'Descarboniza! Que non é pouco…'. Pequenos grandes cambios colectivos fronte ao cambio climático

Imos comezar sen rodeos: o Cambio Climático é unha evidencia, a comunidade científica é unánime na súa existencia, en que é responsabilidade do ser humano e nas ameazas que proxecta. En consonancia, os escenarios futuros son pouco prometedores –un planeta extremadamente cálido e un clima caótico–, e iso se só temos en conta a dimensión climática da crise ambiental na que estamos inmersas. Sen poñernos demasiado pesimistas, poderiamos falar da crise enerxética e o esgotamento dos combustíbeis fósiles, da crise de biodiversidade e a masiva extinción de especies, ou da crise social e a disgregación das comunidades.

Con este panorama, a resposta das sociedades contemporáneas dista moito de ser a desexábel. Mesmo coa crecente alarma científica, con advertencias cada vez máis apremiantes sobre a necesidade de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, a reacción da humanidade, e nomeadamente dos seus gobernantes, bascula entre a incompetencia, a ignorancia, a inxenuidade ou a fantasía; ou unha mestura irresponsable de todo xunto.  No mellor dos casos, as propostas de solución que se están manexando están a ser parciais, de curto prazo, descoordenadas, superficiais e predominantemente tecnolóxicas. Un panorama pouco prometedor dado que non temos outro planeta ao que trasladarnos, que facer entón?

Por suposto, podemos agardar a ver que pasa. Confiar en que os responsábeis políticos tomen cartas no asunto e articulen unha resposta internacional que garanta unha transición enerxética equitativa, asegurando unha vida digna, non só para unha pequena porcentaxe de privilexiados, senón da meirande parte da humanidade e do resto de seres vivos cos que compartimos a Terra.

Ou podemos comezar a facer cousas por nós mesmas. Nesta liña de traballo preséntase o proxecto “Descarboniza! Que non é pouco…”.

 

Xestación e nacemento

Desde hai máis dunha década, o Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA), da Universidade de Santiago de Compostela (USC), está a analizar como percibe a cidadanía o Cambio Climático e que dispositivos e iniciativas sociais e educativas resultan exitosas na súa interpretación e na posta en práctica de accións que reduzan a emisión de gases de efecto invernadoiro. Neste enfoque está implícita a premisa de que, máis aló da súa obxectivación a través de representacións científicas, os problemas ambientais chegan a ser interiorizados polas comunidades humanas a través de procesos de construción social da realidade que son determinantes na forma en que se valoran e se reacciona –ou non- diante das ameazas que comportan. Subxace, por tanto, o propósito de atopar solucións en clave social e cultural á crise ambiental.

Coa vontade de reverter na sociedade o traballo desenvolvido, no curso 2015-2016 comeza o deseño dun proxecto de intervención social que pretende aplicar os resultados das diversas investigacións, buscando reducir en clave socio-cultural a distancia sideral que afasta da crise climática a vida cotiá da maioría das persoas e das comunidades da nosa contorna.

Algunhas claves: nas nosas sociedades cada vez son máis as persoas que se declaran convencidas da realidade do cambio climático e da súa natureza antropoxénica, mais non se concibe como un reto nin como unha responsabilidade propia  . É un problema, si, pero non se establece, ou non se quere ou pode establecer, unha relación directa coa nosa vida cotiá; non é nin relevante nin significativo.

Heras, Meira e Benayas explican moi ben a molesta situación… “A sensación de incomodidade ante o fenómeno do cambio climático adivíñase, de feito, como un denominador común para medios, políticos e cidadanía: para os medios, resulta un tema difícil de tratar, ademais dunha potencial fonte de conflitos cos intereses dos anunciantes; para os políticos trátase dun tema pouco atractivo, xa que é difícil suscitar apoio popular formulando o problema con toda a súa crueza, ou defendendo medidas de resposta que conleven regulacións e autolimitacións; para os cidadáns é unha fonte de medo e frustración, xa que moitos intúen que ninguén quedará indemne ante unha ameaza que se anuncia como profunda e de dimensión global, á vez que perciben unha escasa capacidade persoal para influír sobre a evolución do problema” .

Sabemos, pois, como representa a cidadanía o cambio climático, e algunhas das claves que poden axudar a sentirse corresponsábel da problemática e actuar, a través da presión ás distintas administracións e gobernantes e/ou mediante o cambio de hábitos e comportamentos. E ademais, contamos coa experiencia acumulada, de numerosas prácticas educativas e iniciativas sociais que conseguiron, e están a conseguir na actualidade, cambios significativos en barrios, vilas e cidades. Metodoloxías de intervención nas que destacan as actividades vivenciais que conectan ás persoas co problema e o traballo grupal e/ou comunitario que lle outorga proxección social. É dicir, que reducen a distancia entre unha ameaza global que se representa distante no tempo e no espazo e os marcos vitais significativos para as persoas.

Con estes ingredientes comezamos a cociñar o Proxecto “Descarboniza! que non é pouco...”, co que se busca organizar e acompañar grupos de persoas que estean dispostas a “descarbonizar” os seus estilos de vida, reducindo así as súas emisións de gases de efecto invernadoiro.

Cómpre dicir que, aínda botando man do símil culinario, o proxecto non busca unha receita máxica, cada grupo e cada comunidade precisa da súa adaptación. O elemento grupal e participativo adquire aquí un protagonismo esencial; a través de varias sesións de traballo, o grupo adquire coñecementos sobre o cambio climático e a crise ambiental, e decide que facer e como. Desta forma búscanse accionar varios resortes conxuntamente: a corresponsabilidade coa problemática, incidindo positivamente no que se pode facer, nomeadamente de forma colectiva; a organización de actividades vivenciais, que conecten co sentir das participantes; o reforzo intragrupal das accións a poñer en marcha, sobre todo a nivel emocional; ou o sentimento de comunidade, asumindo os seus límites e potencialidades. En resumidas contas, quérese impulsar a resiliencia comunitaria a través do traballo cun grupo de persoas desa comunidade.

 

Un comezo ilusionante

Unha vez definida no plano teórico a metodoloxía de intervención cumpría avaliar a súa aplicación na práctica. E foi neste punto cando xurdiu a posibilidade de “probar” o proxecto no Concello de Santiago de Compostela, posto que desde a Concellería de Medio Ambiente e Convivencia queríase desenvolver un proxecto de Educación Ambiental sobre Cambio Climático, no marco das actuacións previstas para a redución de gases de efecto invernadoiro a nivel municipal –que incluía outras actuacións nas luminarias das instalacións municipais, a flota de transportes públicos ou a aposta polas enerxías renovábeis–.

Durante primeiro semestre do 2017 o Grupo SEPA desenvolveu unha iniciativa piloto na que se tomou como referencia o traballo que se viña desenvolvendo nos Centros Socioculturais (CSC) do Concello. A través de varias sesións formativas, afondouse nas causas e consecuencias do Cambio Climático así como das accións que poden poñerse en marcha para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro de forma persoal e colectiva con tres grupos iniciais: un grupo xuvenil no CSC de Vite, unha asociación de mulleres rurais da parroquia de Lavacolla e un grupo mixto no CSC de Fontiñas.

Despois de catro meses de traballo, a avaliación da metodoloxía de intervención foi moi positiva, nomeadamente co público sénior e de terceira idade; neste caso, alén das dinámicas e contidos previstos, o traballo coa memoria individual e colectiva revelouse un exercicio fortemente motivador, ligando os recordos dun “pasado de baixas emisións” coa súa actual cotidianeidade e as accións necesarias en clave de descarbonización.

 

Ampliación e consolidación

O limitado do tempo do proxecto piloto deixou varias accións pendentes de executar, se ben o seu grao de desenvolvemento e, sobre todo, a positiva resposta dos grupos cos que se traballou propiciaron a continuidade de “Descarboniza! Que non é pouco…” no Concello de Santiago de Compostela. No curso 2017-2018 traballaremos en 6 CSC con dúas liñas de actuación prioritarias:

  • A coordinación de accións. Na actualidade, o Concello de Santiago de Compostela está a desenvolver varios proxectos que directa ou indirectamente podería ligarse ao proxecto “Descarboniza…” (compostaxe comunitaria, hortas urbanas, tropa verde, etc.). Por outra parte, os Centros Socioculturais seguen a revelarse como as mellores plataformas para o traballo con grupos. Buscarase, por tanto, buscar sinerxías entre estes dous elementos para acadar un maior impacto e coordinación das actuacións a desenvolver.
  • Un público sénior. Posto que a metodoloxía de intervención resultou especialmente efectiva con públicos adultos e, sobre todo, con públicos sénior ou de terceira idade, centrarase a atención precisamente nestes destinatarios. O seu carácter como vectores de intervención na comunidade e a súa dispoñibilidade temporal fan deles un colectivo cun enorme potencial. Ademais, existen moi poucas iniciativas de Educación Ambiental que traballen con este grupo.

Cómpre engadir que o traballo co público adulto non é excluínte doutro tipo de intervencións. De feito, nun dos CSC traballaremos cun grupo xuvenil, posto que as actividades ligadas á memoria colectiva teñen un enorme potencial para o desenvolvemento de experiencias interxeracionais que, de forma simultánea, cheguen a públicos de distintas idades.

 

Responso final e anecdotario

O Proxecto “Descarboniza! Que non é pouco…” quere ser, por riba de todo, unha iniciativa honesta e coherente, coas participantes e con nós mesmas. Entendemos a investigación social como unha ferramenta para a transformación da sociedade, analizando a realidade e promovendo accións que enfronten os retos contemporáneos.

O Cambio Climático non vai deixar de existir pola posta en marcha do noso modesto proxecto, mais estamos convencidas de que contribuír a unha maior capacitación da cidadanía é o camiño a seguir, o máis digno e o máis responsable.

Finalmente, por se alguén se pregunta de onde saíu o nome do proxecto diremos que despois de que a equipa de traballo de “Descarboniza! Que non é pouco…” lle puxera este nome, caeu na conta da homenaxe involuntaria (será cousa do subconsciente) á película “Amanece que no es poco”; mais desde entón non deixamos de darlle voltas á cantidade de cuestións que a película ten en estreita relación coa problemática ambiental, en xeral, e o cambio climático, en particular. Tal foi así que no mes de abril convidamos o director José Luís Cuerda a conversar sobre a súa película e as nosas interpretacións. Podedes velo aquí.

Para máis información e seguir a actualidade do proxecto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.