacional. Variables ambas que, nembargante o incremento da demanda, relativizan a importancia do turismo no global da riqueza galega

Dende o punto de vista da oferta cabe destacar que si durante a pasada fase expansiva houbo un notable incremento da mesma, coa recesión tivo lugar un claro estancamento. Se o número de establecementos turísticos estabilizouse en torno aos 1.500 e o de prazas en algo mais das 61.000, o nivel de ocupación movese en torno ao 35% o que nos da idea dun exceso de oferta de prazas. Unha oferta turística que crea o redor de 6.300 empregos directos –con unha perda de 1.300 durante a grande recesión- (Informes Anuais Economía Galega, www.afundacion.org). Unha cifra que apenas representa o 3% dos empregos no conxunto do sector de hostalería,  un 1% dos empregos no sector servizos un 0,7% dos empregos totais en Galiza. Cifras que, cando menos, reflicten dous feitos relevantes: 1. A relativa importancia da actividade turística de masas no conxunto do sector hostaleiro galego, 2. A actividade hostaleira en Galiza depende globalmente mais da demanda interna que da externa.

Con estas dimensións e características –demanda e oferta- pensar que o sector turístico pode ser o motor de crecemento da economía galega non deixa de ser un sofisma. Unha evidencia que se confirma cando temos en conta as características de outras variables relacionadas, directa e indirectamente, coa actividade turística en Galiza. Como por caso o emprego, variable na que o sector turístico en Galiza destaca por estender e xeneralizar a precariedade no mercado laboral posto que o redor do 90% dos empregos turísticos son de carácter temporal con salarios que, por caso, non chegan ao 50% do salario medio na industria: “o pouco emprego que crea o turismo é precario, fraudulento e con salarios baixos”. Unhas temporalidade e precariedade que debilitan aínda mais unha demanda interna xa de por si moi feble impedindo un crecemento económico sólido e sostible.

O turismo cando é de masas produce o que se dá en chamar externalidades negativas ou deseconomías externas que, en linguaxe sinxelo, significa que a actividade turística intensiva causa danos en outras actividades produtivas que se resenten da súa presión o que afecta a riqueza e ao emprego. Algo que se en Galiza é mais visible por caso na costa e en cidades como Compostela, afecta nembargante a todo o país.

Como sinalaba anteriormente as Rías Baixas concentran en Galiza unha parte moi relevante da demanda turística. Un territorio no que miles de familias viven e dependen da actividade marisqueira. Unha actividade produtiva que, logo de duras e longas loitas, ten logrado en Galiza un moi alto nivel de calidade e aceptación no mercado o que repercute moi positivamente nos ingresos das/os mariscadoras/es e, xa que logo, na economía local. Como nos confirmaron cualificadas representantes do sector, a forte presión turística está tendo un impacto moi negativo sobre os cultivos e a produción marisqueira pois, por caso, moitos turistas consideran as zonas de cultivo como territorio libre: “na zona hai moitos turistas … que en tempos chegaban a pagar a súa estancia co marisco que collían … hoxe moitos pensan que poden seguir facendo o que lles contaban seus pais, cando as vacacións lles saían gratis … isto obríganos a vixiar moitas horas. Poden chamarnos do todo menos guapas” (“Organizarse para resistir e vivir da profesión”. TEMPOS NOVOS, abril 2016). Asemade e co gallo de fomentalo turismo de masas moitos concellos costeiros favoreceron, de xeito irresponsable, a construción salvaxe no seu municipio o que amais de carrexar unha auténtica desfeita urbanística e medioambiental na costa galega mudou a faciana produtiva da mesma sen que supuxera un incremento da riqueza e do emprego locais nin un maior crecemento económico para Galiza. Pero que si carrexa en casos moi notables un grande dano ambiental –velaí os casos paradigmáticos das Illas Cíes e/ou a chamada Praia das Catedrais como mostra de ata onde pode chegar a cegueira e a avaricia humanas-.

Compostela empeza a ser vítima do seu propio éxito turístico. Como lle está a pasar a outras cidades monumentais europeas (Barcelona, Venecia, París, Praga…) a intensa presión turística deriva en crecentes problemas locais como por caso que se disparen os prezos dos alugares, que se deteriore o comercio local, “que se poña en risco a cohesión social, a identidade histórica e cultural, a saúde e a calidade de vida  dos seus habitantes”. Unha situación que está xerando un crecente rexeitamento popular e cidadán.

Finalmente hai outro fenómeno, non estudado suficientemente, relacionado co turismo de masas e que apuntei anteriormente. A actividade turística demanda man de obra non cualificada. A súa expansión, en substitución doutras actividades produtivas con maior valor engadido, vai en prexuízo da man de obra de maior cualificación que, diante de falta de oportunidades, vese obrigada a acudir a emigración ou, no peor dos casos, integrarse no exercito de desempregados.

Velaí que a relación entre turismo e crecemento económico sexa, con frecuencia, conflitiva. Unha realidade que se agrava se os poderes públicos, como está a suceder en Galiza e en España, non interveñen regulando a actividade turística que, como toda outra actividade económica, precisa de regulación pois do contrario non coadxuva ao crecemento económico e a creación de emprego senón todo o contrario. Moitos políticos, expertos e profesionais do turismo en Galiza parecen esquecer que, hoxe por hoxe, calquera actividade económica esta relacionada con outras actividades e/ou sectores económicos pola vía da demanda e oferta agregadas. E o sector turístico non é unha excepción nin moito menos.

Acerca de Manoel Barbeitos

Economista