A garantía somos nós

No Intermedio deste luns 2, puxeron a reportaxe que fixo Gonzo nun colexio electoral. Preguntoulle Gonzo a un home que garantías tiña un referendo tan irregular.

Foi brillante a resposta do home, e moi reveladora do que pensa unha gran parte da sociedade catalana: ”A garantía somos nós”.

Hai datos contundentes. Cando o Partido Popular de Rajoy empezou a gobernar no 2008, só había 21 deputad@s independentistas de ERC. Agora  son 72 deputad@s independentistas dun total de 135.

A política do Partido Popular de negarlle todo ao goberno catalán fixo medrar o sentimento independentista en millóns de persoas, e crear un gran problema no Estado Español.

Un Estatuto de Autonomía aprobado no 2006 polos Parlamentos Catalán e Español, e no Referendo Catalán, foi recurrido polo Partido Popular que logrou, despois de catro longos anos que un Tribunal Constitucional partidista -a maioría dos seus 12 membros son nomeados por acordos do PP e o PSOE- tumbara no ano 2010 artigos moi importantes.

O goberno do Partido Popular tamén rexeitou a proposta que lle fixo o goberno de Artur Más dun Pacto Fiscal similar ao que se aplica en Euskadi.

De tanto rexeitar todas as propostas do goberno catalán, lograron que o movimento catalanista se transformara en movimento independentista que leva protagonizando ano tras ano as maiores manifestacións pacíficas que se producen en todo o mundo, nun territorio habitado por 7 millóns de persoas.

Tamén rexeitaron un referendo pactado por medo a perdelo.

Convocado o referendo, o goberno do Partido Popular utiliza unha Constitución neofranquista de deixar “todo atado e ben atado” que mantén o da unidade -imposta- de España, unha Monarquía non elixida democraticamente, un Tribunal Constitucional partidista que prohibe o Referendo, o control da policía, garda civil e militares, o apoio do Empresariado Español, o apoio do 95% dos medios de comunicación, o apoio activo do PSOE e Cs, imputar a cargos da Generalitat, imputar a 700 alcaldes, intervir as contas da Generalitat, ordear o peche dos colexios electorais, ameazar con penas de cárcere e económicas a milleiros de persoas…… e a pesar de todo isto, votaron máis de 2 millóns de persoas que lle fixeron fronte, pacificamente, á garda civil e á policía as cales provocaron máis de 800 persoas feridas -resaltado na prensa internacional- e sobor de todo, ratificando que un pobo unido na busca dun obxectivo democrático é capaz de lograr moitas cousas, e, de entrada, unha fundamental, sentirse orgullos@s de sí mesm@s, e ser obxecto de exemplo e admiración para moita xente que vivimos fóra de Cataluña, e para moita xente que vive fóra do Estado Español.

Efectivamente. Tal como lle dixo ese home a Gonzo: A garantía somos nós

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.