0 Gardados para despois

Pedro Cortegoso Gago

É a hora da solidariedade con Catalunya, é a hora da solidariedade con Galiza

O estado español está en guerra contra o pobo catalán.

O Xefe do Estado, o Presidente do goberno, os Ministros e os partidos do sistema, monicreques dun réxime cada día máis totalitario, claman contra o “desafío catalán”. Desde os medios de comunicación oficiais lanzan proclamas de guerra contra Catalunya, e os tertulianos-mercenarios repiten ao unísono as mesmas consignas bélicas.

Celebrado o referendo que nunca existiu, con papeletas e urnas que tampouco existiron e con millóns de persoas facendo colas que nunca fixeron, o estado español continua coa súa axenda represiva da man de xuíces e fiscais dos que ninguén apostaría un peso pola súa “independencia”.

O pobo catalán fixo unha demostración de comportamento democrático, de civismo e de ter unha concepción avanzada das liberdades, e todo isto resistindo ás provocacións e á violencia do estado español. Unha violencia sen precedentes que deixou case 900 persoas feridas só por exercer o seu dereito ao voto. Porras contra papeletas, a España profunda e reaccionaria contra a Cataluña moderna. Gañaron con nota o seu dereito a proclamarse independentes e decidir libremente o seu futuro como nación.
Non estamos ante un problema de legalidade.

Podemos argumentar e prol ou contra o dereito a autodeterminación, iso queda para os debates televisivos e radiofónicos. A realidade é que a legalidade española está superada pola vontade dun pobo que decide constituír un novo estado independente. Por moito que Rajoy ou Filipe apelen á legalidade, esta é herdada do franquismo e dunha transición amañada para deixar todo como estaba. A forza dos feitos imponse e o sensato e razoábel sería o diálogo e a negociación entre as partes como fai un matrimonio que se divorcia amigabelmente.

Trátase de democracia, liberdade e autodeterminación.

As separacións do estado español sempre foron violentas, só temos que lembrar o que pasou en Cuba onde os gobernantes españois sacrificaron a miles de soldados para tentar manter a illa. Ante os feitos dos últimos días non podemos ocultar a preocupación e só podemos esperar que non continúen as actitudes violentas e represivas. Sería impresentábel asistir á detención de cargos institucionais, actuacións que non van poder deter un proceso que ten detrás a millóns de persoas que xa non teñen lugar no estado español.

Con todo que podemos esperar dun goberno que está impedindo o exercicio da democracia, da liberdade de opinión, expresión e reunión non só en Cataluña. Non poden permitir o exercicio do dereito de autodeterminación, pois saben que pode ter continuidade noutras nacións do estado, abrindo a Caixa de Pandora para Euzkal Herria ou Galiza.

Desde Galiza só podemos ver con san envexa o proceso catalán.

Temos que recoñecer que estamos a anos luz en canto a conciencia nacional. Alén diso, temos a desgraza de padecer un goberno con maioría absoluta que traballa en dirección contraria e un presidente indigno de representar ao pobo galego, especialista en fume e propaganda para agochar o seu programa de exterminio. Feijoo é un colaboracionista, como nos tempos dos nazis, que só busca liquidar o rural, a agricultura, a pesca, a cultura e o idioma para aparentar ser o español máis español de todos os españois.

Debemos rachar con esta situación e aproveitar esta solidariedade que estamos demostrando con Cataluña para transformala en solidariedade con nós mesmos, abrindo o camiño para a nosa soberanía. É o momento de sumar esforzos para acadar o obxectivo dunha Galiza ceibe. Para nós é urxente e necesario se queremos recuperar o idioma, a nosa cultura, se non queremos ser fagocitados polo proceso de asimilación que ten deseñado o estado español.

Acerca de Pedro Cortegoso Gago

Pedro Cortegoso Gago. Membro do Colectivo Nacionalista de Marín