0 Gardados para despois

Bernat Marco

De obediencias, golpes de estado e dereitos

“Nos cepillamos el Estatut de Catalunya” (Alfonso Guerra). En novembro do 2005, o mesmo día que se admitía a trámite no Congreso a reforma do Estatuto de Catalunya, o PP tentaba de xeito fallido presentar un recurso de inconstitucionalidade contra unha lei que aínda non estaba nin aprobada. O ambiente político madrileño xa viña caldeado dende a tramitación mesma do Estatut no Parlamento catalán, cun Rajoy desatado, con aquilo de que “(España) Es una realidad obstinada que nadie podrá cambiar a su capricho” (ABC, 6 de febreiro de 2005). A estratexia de acoso e derribo do PP tiña a dobre finalidade de vencer nas seguintes eleccións ao PSOE e de profundizar na visión retrógrada, uniformista e centralizada do Estado español. Velaquí onde encaixa a concentración “pola unidade de España” do día 3 de decembro do 2005, as comparacións sistemáticas entre o Estatut catalán e ETA, e onde toma corpo a infame campaña de recollida de sinaturas contra a reforma estatutaria.

Unha cousa que quedou clara neste contexto de crispación política foi que, en esencia, boa parte das teses do PP en relación a Catalunya eran amplamente compartidas por moitos dos varones territoriais do PSOE e polos gurús do partido (os Bono, Felipe González, Guerra, etc). Isto viuse de xeito cristalino coa polémica entre Felipe González e Pascual Maragall no marzo do 2005. Guerra, que presidia daquela a Comisión Constitucional do Congreso, diríao sen pelos na lingua: “Te pones a mirar así y negrita, negrita, negrita (...)”. A negrita -que dicía el- eran as partes que se esixiron eliminar ou modificar para chegar aos Pactos da Moncloa que abrian o camiño á aprobación do texto no Congreso. O que sigue é a aprobación do Estatut en Catalunya por referendo popular e a impugnación inmediata do texto (xa recortado no Congreso...) ao Tribunal Constitucional (TC). A sentenza de xuño de 2010 deixaba sen eficacia xurídica o preámbulo e declaraba nulos ata 14 artigos do texto. Dobremente cepillado.

O golpe de Estado. O profesor Pérez Royo ofrece unha lectura interesante do impacto da sentencia do TC no 2010. Apunta a que a Constitución española e o Estatuto de Autonomía como mecanismos de integración territorial afundíronse cando a sentenza desautorizou o pacto político e quitou a derradeira palabra á cidadanía catalá. “Utilizaron el Tribunal Constitucional para cargarse la Constitución. Y ahora no saben como gestionar el golpe de Estado que ellos mismos dieron” (El Nacional, 26 de febreiro de 2017). Os efectos deste “autogolpe” eran impredecibles.

Agora ben, supoñer que todo seguiría igual era un acto de enorme inxenuidade. O día 10 de xullo do 2010, en resposta á sentencia do TC, saíron ás rúas de Barcelona centos de milleiros de persoas, un millón segundo a Guardia Urbana, baixo o lema “Somos unha nación, nós decidimos”. Os límites do marco autonómico estábanse a poñer de relevo. Había outro factor que entraba en xogo. En boa medida, a crítica á xestión da crise económica por parte do PSOE primeiro e do PP despois, coa austeridade a ultranza e as receitas antisociais por bandeira, tamén se vehiculou a través dun movemento soberanista en clara expansión. As mobilizacións de masas con capacidade de incidir, e de facelo de xeito notable na axenda política, pasaban a ser unha das chaves do novo escenario.

O recente endurecemento da lexislación penal e de seguridade, xunto coa atribución de novos poderes ao TC, non hai dúbida que se dirixía a reaccionar diante do incremento da conflictividade social nos anos da crise e diante o desafío separatista. A deriva é perigosa, temeraria, porque tende a normalizar medidas de excepción na vida política e, nestas situacións, un adoita saber como entra no barullo pero non sabe nunca como sae del. En Catalunya estase a erguer con toda a súa impotencia e malas artes a peor versión do Estado espanyol. A pregunta é se de verdade hai alguén que cre que a vontade maioritaria de votar en referendo, acreditada nas enquisas e manifestada repetidamente nas rúas, pode ser restrinxida deste xeito. Non é propio de estados autoritarios o uso da forza, das querellas, das inhabilitacións políticas, da ameaza, para frear un movemento pacífico, cívico e democrático?

Ex facto oritur ius. O recoñecemento do dereito á autodeterminación aparece xa de maneira xeralista na Carta das Nacións Unidas e recóllese na Declaración Universal de Dereitos Humanos. É falsa a idea que se converteu nun magister dixit da política española e que consiste en negar a aplicabilidade do dereito a aqueles territorios que non se atopen baixo dominación colonial ou adminsitración estranxeira. Os Pactos Internacionais sobre Dereitos Civís, Políticos, Económicos, Sociais e Culturais (1966) e a Acta Final de Helsinki (1975) afirman cun carácter universal o dereito. En ningún caso, como sostiñan algúns en base á Resolución 2526 (XXV) das Nacións Unidas, o dereito á autodeterminación tense que limitar en base ao principio de integridade dos estados. A Opinión Consultiva da Corte Internacional de Xustiza de xullo de 2010 resultaba altamente clarificadora expoñendo, como argumento central, que o principio de integridade territorial só é aplicable ás relacións entre estados e non aos fenómenos internos (dereito á autodeterminación).

A esixencia de obediencia a un TC desacreditado, que actua de parte, é a forza á que apelan os chamados partidos constitucionalistas (PP, PSOE e Ciudadanos, principalmente). Isto responde á interpretación máis franquista posíbel da Constitución do 1978, a que se consolida coa tentativa de golpe de estado no 1981 e co espírito da LOAPA no 1982. Gennaro Ferraiuolo e Jorge Cagio publicaron fai pouco un libro no que procuraban xustificar que, sen a marcada tinguidura ideolóxica de unitarismo e esencialismo rancio que domina a interpretación do texto constitucional, era viable habilitar camiños que permitiran a expresión do pobo catalán en referendo. Requería vontade política. E estes, afeitos a unha cultura política da imposición, do medo e do golpe de puño na mesa, nunca quixeron abordar esta cuestión dende unha perspectiva democrática. Agora estamos onde estamos. E ao principio de legalidade interna que esgrime o Goberno español, deslexitimado, inmerso nunha deriva autoritaria, contrapónselle un principio emerxente, recoñecido no dereito internacional público e fundado no exercicio da autodeterminación dos pobos, como é o principio de efectividade. Velaí a pugna entre o querer ser e o deber ser, entre a vontade democrática e a imposición do status quo.

Acerca de Bernat Marco

Historiador e colaborador da ANC-Galiza