0 Gardados para despois

Luca Chao Pérez

E de repente, 1981

Apaguen Internet, desconecten os seus smartphones e poñan TVE que vai falar Felipe VI, última incorporación á traxicomedia política dirixida por Mariano Rajoy.

Non foi ficción, nin unha volta ao pasado, onte, o réxime do 78 decidiu saír con todo o que lle quedaba, e aí estaba a casa real anunciando a mensaxe televisiva do monarca en primetime. O momento, polo visto, demandábao. En xogo, a unidade de España, a Constitución e, tamén, a monarquía. En xogo, en definitiva, os tres grandes mitos que sustentan o status quo.

O monarca decidiu, coa súa intervención, colocarse do lado do problema, e non da solución. Un motivo máis para botar o réxime abaixo. Un motivo máis para alimentar e reafirmar o independentismo

E posto que de mitos se trataba, alguén debeu pensar que era pertinente tirar doutro clásico, como o do 23F e o rei reconvertido en comprometido demócrata salvapatrias.

Expectación, dende logo, conseguiron, nada máis e nada menos que 12,4 millóns de persoas viron o seu discurso por televisión. 12,4 millóns de persoas que puideron escoitar ao xefe do estado rifando e menosprezando aos representantes electos cataláns e de paso a toda a cidadanía que os votou. 12,4 millóns de persoas que puideron escoitar como o xefe do estado tomaba partido, converténdose, sen rubor ningún, en voceiro e cómplice do goberno do Partido Popular e bendicindo unha saída autoritaria a un problema político e social de enorme calado. Confirmando, malia o que diga a Constitución (que nisto, como en todo o tocante aos dereitos unha e outra vez pisoteados, debe ser que non hai que cumprir), que non é o xefe do estado para toda a cidadanía, posto que decidiu alzar a súa voz como representante dunha soa parte. Dende logo nada de mediación, nada de imparcialidade, nada de manterse á marxe do xogo político como establece a propia norma constitucional tantas veces invocada. Nada, tampouco, de diálogo, polo que onte, o propio monarca decidiu, coa súa intervención, colocarse do lado do problema, e non da solución. Un motivo máis para botar o réxime abaixo. Un motivo máis para alimentar e reafirmar o independentismo. Deste xeito é doado imaxinar que hoxe non só hai varios miles de persoas máis en Cataluña que se queren independizar de Rajoy, tamén hai varios miles máis que queren despedirse da monarquía.

Independencia e república, ampliación das esixencias democráticas que se suman e retroalimentan, así como a ausencia de control total por parte das diferentes direccións políticas fan das reivindicacións do dereito a decidir un elemento aglutinador de imprevisible potencia. Neste senso resulta enormemente difícil facer predicións solventes  sobre o futuro de Cataluña máis alá da anunciada declaración unilateral de independencia e a resposta autoritaria e violenta do goberno do estado que, obtido o beneplácito da coroa, non dubidará en incrementar de intensidade. 

Sen embargo, como se podía ler onte nun chío en Twitter: “cando no xadrez te obrigan a mover o rei é que estás perdendo a partida”. Escribíao un sociólogo e xornalista arxentino. Seguramente a distancia axuda a ver as cousas en perspectiva. E dende logo resulta interesante comprobar como nos perciben os demais, que, case sempre, dista moito de como nos vemos nós. Basta, por exemplo, comparar a prensa aquí e agora con todas esas portadas internacionais de onte. Un abismo. Alén dun convite á necesaria reflexión sobre o dereito á información, o papel dos medios en todo este proceso e a alimentación do hooliganismo.

Pero volvamos ao xadrez. A saída en televisión de onte de Felipe de Borbón denotaba  preocupación e nerviosismo. Foi unha sobreactuación dirixida a volver ao pasado, a sacudir as pantasmas da transición coma se nada cambiara en trinta e seis anos. Pero si, pasou, o tempo acelerouse, os mitos esfareláronse, as caretas caeron, e os medos, mudaron. Tanto é así que hoxe unha de cada tres persoas no estado defende o dereito a decidir. A fenda territorial ensanchouse, a xeracional, tamén. E o discurso do monarca non vai facer máis que amplialas. Porque con Felipe e Rajoy apareceron, con máis claridade que nunca, como as dúas caras complementarias da mesma moeda, a dun sistema político e económico profundamente inxusto, incapaz de cubrir adecuadamente as necesidades e anhelos da cidadanía, encamiñado por unha senda antidemocrática dirixida a asegurar que nada cambie, dirixida a blindar os privilexios da minoría.

Non é só Cataluña, é a democracia e son os dereitos das maiorías sociais os que están en xogo. É tempo de alianzas fraternas en pé de igualdade para sumar forzas a prol da democracia, da igualdade e da liberdade. Tempo de menos electoralismo calculado e máis escoita activa

No fondo, que o réxime decidira mover o rei supuxo recoñecer que a fenda aberta no réxime do 78 no 15M, parcialmente pechada co resultado do 26J, pode volver ensancharse ao calor da cuestión territorial. De como se peche esa fenda depende o futuro de todas as catalás e cataláns, pero tamén o de toda a cidadanía do estado, tamén, por suposto, o futuro de todas as galegas e galegos e os nosos dereitos democráticos. Porque non, non é só Cataluña, é a democracia e son os dereitos das maiorías sociais os que están en xogo. É tempo de alianzas fraternas en pé de igualdade para sumar forzas a prol da democracia, da igualdade e da liberdade. Tempo de menos electoralismo calculado e máis escoita activa. Tempo de menos legalismo inmobilista e máis creatividade política, tempo de intelixencia colectiva para imaxinar o Estado que queremos.

Dicía Thomas Jefferson, a cada xeración a súa constitución, xa toca.

Acerca de Luca Chao Pérez

Luca Chao, Lugo, 1988. Politóloga, investigadora no Departamento de Socioloxía e Ciencia Política da Universidade da Coruña e membro do Equipo de Socioloxía de Migracións Internacionais (ESOMI). Deputada no Parlamento galego por En Marea