Por que Filosofía?

Non hai currículum inocente porque a educación é política. A educación reflicte a visión que a sociedade ten sobre si mesma e o xeito de como pretende reproducirse. É un produto social e como tal móvese coas transformacións que se suceden ao longo do tempo. Desde a década dos anos setenta do pasado século a predominancia do papel económico do sistema educativo é un feito que non deixou de afirmarse e confirmarse até o momento presente. Foise, así, perfilando unha nova orde educativa ao servizo da competividade económica e adaptada aos trocos demandados por unha nova dinámica de acumulación do capital, coas correspondentes mudanzas tecnolóxicas, e que se expresa en fenómenos como a globalización ou en lóxicas ideolóxico, normativo e culturais coma o neoliberalismo. Os requerimentos da economía sitúanse no centro da vida individual e colectiva sobredimensionando determinados valores como a eficacia produtiva, a competitividade, o individualismo, a mobilidade persoal, afectiva e mental así como o éxito e o enriquecimento a calquera prezo. Aínda que formalmente os deseños curriculares se elaboran nos ministerios de educación o guión para esta elaboración procede dos ministerios de economía e das grandes e poderosas institucións económicas e empresariais.

Neste cadro a filosofía resulta incómoda. Faise sospeitosa e molesta nesta pretensión de trivializar o pensamento e a reflexión nun tempo que trata de magnificar o técnico, o práctico, o aplicado e o inmediato. O coñecemento como regulamentación gañou a batalla ao coñecemento coma emancipación. Desvalorízase o que non é útil na reprodución delirante do capital; o que non pode ser apropiado e posto ao seu servizo; o que non está inserido no círculo incesante dos beneficios económicos. Combátese o que pode desvelar mecanismos de dominación e  desprestíxiase a procura do coñecemento desinteresado porque sempre acabará sendo crítico. Penso, malia todo, que hai certa arrogancia na expresión de que a filosofía ensina a pensar; de principio, non máis que outros saberes ou experiencias. Somos pensantes inevitabelmente e con todo pensamos e en todo pensamos: cunha pinga de auga caendo do ceo ou cunha monumental construción teórica. Agora ben, si que existe algo nisto que chamamos filosofía que posibilita xeitos de pensar, entendido coma xeitos de abordar, de estruturar, de enfocar, de interrogar ou de criticar e cuestionar sobre todo o fáctico e o contrafáctico, incluso sobre o propio pensamento, proeza esta última de dimensións colosais. A filosofía apórtanos e fornécenos cunha bagaxe e un instrumental macizos para superar atrancos e ampliar horizontes no proceso e na actividade de pensar; algo que,  precisamente, nunca resultou grato ao poder.

En consecuencia hai unha pretensión de suprimir ou reducir a filosofía, e o seu potencial crítico,  nos sistemas educativos. O novo suxeito que se pretende producir é un individuo orientado á aplicación de coñecementos estratéxicos dentro dunha profesión especializada e xulgada como útil no mercado ao mesmo tempo que realiza funcións polivalentes e flexíbeis. Traballadores adaptados ás actuais esixencias da produción, onde cómpre ser quen de acceder rapidamente a saberes novos e aplicalos perante situacións imprevistas, mais con enormes carencias dunha cultura común e xeral. Estase a dar un abandono de obxectivos cognoscitivos en beneficio de competencias unicamente ligadas á empleabilidade; incremento de saberes instrumentais e competencias flexíbeis en detrimento de enfoques ou orientacións holísticos e relacionais. Un vertixinoso deslizamento da transmisión de saberes face á adquisicion de competencias que favorezan a adaptabilidade ás demandas do mundo empresarial. Fórmanse caracteres moldeabeis para variacións existenciais e profesionais en constante mudanza. Os saberes contémplanse exclusivamente como ferramentas ou stocks de coñecementos operativos e utilizabeis para resolver algo sen afondar no mesmo.

Reflexionaba así o profesor belga e grande investigador nesta temática, Nico Hirtt: “A carencia de rigor, os saberes mal estruturados, as competencias prácticas sen base teórica, a adaptabilidade sen reflexión non conducen á persoa máis que a renunciar a comprender, a aceptar todo sen interrogarse sobre nada. Este é o cidadán responsábel que a escola se encarga de proporcionar a esta sociedade mercantil do século XXI”. A súa vez Boaventura de Sousa Santos anima á teoría actual a explorar e analisar todas aquelas formas específicas de socialización, de educación e de traballo que promoven a xeración de subxectividades rebeldes ou, pola contra, de subxectividades conformistas. Ánimo e parabéns a todos os que levades a bandeira da dignificación da filosofía porque estades promovendo a subxectividade rebelde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.