0 Gardados para despois

Manuel Monge

Unha vergoña!

Vergoña. Así definían traballadoras e traballadores de TVE a información difundida pola cadea pública o 1-O, día do referendo en Cataluña. Concentráronse na redacción levantando uns cartaces que dicían: “Vergüenza, Vergonya”. Pola súa parte, o Consello de Informativos, formado por profesionais da casa, pedía o cese da dirección porque fixo “todo los posible por difundir una visión parcial y sesgada de los hechos”, convertendo a TVE nunha oficina de comunicación do PP.

Vergoña, violencia e feridos, iso é o que recollían as portadas de moitos medios de comunicación a nivel internacional. A CNN abría con “A vergoña de Europa” (The shame of Europe). O escocés The National “O día da vergoña de España” (Spain´s day of shame). Libération fala de “O golpe de fuerza”. Metro de “Forza bruta”. The Financial Times de “centos de feridos” e The Times di que “a Policía disparou pelotas de gomas contra electores” que, por certo, están prohibidas en Cataluña desde abril de 2014. Un editorial de New York Times criticaba a intervención policial e chamaba a Rajoy “matón intransixente”. As imaxes difundidas e as portadas non axudan moito a difundir a chamada Marca España.

Unha vergoña cualificar como “exemplar” a actuación da Policía Nacional e da Garda Civil despois de provocar máis de 850 feridos e que o vicesecretario xeral de Organización do PP, Fernando Martínez Maíllo, pretenda negar a realidade, manifestando sobre o balance dos feridos que “todo es una farsa, una gran mentira”.

Unha vergoña que algunhas das persoas participantes na represión saquen unha foto de familia, satisfeitos do “traballo” realizado e como se non pasase nada, diante do “barco “Piolín” no que están aloxados.

Unha vergoña que se impida saír dun recinto municipal a cargos públicos dunha reunión en Zaragoza convocada por Podemos, despois dunha concentración convocada, entre outros, por axentes das Forzas de Seguridade, e na que participou o responsábel de Organización do PP de Zaragoza.

Unha vergoña que se despida desde distintas cidades a esas Forzas de Seguridade enviadas a Cataluña  cantando “A por ellos, oe!” e que aínda non fose cesado o portavoz do PP no concello de Gibraleón (Huelva) que desexaba ver á Policía  “repartiendo hostias como panes” en Cataluña.

Unha vergoña que se queira desprestixiar aos Mossos, policía catalá, por non cargar contra as persoas que acudían pacificamente a votar.

Unha vergoña que o xefe dos Mossos  sexa acusado de sedición, con ameazas de pena de prisión de até 15 anos (lembremos que en 1936 os militares que defendían a democracia e a República eran acusados de rebelión militar polos propios golpistas e fusilados).

Unha vergoña que se ameace con multas de até 300.000 euros ás miles de persoas que participaron nas mesas electorais.

Unha vergoña que se queira trasladar á opinión pública que as 2,25 millóns de persoas que votaron o 1-O eran só independentistas ou que esa era unha mobilización independentista.

Unha vergoña que, para desprestixiar unha gran mobilización cívica da mocidade, se poña o acento na participación de “menores” na manifestación de 30.000 estudantes de secundaria, bacharelato e universidade, cando nos últimos anos celebráronse miles de manifestacións de estudantes coa participación de menores de 18 anos e ninguén dixo nada.

Unha vergoña que, cando familias enteiras, pais, fillos e avós participan nas mobilizacións convocadas, entre outras, polas asociacións de nais e pais do alumnado para defender as urnas e o dereito a votar, sexan acusados de secuestrar os fillos e de utilizalos como reféns.

Unha vergoña que se difunda que a folga xeral ou paro de país do 3 de outubro fora promovido polo govern e independentistas e que só participaron independentistas, cando foi convocado, entre outros  pola Taula per la Democrácia, que agrupa a 42 entidades, entre elas: sindicatos como UGT, CCOO, USO, Intersindical, Unión de Pagesos, Sindicat de Periodistes de Catalunya; varias organizacións empresariais; Federació D'Assemblees de Pares i Mares de Catalunya, Federació d´Associacións Veïnals de Catalunya, Unió de Federacións Sportives de Catalunya, ANC, Ómnium Cultural etc. Esta plataforma cívica reivindica “o dereito a decidir o seu futuro político do pobo de Catalunya”.

Unha vergoña que Rafael Hernando acuse a Puigdemont, presidente da Generalitat,  de se agachar tras “turbas violentas”.

Unha vergoña que no se informe á cidadanía que a petición de referendo pactado, para que tivese todas as garantías e recoñecemento internacional, foi rexeitado no Congreso case vinte veces nos últimos anos.

Unha vergoña a actuación da Xustiza, claramente partidista. O Tribunal Constitucional considera ilegal o procedemento de lectura única na tramitación e aprobación das leis de referendo e a de transitoriedade xurídica, que está contemplado en varias comunidades autónomas e ese mesmo procedemento permitiu que o Congreso aprobase, entre outras, a Lei de abdicación do rei Juan Carlos, a reforma da Lei do Tribunal Constitucional ou do artigo 135 da Constitución.

Unha vergoña que a Fiscalía considere que a actuación da Policía Nacional e da Garda Civil “en absoluto afectaron a la normal convivencia ciudadana” e que os corpos policiais actuasen en “legítima defensa” fronte ás “actuaciones de individuos no identificados, por el momento, que “actuaron violentamente contra los agentes, cometiendo presuntos delitos de atentado y resistencia”.

Unha vergoña que Rafael Hernando manifeste que “ERC, la CUP y alguna otra formación quieren que haya muertos en Cataluña” e acuse a Puigdemont e Junqueras de facer unha “política de corte nazi”.

Unha vergoña que significados militantes do PSOE, como Alfonso Gurra, cualifiquen a mobilización cívica de millóns de persoas como “movimiento prefascista” e que manifeste que nas escolas cataláns ensinan “el odio a España”.

Unha vergoña a mensaxe do rei Felipe VI –o mesmo día que centos de miles de persoas saían á rúa para denunciar a represión do 1-O, ordenada polo goberno de Rajoy– que tivo un contido partidista, ignorando ás vítimas da violencia policial e pechando toda saída pactada e pacífica a un grave conflito político, apostando unicamente pola vía da imposición e da represión, sen ter para nada en conta a opinión da cidadanía.

Unha vergoña que non se fale para nada que a pregunta do referendo incluía un pronunciamento sobre a República. Por que non se fai ningunha enquisa para preguntar en Cataluña e en todo o Estado se a xente quere Monarquía ou República?

Unha vergoña que en 2017 se queira solucionar un problema político con cargas policiais, ameazas e multas, como hai 50 anos, en plena represión franquista.

Acerca de Manuel Monge

Manuel Monge González é mestre e sociólogo. Foi concelleiro do BNG na Coruña de 2003 a 2007. Promotor e presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña de 2007 a 2011.