0 Gardados para despois

David Rodríguez

8 cousiñas a propósito dun artigo de Álvarez Junco

O historiador José Álvarez Junco —a quen hai tempo, por certo, lle lin un libro excelente titulado Mater dolorosa. La idea de España en el siglo XIX que ben deberían ler os que falan dos 500 anos de historia de España— publica no diario El País o artigo "Democracia y nación". Un texto que me serviu para remoer algunhas ideas que enumero a seguir:

1. O artigo é tautolóxico. Remata caendo no que denuncia: asume a existencia dun demos a priori español que, na tesitura política actual, ten que sentarse a falar e negociar entre si. É un pouco a postura de Unidos Podemos, quen tamén son incapaces, como lle recordaba Ramón Grosfoguel a Monedero neste vídeo, de imaxinar que o demos España poida ser cuestionado, de aí que a idea de plurinacionalidade que propoñen é, en realidade, un refrito do Estado das autonomías onde a nación España concede a autonomía ás demais, en lugar de propor unha idea de España que sexa froito da libre decisión de cada unha das nacións de federalizarse, confederalizarse ou constituírse en Estado independente.

2. Esa incapacidade para non ver que se está a partir dun demos a priori non discutible politicamente (pero que unha e outra vez é discutido desde as "periferias" ao longo da historia de España), é o ángulo morto desde o cal o nacionalismo español é incapaz de verse a si mesmo. É o momento en que os nacionalistas españois conciben o nacionalismo como se fose a halitose: algo que sempre lle sucede ao outro.

3. Álvarez Junco recorre a un dos tópicos habituais. Fala de como os nacionalistas cataláns apelarían á unidade da nación catalá se, por exemplo, en Tarragona, se cuestionase o demos catalán. O pequeno problema é que isto é un contrafáctico. Algo que, se ben podería ocorrer, nunca ocorreu. Non polo menos de xeito continuado e con entidade relevante ao longo da historia e, desde logo, non no presente. Se algún día ocorrese, naturalmente, os nacionalistas cataláns deberían abordar ese problema democraticamente.

4. A diferenza do que lle sucede co demos español, si hai posicionamentos —desde a esquerda española realmente soberanista— capaces de argumentar sobre a inexistencia do demos europeo. Fronte esta visión, os europeístas consideran que ese demos, se non existe, si ten unha base histórica e que, co proxecto da UE, estaría camiño de forxarse definitivamente, polo que o demos español (e o grego como vimos recentemente) debería sacrificar a súa soberanía por un fin pretendidamente superior. Aí, o ángulo morto desaparece, e os soberanistas españois son quen de percibir con claridade a súa propia existencia e tamén perciben como o fin pretendidamente superior europeo non ten porque selo teleoloxicamente se para iso substrae a soberanía do demos español. Con esta operación de toma de consciencia, estes españois soberanistas, descubren, vaia por deus, que a eles tamén lles cheira o alento.

5. Álvarez Junco contrapón os "sentimentos vs. o racional". Os primeiros non serían materia política, senón que se tratan de materia puramente subxectiva. En cambio, a negociación do racional-español —dentro do a priori chamado demos español (este, naturalmente, alleo a calquera tipo de sentimentalismo e froito, non sabemos ben, se dun plan racional divino) sería o abordable politicamente.

6. Nós cremos que España é un estado-nación falido. A revolución liberal española foi incapaz (afortunadamente) de transformar a campesiños en cidadáns homoxéneos culturalmente. Para máis INRI, á par desa incapacidade, xurdiron, no s. XIX, outros proxectos nacionalizadores alternativos ao español: velaí os Rexurdimentos, Renaixenças etc.

7. Historicamente, o Estado español foi capeando o seu carácter falido, que recurrentemente agroma, mediante a violencia. É o que no fondo quería dicir Ortega y Gasset con aquilo de que o problema catalán non ten solución, e que a un só lle quedaría convivir con el resignadamente. Se cadra por iso, finalmente, Ortega —o liberal, republicano e europeísta  recuperado na Transición polo intelectual colectivo chamado El País e polos socioliberais do PSOE— acabou apoiando o golpe de Franco: a saída violenta para atallar as reivindicacións do Movemento Democrático (no sentido de Arthur Rosenberg) que tomaba forma tanto a través do movemento obreiro coma dos distintos proxectos nacionais que ameazaban con chegar a bo fin durante a II República.

8. No panorama político das esquerdas españolas actuais, canda a esquerda nacionalista española incapaz de verse no espello (ou pouco honesta para recoñecelo), agromou unha esquerda que poderiamos calificar de "cosmopolita abstracta" e antiestatalista —as autodenominadas "cidades rebeldes" cando se poñen estupendas e "cidades do cambio" cando se poñen "responsables", como entes universalistas suspendidos, maxicamente, no aire. Deixemos aparte que este novo municipalismo, na dialéctica nacional que marca a politica española unha e outra vez, cumpre o mesmo cometido que o tradicional municipalismo do PSOE: apoiar implicitamente o proxecto nacional xa constituído como Estado. Preguntémonos por que a posición deste cosmopolitismo abstracto de tipo negriano é absurda e idealista: Porque é imposible que haxa democracia sen previamente definir un demos. E definir un demos é, sempre e inevitablemente, definir un Estado, sexa cal sexa a dimensión territorial deste.

Acerca de David Rodríguez

Trata de gañar a vida como deseñador gráfico. Colaborou en medios como Vieiros e Altermundo.  Publicou teatro, poesía e ensaio. Desde o 2005 mantén o blog O Funambulista Coxo do que ten publicada unha escolma en papel titulada Retomar a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro.