Referendo, democracia e Estado de excepción

Así como o calendario se vai achegando ao 1 de outubro, o tempo acelérase, a gravidade dos acontecementos deforma o tecido espacio-temporal e as leis que rexen o universo en que vivimos parecen avisar da súa probable suspensión. Para un réxime de matriz totalitaria, un acto político que exprese a vontade dun suxeito colectivo negado é unha ameaza extrema. Un colapso absoluto. Crise terminal. E nesas estamos.

Esa sensación nos produce o acontecemento catalán, entendido todo el coma un proceso de base que fermenta pouco a pouco nos nódulos máis inflamados dese espazo de conflito constante que denominamos sociedade civil. E tanto se acelera o tempo, que, mentres escribimos estas liñas, o Estado de excepción instaurado de facto polo goberno español e as súas consecuencias están a modificar nun pestanexo equilibrios, posicións e mesmo conceptos e debates de hai apenas dous días. Tal e como as mobilizacións en todo o Estado e o seu reflexo nas redes sociais demostran, xa non falamos de independencia, federalismo, autonomía, referendo, pacto, procesismo, garantías ou constitución escrita; falamos de democracia fronte a totalitarismo. A resposta autoritaria do Estado español  contra a lexitimidade democrática que teima en expresarse o 1 de outubro amosa a natureza do monstro herdeiro do réxime franquista. E con ela, a evidencia correlativa: ata aquí chegou o Frankenstein que creu xuntar nun corpo formalidade democrática e principios totalitarios. A doenza do réxime é terminal.

O réxime en crise radicaliza a coerción, aparenta manter a cohesión co uso de toda a forza do seu aparello mediático, policial, xudicial, político. A involución autoritaria non é exclusiva do Estado español, é característica deste momento histórico de crise orgánica e caos sistémico. Maniféstase na destrución de dereitos, liberdades e conquistas das clases populares e do movemento obreiro, na clausura dos valores republicanos de liberdade, igualdade, e fraternidade. No Estado español, que participa orgulloso nesta vaga regresiva e violenta contra as clases subalternas, a ausencia dunha tradición e dunha constitución antifascista, democrática e republicana excita unha reacción represiva especialmente grave que acompaña o réxime desde as súas orixes, caracteriza a loita contra as disidencias políticas e satisfai as expectativas das capas máis conservadoras, tradicionalistas e reaccionarias da sociedade española. Os desafíos á crise orgánica abertos polos movementos soberanistas e os procesos sociais e políticos espertan estes mecanismos reaccionarios de defensa do vello mundo que non quere morrer. E o monstro emerxe desa brecha histórica. A coñecida imaxe gramsciana expresa con enorme exactitude o que está ocorrendo.

O proceso catalán de autodeterminación nace e desenvólvese na sociedade civil. É a cidadanía do común a que impón condicións e obriga as forzas políticas. O referendo do 1 de outubro non é o capricho nin o programa das elites, é unha determinación política da cidadanía. A mobilización determinada a facer valer o dereito a decidir, unha reclamación de democracia que reacciona á burla do Estado contra o Estatuto de nación que aprobara o pobo catalán e as súas institucións, é hoxe a principal brecha aberta no tecido avellado e corrupto do réxime do 78. Unha  mobilización sostida e plural, cívica e democrática, que a través dunha  práctica desobediente desborda os marcos do réxime e impugna unha legalidade imposta e sen lexitimidade popular. O dereito é posterior ao poder constituínte, e a cidadanía catalá non se recoñece nun marco xurídico e político incapaz de satisfacer as súas demandas, non xa nacionais, senón sociais e fundamentalmente democráticas. Esa contradición latexa no proceso e vai máis alá do uso instrumental que a dereita nacionalista puidera querer facer. A cidadanía expresa a súa insubmisión á lei e á autoridade do Estado e propón o seu roteiro constituínte e republicano, nun asalto á lóxica restritiva da representación, pedra angular do réxime burgués. Neste sentido, non é un dato menor a resposta democrática que o proletariado está opoñendo á estratexia do Estado, que vai desde a implicación activa de sectores laborais coma o dos estibadores portuarios ata a probabilidade dunha folga xeral convocada polos sindicatos de clase. Os movementos do proletariado catalán indican tamén recomposición nos espazos de dirección e nos equilibrios internos do proceso.

Tal como nos ensina a Historia, dende Rosa Parks ata Gandhi, os dereitos non se conceden, conquístanse coa desobediencia e a insubmisión ás normas, que sempre aparentan ser marcos eternos, inmutables, infranqueables. É a mobilización popular a que permite abrir  novos territorios. O exercicio do dereito a  decidir está a ser un feito en Cataluña, a sociedade vive en pleno proceso de autodeterminación e de construción da súa república, que poderá ou non confederarse con outras en pé de igualdade. E a xente nas prazas sabe que non necesita permiso de ninguén. Abonda coa súa propia lexitimidade, e con iso expresa a distinción entre esta e a legalidade. A democracia non se somete á legalidade, como queren facernos crer, senón á lexitimidade da maioría social, e esta, mediante exercicio democrático, dará lugar a unha nova legalidade. As xeracións posteriores ao pacto de elites da transición e do réxime do 78 non nos sentimos comprometidas coa herdanza que nos seguen impoñendo.

As  forzas que defenden o dereito a decidir non poden facer del unha abstración. O lugar é Cataluña; o momento, agora mesmo e o 1 de outubro. Adiar case indefinidamente o exercicio do dereito a decidir, á espera dun pacto e dun encaixe que nin o réxime permite nin a cidadanía catalá asume, parece, como pouco, unha inxenuidade. Lembra  as vellas organizacións socialdemócratas, que concibían a revolución socialista como un horizonte lonxincuo que se esvaece cada vez máis nas  bretemas do futuro. É quimera apostar por un referendo pactado e unha saída negociada cos que segan dereitos e  liberdades fundamentais, deteñen e acusan de  sedición (clásica linguaxe franquista), ocupan sedes, prohiben a celebración de actos ou impoñen o asedio preventivo con medidas extremas, de excepción encuberta, de absoluta arbitrariedade, contra ese gran perigo que é unha consulta popular, un acto democrático, sequera sexa imperfecto. O 1 de outubro cuestiona o modelo  autonómico e o propio concepto de soberanía nacional española, invalida de facto os esteos en que repousa o escanastrado edificio da restauración posfranquista. Non pode haber democracia nin república federal sen procesos constituíntes protagonizados polos diferentes pobos das nacións do Estado. Na cuestión nacional, o réxime sostense sobre o piar relixioso dunha única, eterna e indivisible Nación. Mais os feitos desmenten o dogma. O dereito a decidir é a determinación dunha cidadanía republicana de construír espazos nos que non só se decidan modelos territoriais senón todo o que a todas e todos nos afecta. O proceso catalán e os movementos municipalistas de cambio son os que, coas súas contradicións e as súas formas de sortear a violencia que se lles opón, colocan o réxime en transo de ruptura. Os movementos municipalistas expresan a posibilidade dunha democracia de base para políticas do común construíndo espazos propios de decisión; o proceso catalán ispe e amosa a fenda aberta no modelo autonómico e a necesidade dun cambio en chave republicana que engaste as demandas nacionais nas sociais.

O 1 de outubro é susceptible de debate e crítica, sen dúbida, mais o acto de votar é unha manifestación cívica, pacífica, desobediente, rupturista e constituínte. Na actual fase represiva, opoñerse ao dereito a votar o 1 de outubro outorga lexitimidade discursiva aos partidarios de agudizar a coerción. Insistir nunha consulta pactada como alternativa ao 1 de outubro, e non complemento se for preciso, xustifica sen querelo a negación da lexitimidade do referendo simplemente porque non cabe na legalidade do réxime. As iniciativas de diálogo e a apertura de espazos de debate que parten da asunción explícita do dereito a decidir son importantes. Ningún demócrata poderá opoñerse a esas iniciativas, mesmo desde un apoio crítico. Mais calquera  iniciativa que as esquerdas do Estado, independentistas ou confederais, tenten impulsar en apoio ao dereito do  pobo catalán a decidir deberían ligar a denuncia da represión coa defensa do dereito a participar no referendo do 1 de otubro. Chamar a participar, como fan todas as forzas da esquerda en Cataluña, máis alá de matices e diferenzas tácticas lexítimas, é defender a democracia en Cataluña e tamén no Estado español.

O benestar e o futuro dos pobos do Estado e das súas clases subalternas depende da capacidade de mobilización e de articulación de novos procesos constituíntes. O Estado español e a propia Europa, nunha fase de crise orgánica, está mergullado no proceso de ruptura aberto entre intereses de clases e de pobos que necesitan libre determinación para desenvolverse en paz, creativamente, mediante o respecto das súas culturas, das súas linguas, dos seus dereitos a existir e a decidilo todo. Nese escenario, nestes tempos de urxencias, sen equidistancias nin neutralidades, as contradicións e os antagonismos non nos son alleas. O conflito catalán non enfronta gobernos nin moito menos pobos, que sempre serán solidarios entre si; o conflito enfronta a cidadanía constituínte de Cataluña a un Estado de matriz totalitaria e un aparello xurídico e político incapaces de satisfacer ningunha demanda de liberdade e benestar, dispostos a un peche da crise en modo autoritario. As forzas políticas e sociais de ruptura, que en todos os territorios do Estado impugnan este réxime e as súas consecuencias nefastas para as vidas e o benestar das persoas, tamén aquí, agora e hoxe, toman partido. Pola democracia e o dereito a decidir, a decidilo todo; fronte ao réxime e a súa  represión. Coa conciencia de que, máis alá de coerción e marcos legais vixentes, a ruptura entre Cataluña e o Estado é un feito que abre novos escenarios e esixe propostas que teñan o dereito a decidir como principio democrático fundamental. Articular solidariamente en todo o Estado unha resposta ampla, plural e diversa ao medo e a negación contribuirá a derrubar os diques que teiman en conter a vontade dunha maioría de conquistar o futuro.

O escenario de crise e ruptura apenas ten dúas saídas: unha en modo reaccionario, mediante a represión de toda insubmisión e a centralización compulsiva do Estado; a outra, en modo de procesos constituíntes que dean lugar a un novo escenario no Estado e nas nacións que fan parte forzosa del. Optar por ruptura e novos procesos constituíntes esixe abandonar ambigüidades e equidistancias e apoiar o 1 de outubro nun  panorama que obriga a definirse. O propio proceso entrou desde hai uns días noutra fase na que xa non se pode seguir discutindo de garantías ou saídas pactadas, da diferenza entre o posible e o óptimo, senón que obriga a delimitar os campos enfrontados: democracia contra totalitarismo. O 1-O non acaba nin empeza nada, pero condicionará o futuro. Todos os pobos, e non só o catalán, facemos parte da ecuación. A posibilidade de que o réxime profundice na súa vía autoritaria e impoña condicións totalitarias, medo e destrución de dereitos oponse á necesidade de impugnar as súas normas nacionalistas e de clase para abrir brecha nunha creba democrática que nos permita, desde unha concepción radical da soberanía popular e da democracia, decidilo todo desde abaixo. Construír, en definitiva, República dos e das Comúns.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.