Feijóo, Rajoy e o PP aínda non cortaron o cordón umbilical co franquismo

Debemos recuperar a memoria histórica se queremos entender por que o PP se nega a eliminar a simboloxía franquista, membros do Goberno participan en actos de exaltación do franquismo e homenaxe ao “Caídos”; reciben distincións da Fundación Francisco Franco por “defender la memoria del Caudillo” e incumprir a Lei da Memoria Histórica, como Juan Antonio Morales, secretario provincial do PP de Badaxoz e deputado na asemblea rexional de Estremadura.

 

As orixes do Partido Popular

Manuel Fraga Iribarne, Gonzalo Fernández de la Mora, Licinio de la Fuente, Laureano López Rodó, Cruz Martínez Esteruelas, Federico Silva Muñoz, todos ministros nos gobernos de Franco, xunto con Enrique Thomas de Carranza (coñecidos como “Os sete magníficos”) foron algúns dos dirixentes políticos franquistas que rexistraron Alianza Popular (AP) o 10 de outubro de 1976, sumándose tamén outros ex–ministros franquistas como Carlos Arias Navarro e Gregorio López Bravo.

Nunca condenaron a ditadura e sempre recoñeceron a “obra de Franco”. Entre os principios fundacionais deste partido figuraba: “Rechazamos toda ruptura e exigimos respeto para la obra de un pueblo de casi medio siglo”. Así recollían os medios de comunicación a celebración do primeiro congreso de Alianza Popular:

NEOFRANQUISTAS ENTUSIASMADOS CELEBRARON SU PRIMER CONGRESO
Los siete líderes de Alianza Popular anunciaron su federación y el paso hacia un partido único.
Gritos de Franco, Franco de 3.000 fervorosos congresistas” (portada do xornal Diario 16 do 7 de marzo de 1977)

Despois de sucesivos fracasos electorais de AP (16 deputados nas eleccións de 1977, 10 en 1979, como Coalición Democrática; 107 deputados en 1982, cando UCD comeza a súa desaparición; 105 deputados en 1986, como Coalición Popular), decidiron reconverter AP en Partido Popular no congreso celebrado o 20 de xaneiro de 1989.

 

Negan que a ditadura de Franco chegou por unha sublevación militar e fascista

Para o PP a sublevación do 18 de xullo de 1936 é responsabilidade da República. Nunha entrevista en El País, en 2007, Manuel Fraga manifestaba: “Los muertos amontonados son de una guerra civil en la que toda responsabilidad, toda, fue de los políticos de la II República. ¡Toda!”. Na mesma liña argumental de Fraga, Diego Gago, presidente de Novas Xeneracións do PP, nun debate sobre a memoria histórica en V Televisión, sinalaba como motivos que provocaron a Guerra Civil “unha serie de confrontacións sociais”, sen mencionar para nada que existiu un golpe de estado. Jaime Mayor Oreja, ex- ministro do PP non condenaba o franquismo , facía unha exaltación da ditadura e falaba de “extraordinaria placidez” na que se vivía na ditadura. E Mariano Rajoy nunha entrevista de Jordi Evole dicía que “no tiene claro que sea cierto” que miles de españois non saiban onde están os seus avós e que “no cree que el Gobierno pueda hacer nada para arreglarlo”.

 

Declaracións de desprezo e agravio ás vítimas do franquismo

Rafael Hernando, portavoz do PP no Congreso: “Los familiares de las víctimas del franquismo se acuerdan de desenterrar a su padre sólo cuando hay subvenciones”. Pablo Casado, vicesecretario de Comunicación do PP: “Los de izquierdas son unos carcas. Todo el día con la fosa de non sé quién”. David González Medina, que fora dirixente de Novas Xeneracións do PP e despois presidente do PP de Xixón, manifestaba o 18 de xullo de 2015: “La obsesión de la izquierda española por reescribir la historia y desenterrar los muertos de la Guerra Civil para realimentar el odio”

Manuel González, alcalde de Baralla (Lugo) negouse no pleno municipal de 26 de xullo de 2013 a condenar os crimes da ditadura franquista e, referíndose aos condenados a morte, dixo: “será porque lo merecían”. No pleno de debate sobre o Estado de Autonomía de 17 de outubro de 2013, Feijóo e o PP rexeitaron unha proposta de Resolución do BNG para que dimitisen os cargos públicos que xustifiquen os crimes do franquismo.

Senén Pousa, alcalde do PP de Beade (Ourense) desde 1974 defínese como “franquista ata a médula” e mantén no seu concello unha rúa Caudillo “porque non molesta a ninguén”. Cada 20 de novembro, coincidindo coa data da morte do ditador, celebra unha misa para honrar a Franco. Sobre o financiamento ilegal do PP ten as cousas moi claras: “todos se financian con dinero de empresas a cambio de obras. Nadie regala nada y todos enchufan a los suyos”

 

Exhibición de simboloxía fascista, honores aos “Caídos”

Jorge Roca, candidato do PP en Xátiva nas eleccións municipais de 2015 e outros dirixentes de Novas Xeneracións exhibían simboloxía nazi nunha foto en agosto de 2013 ante un mausoleo para soldados do bando franquista. Nun acto convocado o 26 de outubro de 2013 pola Asociación de Víctimas do Terrorismo, e apoiada polo PP, contra a sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, que eliminaba a chamada “Doctrina Parot”, houbo unha exhibición de bandeiras e consignas franquistas: “Otra dictadura sería mejor que ésta democrática”.

O PP nunca tomou medidas para frear a propaganda do fascismo e rexeitaba o 25 de setembro de 2013 unha Proposición non de Lei de Izquierda Plural e UPyD para que a apoloxía do franquismo estivese tipificada no Código Penal e que aqueles partido que a practiquen sexan ilegalizados automaticamente.

Aina Aguiló, dirixente do PP de Palma de Mallora, participou o 1 de novembro de 2015 nunha concentración ante o monumento franquista de Sa Feixina (en lembranza do Cruceiro Baleares) de homenaxe a “Los Caídos por España”, con bandeiras falanxistas e gritos de “independentistas, a la fosa”.

Juan José Imbroda, presidente da Cidade Autónoma de Melilla asistía con outros altos mandos militares o 13 de marzo de 2017 ao enterro dos restos do golpista xeneral Sajurjo no panteón de Melilla, despois de que o concello de Pamplona (alcaldía de EH-Bildu) decidira a inhumación dos restos de Sanjurjo e outros militares golpistas como o xeneral Mola. Criticaba Imbroda que “algunos quieren ganar la guerra ahora”.

Continúan os actos de homenaxe aos “Caídos” e golpistas coa presenza de membros do goberno do PP. José Antonio Nieto, número dous do ministerio de Interior, participaba o 14 de maio de 2017 en Dos Torres (Córdoba) nunha xura civil á bandeira, organizada polo exército do Aire, que remataba depositando flores ante o Monumento aos Caidos. María Dolores de Cospedal visitaba na Semana Santa de Málaga de 2017 a confraría da Misericordia onde está a tumba de Joaquín García Morato, aviador franquista, condecorado polos bombardeos en varias cidades andaluzas.

 

O PP négase a cumprir a Lei da Memoria Histórica

Antonio Pozo, alcalde do PP, négase a cambiar o nome do seu concello, Guadiana del Caudillo, o mesmo que Ana Rivelle, alcaldesa de Alberche del Caudillo. Emilio Bravo, alcalde do PP de Mora (Toledo) negábase a retirar a Franco a Medalla de Oro de la Fiesta del Olivo, concedida en 1966. A proposta de Izquierda Unida foi rexeitada polo PP e a abstención do PSOE. Estes foron os argumentos do PP: “La Historia es la Historia”; “No hubo buenos ni malos”; “la gente está centrada en otras cosas y no estas”. E acababa con esta invitación: “Dejar de remover estas cosas”.

Carles García Fas, presidente de Novas Xeracións do PP do Vall d´Uixó, manifestaba a súa “indignación” nas redes sociais pola retirada dun escudo franquista nun instituto e dicía que a ditadura franquista foi “uno de los agentes que hizo grande a nuestra ciudad”.

PP e Ciudadanos negábanse a retirar o nome de José Antonio, fundador da Falanxe, ao Colexio de Educación Infantil e Primaria de Fuente Álamo (Murcia). Luis Leandro Martínez do PP e alcalde pedáneo de Aljubé, do concello de Tobarra (Albacete), despedía así o programa de festas: “¡Viva San Isidro y la Virgen de Fátima! ¡Arriba España!”

Antonio Román, alcalde de Guadalaxara polo PP, négase á retirada dos nomes de rúas franquistas e reclama a unha asociación memorialista 2.057 euros como taxas pola exhumación de 28 persoas asasinadas polo franquismo, entre elas, Timoteo Mendieta.

José Ballesta, alcalde de Murcia do PP, resístese a retirar o nome das rúas Francisco Franco, General Mola, General Sajurjo, General Moscardó, José Antonio, General Yagüe. Alberto Félix Maestro García, alcalde do PP de Alar del Rey (Palencia) négase en agosto de 2017 a retirar os nomes das rúas: Generalísimo Franco, Queipo de Llano, Calvo Sotelo, General Mola, 18 de xullo, José Antonio Girón, General Sanjurjo, como denuncia a plataforma cívica “Alar del Rey no es franquista”.

Mentres aquí as fundacións franquistas reciben todo tipo de facilidades e o PP négase a eliminar a simboloxía franquista, en Alemaña toman medias para cambiar o nome de cuarteis do exército que honran a oficiais do exército de Hitler. E a ministra de Defensa ordena a retirada dun retrato na universidade de Hamburgo do ex–canciller Helmut Schmidt ataviado co uniforme do exército nazi.

A nivel internacional, o PP tamén se alínea cos sectores máis reaccionarios e dereitistas do partido Popular Europeo (PPE). Cando se producen en maio de 2017 os atentados terroristas en Mánchester, o goberno ultradereitista de Hungría atribuía a responsabilidade desas accións criminais a Unión Europea, relacionando migración e terrorismo. Cando varios deputados do grupo do PPE pediron a expulsión do partido Fidesz do PPE, os deputados do Partido Popular non apoiaron esa petición.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.