7 claves para entender o procés catalá dende a esquerda (e a democracia)

Mentres escribo estas palabras, milleiros de cataláns, entre eles querid@s amig@s, atópanse resistindo a noxenta represión policial do poder da oligarquía española. Enlazando brazos e mans, non só están resistindo e loitando polo dereito a exercer a súa autodeterminación votando, senón que están loitando por facer valer os dereitos democráticos de tod@s nós, fronte aos poderes coñecidos e fácticos que arruínan o noso futuro neste mundo.  Amig@s cataláns, hoxe sodes exemplo de dignidade e rebeldía, espállese o exemplo! .

 

1. Dereitos humanos e democráticos.

Sinxelo. O Procés é un conxunto de mobilizacións populares masivas, para poñer en práctica un dos dereitos humanos e democráticos recoñecidos universalmente (supostamente), o dereito de autodeterminación das nacións e dos pobos. A negativa mediante ameazas e represión a permitir un Referendo libre e democrático en Catalunya, volve a visibilizar ben claro que vivimos nunha ditadura encuberta do capital, tanto no reino español herdeiro do franquismo como na U.E dos mercaderes, na que o actual estado español esta inserto.
A defensa das loitas populares polas liberdades, dereitos e soberanía dos pobos, debería ser un valor sagrado e irrenunciable para calquera persoa ou grupo que se considere, progresistas, de esquerda ou simplemente demócratas.

 

2. Proceso republicano masivo.

Como apuntan varios articulistas, entre eles Suso de Toro, o Procés esta sendo o único movemento estatal, masivo e mantido no tempo, co obxectivo de rachar co réxime do 78, de subordinación á constitución dos herdeiros da ditadura fascista. Aquí ante os nosos ollos, mobilizacións de 2 millóns de persoas pedindo alto e claro unha república, e acabar dunha vez no seu país coa mafia borbónica medieval xamais votada. As oligarquías españolas nunca soportaron que Portugal resistira o seu xugo monárquico, agora terá que presenciar como outro gran territorio se independiza. Vivan as Repúblicas !!

 

3. Quen son os que están na contra ?

Rajoy, Sánchez, Rivera, e os seus respectivos partidos políticos, representantes directos dos intereses do Ibex 35, da banca, das grandes multinacionais, da Igrexa Española, das tramas corruptas e do máis rancio e nocivo nacionalismo español imperialista. Todos os grandes medios sicarios da información, propiedade do establishment marca España dende Antena Pez ata La Secta (suposta cadea progresista) vendendo, como non, o discurso do medo.

Dende fora das fronteiras do reino, os presidentes e ex-presidentes das fraude-democracias de Alemania, Francia, U.K ou E.E.U.U ou o lacaio da banca Juncker e toda a casta da U.E, dos mercaderes e da alianza criminal da OTAN. Sobran máis explicacións, dende a esquerda claro.

 

4. O Procés dividiu e divide ao inimigo de clase.

Tratase dun feito público. En liñas xerais a gran burguesía catalá é contraria ao Procés, mentres que a mediana e pequena burguesía está a favor. Ademais a dereita política subdividiuse tamén entorno ao Procés. A dereita nacionalista catalá (lembremos que esta dereita foi tamén perseguida polo fascismo) dividiuse en 2, CiU escindiuse en PDeCat e Unió. Mentres que a dereita nacionalista Española en Catalunya é onde máis acrecenta a súa fractura, e Ciudadanos despraza con creces a un Partido Podre residual, co racista noxento Albiol a cabeza. E o máis importante, o pacto entre a oligarquía catalá e a oligarquía española fica quebrado, cousa que despois da humillación efectuada pola segunda non ten visos de recompoñerse, alomenos nun tempo. Cando o inimigo se divide, o pobo aplaudimos, é a nosa vitoria.

 

5. O reino de España contra as cordas.

Como nun bo capítulo de Xogo de Tronos, o reino de España está contra as cordas. Por momentos narco-estado, Cid Campeador ou trama inmobiliaria, un dos estados europeos con maiores índices de desigualdade, desemprego, pobreza, emigración e corrupción; a marca Espanha da máis vergoña allea e ningunha ilusión de pertenza. Engadiremos unha historia común baseada na conquista, na imposición e no espolio dos pobos peninsulares, por parte dese conxunto de poderes fácticos encabezados por ditaduras militares asasinas, a mafia borbónica e a súa partitocracia. Seguiron humillando ata os nosos tempos, co seu “Pujol, enano, habla castellano!!” e negando unha negociación sobre o Estatut e tensionaron o xugo ata que “besta” se rebelou. Agora fan o único que os pobres retardados saben facer. Perseguen  papeletas e urnas, deteñen a consellers cataláns e ameazan a centos de alcaldes electos polos seus veciñ@s, pechando páxinas web, ameazando con penas de anos de cadea as cabezas visibles do Procés, tratando de dar un golpe de estado  contra a democracia catalá.
Os idiotas e escuros represores están alimentando e cargando de razón ao movemento de liberación nacional catalán. Como dixo Joan Tardá:  “Contra a súa represión, DEMOCRACIA!!”.

 

6. Novas oportunidades de loita social nun futuro estado capitalista máis feble.

Como podemos derivar das explicacións anteriores, unha futura República Catalá sería no seu inicio un estado cunha burguesía e unha dereita política febles, divididas e en continuo enfrontamento político. Unha República con menos policía e sen exército.  Neste novo escenario e cunha sociedade moi mobilizada (e en explosión de activismo), sería unha oportunidade de ouro; para que o conxunto da súa esquerda nacional incidise fondamente no deseño e impulso dunha nova sociedade baseada nunha constitución moderna, marcada dende trazos de poder popular encamiñado cara a consolidación de dereitos e liberdades individuais e colectivas, a blindaxe e ampliación dos servizos públicos e a creación de normas para unha DEMOCRACIA AVANZADA E PARTICIPATIVA. Catalunya liberaríase de entrada dos actuais corpos represivos, da Guardia Civil, da policía e do exército español, así como de todas as institucións pragadas de mandos corruptos de ideoloxía e práctica antidemocrática.
E, no caso de que o novo parlamento decidise ampliar a súa policía ou formar un novo exército, sería de novo unha oportunidade histórica de ouro para crear forzas militares populares, con formación cultural e intelectual humanista ao servizo da nova República e defensoras dela.

 

7. Papel contra-revolucionario da progresía nacionalista española.

As direccións políticas de Podemos-I.U-PCE, a progresía reformista nacionalista española atacou e ataca ao Procés, repetindo coma un mantra que esta liderado pola dereita neoliberal catalá. Menten, e fanno a sabendas. Todos eles saben que o independentismo catalán foi historicamente mantido pola esquerda cun apoio de entre o 20-30% da poboación, e este novo incremento ata o 50-55% dende 2011 en diante, non se debe só a suma nos últimos anos da dereita catalá, senón a un proceso social complexo crecente e TRANSVERSAL. De  todos xeitos o movemento foi tan alá, e a reacción represora tan brutal, que esa dereita catalá xa non se pode baixar do carro. Alén diso, chamarlle oligarquía as Diadas de 2 millóns de persoas e a metade dos votos emitidos en Catalunya, é un insulto á intelixencia propio de forzas reaccionarias como o PPSOE.

Prodúceme unha mestura de rabia e noxo escoitar a Pablo Iglesias auto-ensalzarse como “la garantía de la unidad de España”, ou ver a Alberto Garzón atacar cada día con mentiras ao proceso democrático dun pobo irmán, ou a Julio Anguita dicir algo como “las CUP que tienen un ligero sentido de la izquierda”... Só despois dunha rebelión interna dalgunhas das bases das chamadas “confluencias” e ao tremendo golpe antidemocrático exercido polo estado nos últimos días, provocou que todo este grupo comezara a atacar publicamente as medidas represoras e a posicionarse no que eles chaman como un Referendo Pactado. Nada novo baixo o sol, dende a traición eurocomunista e pactista do carrillismo, as dirección políticas do PCE-I.U, desenvolveron un incoherente sentimento nacionalista español, reaccionario e impositivo, herdando da cosmovisión nacional franquista en troques do principio necesario da defensa da soberanía dos pobos, algo básico e fundamental para calquera persoa de esquerdas. Como escribía Pablo Hasel fai un par de anos “ Lo que le jode a la izquierda reformista española, es que la burguesía de Junts pel Sí este desobedeciendo más que ellos”.

A desobediencia escribe a loita dos pobos e a loita de clases. Sen desobediencia seguiriamos traballando en xornadas de 16 horas para cobrar 2 patacos (e estamos indo cara ahi), as mulleres seguirían sen poder votar, Marrocos e Filipinas seguirían sendo colonias do imperio español e en Suráfrica seguiríanse tratando aos negros como subhumanos.
 
Millóns de cataláns, de toda clase, orixe e idade, están decididos a construír con máis e mellor democracia a súa República soberana, e abren camiño ao resto dos pobos-nación sen estado, oprimidos polo entramado oligarca do estado español.

URNA GRANDE Y LIBRE !!
Con R, de República e con R de Revolución.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.