A rexeneración ética da economía

Espertar cada día con noticias pesimistas non é agradable para ninguén, e moito menos cando o catastrofismo acada as cotas nas que ultimamente nos vemos inmersos. Tras un tempo de indecisión, o tan agardado rescate non tardou en asomar pola porta dunha España sumida nunha crise da que pouco sabemos realmente e que semella difícil de curar. Non é un simple catarro, máis ben trátase dunha pulmonía que nos está obrigando a gardar cama durante un bo lote de tempo.

Tras un tempo de indecisión, o tan agardado rescate non tardou en asomar pola porta dunha España sumida nunha crise da que pouco sabemos realmente e que semella difícil de curar

Coa prima de risco por riba dos 500 puntos e coa rendibilidade do bono a 10 anos moi preto do 7%, que sumiu a Grecia na crise que hoxe está a vivir, España camiña polos derroteiros dun desastre económico do que o traballador, o pequeno e mediano empresario, e en xeral o cidadán medio pouca culpa ten. E namentres todo isto pasa, os nosos políticos non encontran o fármaco axeitado para curar unha enfermidade patolóxica enraizada nos piares estruturais dunha España, xa atascada nun pozo de lama que a está a absorber. 

A inxección de capital para sanear as contas dos Bancos, imposta por Europa e orquestrada pola Canciller Merkel, e aceptada por un presidente, Mariano Rajoy, que antes de partir para a Eurocopa asumía a medida como un logro persoal e mesmo coma unha vitoria, traerá consigo reformas de carácter macroeconómico, encamiñadas a un deterioro dun Estado de Benestar, xa de por si malferido. E que debido á imposición imperante do dogma da austeridade, que se antepón ao crecemento económico e á creación de emprego, nos vai a sumir máis na miseria.

A suba do IVE mínimo do 8% ao 18% é xa un segredo a voces, os produtos de máxima necesidade serán re-gravados e con iso a vida dos que peor o están a pasar pola crise (parados, pensionistas, mozos e mozas con traballo precario...) será, se cabe, máis angustiosa. A baixada das pensións, a redución da prestación por desemprego e outras reformas da mesma índole, serán a realidade máis inmediata que nos vai a tocar afrontar.

A suba do IVE mínimo do 8% ao 18% é xa un segredo a voces, os produtos de máxima necesidade serán re-gravados e con iso a vida dos que peor o están a pasar pola crise

Levamos xa un tempo albiscando dende a distancia os vieiros polos que os nosos gobernantes queren seguir. Namentres a estrutura territorial e administrativa do Estado segue anquilosada nun tradicionalismo decadente propio de datas pasadas, con excesivas corporacións locais, órganos administrativos, burocracia, Deputacións Provinciais etc, as prioridades que se erguen van pola redución do gasto público en Sanidade, Educación e no sistema de Pensións. Os dereitos que tanto custou conseguir, hoxe, atravesan polo seu peor momento.

A crise está sendo a perfecta coartada para desbaratar un Estado de Benestar que algúns queren que evolúa cara un Estado Mínimo e polo tanto, cara a maior privatización. Reinventemos o Estado de Benestar, por que é necesario e pulemos por un Estado Posibilitador que integre a iniciativa privada, pública e da sociedade civil, mais non votemos pola borda un xeito de operar, xusto, e preciso para garantir a igualdade de oportunidades e o prosperar dun País.

Non sairemos adiante ata que verdadeiramente exista en España unha Banca Ética e xusta cos seus clientes

Non sairemos adiante ata que verdadeiramente exista en España unha Banca Ética e xusta cos seus clientes. Debemos apostar por unha menor, pero mellor regulación do sistema financeiro, encamiñándonos ao aumento da reserva en caixa do diñeiro, pondo cotas a expansión crediticia, aos préstamos bancarios sen aval algún. Debemos frear a excesiva manipulación por parte dos Estados dos tipos de interese, que desvirtúan a realidade económica.

Débese facer unha xestión apropiada dos recursos públicos, cadrando, na medida do posible os ingresos cos gastos, podendo, iso si, incurrir en débeda autoliquidable ou nun déficit público sostible. Os Bancos Centrais deben cumprir o seu obxectivo de vixías das actuacións da Banca Privada. Hase de dar unha verdadeira rexeneración ética do mercado, cara un reparto máis equitativo dos beneficios, tal e como o premio Nobel Amartya Sen o plantexa.

Reinventemos o Capitalismo que nos tocou vivir, pois non vale privatizar as ganancias e socializar as perdas

Reinventemos o Capitalismo que nos tocou vivir, pois non vale privatizar as ganancias e socializar as perdas. Non sairemos da crise ata que verdadeiramente sexamos xustos no plano económico. Guiémonos por aquilo que di que a bonanza económica global é ficticia, e que o seu inmediato colapso é pola falta da ética. Como ben dixo o gran literato Albert Camus “Un home sen ética é unha besta salvaxe soltada neste mundo”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.