0 Gardados para despois

Susana Montesinos

O pobo catalán escribe a súa historia

Se podes ollar, vê. Se podes ver, repara, di Saramago. Ás veces as cousas na vida son dunha claridade meridiana, non hai unha galería de grises, non. Os feitos, entón, móstranse cunha luz cegadora. Neses casos, vivir quere dicir tomar partido, como tanto se repetiu estes días. Entón agradeces ter nacido muller, de clase baixa e nación oprimida, aquilo que nos fai tres veces rebelde, como dicía Maria Mercè-Marçal.

O domingo, ser de esquerdas significaba estar do lado dos oprimidos, era sentirse interpelado, tanto si eras do “si” como do “non”, na defensa das liberdades políticas e de todo tipo, non había outra.

Escribo este artigo cunha mistura de sentimentos, cunha tristeza infinita porque o domingo á mañá espertei coas imaxes das cargas policiais no meu barrio, a Barceloneta. Un barrio, que malia a voracidade do turismo, garda coma un ben prezado o espírito de barrio, de xente traballadora que esa mañá coma en moitos outros lugares de Catalunya ergueuse para defender o seu dereito lexítimo e democrático a votar. Mais tamén sinto o orgullo de sermos un pobo unido e combativo. Faltan palabras para expresar tanta dignidade, tanta coraxe e determinación.

Ao longo de todo o 1-O, sucedéronse as imaxes da acción das forzas da incultura e da barbarie, imaxes da máis dura represión, a brutal violencia do Estado contra cidadáns indefensos. Un Estado que non só non quixo atender o conflito catalán, senón que pensa que a solución é despregar 7000 efectivos da garda civil que coma animais cheos de rabia empregaron técnicas de tortura e vexación. Como é o caso de Marta, a quen un garda civil lanzou escaleiras abaixo e unha vez alí, rompeulle tres dedos da man. Non imos esquecer todas esas imaxes, ferían, entraban polos ollos e atravesaban o corpo enteiro para instalarse nun lugar impreciso entre o estómago e o cerebro, ese lugar onde fica para sempre máis, aquelo que nos doe, que nos fai mal.

Mais tamén os nosos ollos teñen contemplado estes días e en especial o 1 de outubro, imaxes marabillosas que falan da dignidade, da coraxe e da firmeza do pobo catalán. Como aquela de Sant Iscle de Vallalta, cando entraron os axentes no “Casal de gent gran” e atoparon @s voluntari@s xogando unha partida ao dominó após agochar as urnas nun nicho do cemiterio. Unha chea de   historias todas emocionantes e emotivas que alguén terá que recoller nun libro. Como a da praza que a partir de hoxe chámase “Plaça 1 d'octubre” en Aiguaviva, onde se viviu un dos asedios policiais máis duros, unha praza que antes levaba un nome distinto “Plaça de la Constitució”. Unha praza que gardará para sempre a historia- a privada e a pública- aquela que escribimos con maiúsculas, como dicía María Zambrano. Porque a historia non só se escribe nos libros, tamén nas paredes das vilas e as cidades.

Acerca de Susana Montesinos

Filóloga e profesora de catalán.