0 Gardados para despois

David Esperón

Por que unha Mostra do Posible?

A xente non adoita mercar un electrodoméstico por ter o último modelo. Polo xeral se pensa no investimento: postos a gastar o diñeiro, mellor mercalo novo, ¿non?. Cando mercamos buscamos a eficiencia, a comodidade, incluso certo luxo. Pero, de uns anos para aquí, adoitamos engadir: e se ademais dura

É de dominio público que hoxe en día os electrodomésticos, os carros ou as lámpadas teñen data de caducidade. De xeito intencional, acúrtase a vida útil de obxectos que poderían durar ata décadas, garantindo así que o sistema de consumo non se deteña. Chamamos a isto obsolescencia programada.

É unha mostra do sensentido do sistema económico no que vivimos e que cada vez máis xente queremos cambiar. É un sistema irracional, ademais de inxusto e cruel, que está poñendo en perigo a vida no planeta Terra.

Pero existen propostas que amosan que podemos tomar as rendas e cambiar a situación, construíndo pouco a pouco un sistema máis xusto, mediante iniciativas pequenas e eficaces. Á vez, canta máis xente as coñeza, maior será o seu impacto e a súa capacidade para erguerse como alternativas reais fronte ás dinámicas propias do sistema capitalista.

Ámbitos tan inaccesibles ata o momento coma o financeiro, as telecomunicacións, a enerxía, ou a produción e distribución de alimentos ─onde o control reside en multinacionais profundamente antidemocráticas e opacas na súa xestión─, están agora potencialmente en mans da sociedade.

En cada un deles existen entidades de economía solidaria que poñen ás persoas no centro da actividade económica, é dicir, traballan seguindo a lóxica do beneficio mutuo fronte á da competitividade, guiándose pola sustentabilidade e o emprego racional dos bens e servizos fronte á ausencia de límites do neoliberalismo. 

Cando calquera de nós empeza a usar unha destas entidades pode ser, á vez que cliente, membro na toma de decisións colectivas e beneficiario da boa marcha da entidade. Podemos facernos clientes, xerentes, e partícipes dunha entidade que ten entre as súas preocupacións construír unha sociedade máis xusta. A música, polo de agora, soa ben.

É comprensible certo escepticismo xeneralizado ante os proxectos colectivos, xa que nunca foron sinxelos. Son moitos os erros a que nos enfrontamos para chegar ata aquí, pero a fórmula da economía solidaria é hoxe por hoxe unha realidade contrastada: milleiros de persoas confiamos nela para resolver cuestións da nosa vida cotiá, mediante entidades que traballan en sectores diversos onde levan anos demostrando eficacia e eficiencia.

A economía solidaria, pese a non estar moi difundida, amosa un crecemento constante e obstinado. A cidadanía empeza a intuír que é posible, que hai alternativas reais e non soños quiméricos duns cantos utópicos.

Ao noso arredor consolídanse respostas colectivas e horizontais que miran cara ó futuro e permiten constatar que o beneficio mutuo é máis rendible ─a todos os niveis─ que a competencia entre iguais.

Pese a todo, sempre existirán cuestións nas que o foro para a participación colectiva sexa o Estado (que sabemos que non somos todos, pero xestiona cousas que nos atinxen a todos). Para cada ámbito de aplicación dunha política pública, existen colectivos organizados e movementos sociais esforzándose a diario por prantexar alternativas para mellorar a xestión pública e que denuncian os efectos nocivos para o futuro deste tren sen control da privatización e o consumo infinito.

Por necesarias que son, é difícil que esas voces cheguen a ser escoitadas. Vivimos nunha tela de araña de información na que recibimos centos de mensaxes distintas que, máis que reducir a incerteza, xeran confusión. O cidadán está tan saturado que non ten enerxía para preocuparse do que di un colectivo concreto sobre un tema.

Por sorte, nos últimos tempos asistimos ao nacemento de novos medios de comunicación que apostan pola información comprometida e de calidade, manténdose sempre a pé da rúa e tentando darlle voz ás distintas causas sociais, á vez que aportan unha pluralidade de voces ao debate que non terían cabida nos medios do mainstream.

Na Mostra do Posible poderemos coñecer moitas das propostas que se realizan dende diferentes colectivos, dende iniciativas medioambientais, do sistema sanitario, educativo, cultural, ou dos dereitos sociais.

Animámosvos a pasarvos pola Mostra do Posible para coñecer as propostas dos máis de cincuenta colectivos que estarán con nós na Alameda Nova de Cangas do Morrazo os vindeiros 7 e 8 de outubro. Alí, entre os postos dos colectivos participantes, poderedes coñecer as súas propostas e cómo poden servos útiles. Tamén coñeceredes xente interesante e poderedes asistir a varias palestras. E pola noite teremos concertos en directo para pasar un bo rato, porque xa sabedes o que din de facer unha revolta sen baile.

Vémonos na Mostra do Posible.

Acerca de David Esperón

David Esperón (1978) é licenciado en Psicoloxía e membro da Rede de Solidariedade Popular (RSP) de Vigo. É un dos organizadores do festival Primaveira do Cine e coordinador xeral da primeira Mostra do Posible.