“Oigo, patria, tu aflicción”

O artigo 155 xa estase cumprindo debido a que  comezaron a adoptarse as medidas necesarias para obrigar ao goberno da Autonomia catalá  para o cumprimento forzoso das  obrigacións que manda a constitución e as leis, e como non especifica moito máis, non hai concreción ningunha de cales son esas medidas necesarias, polo tanto cabe pensar que se trata dun proceso que vai tomando corpo na medida que se desenvolven os feitos. O certo é que xa se aplicaron leis punitivas, se detívo a xente, se prohibiu o referéndum violentamente, actuou a forza pública con contundencia, se reprimiron concentracións pacíficas  e varias cousas máis. Isto, sen dúbida é parte do proceso  de aplicación do artigo 155. Pódese dicir que este artigo sábese como empezou pero non se coñece como acabará.

Semellaría que o final sería a anulación da Autonomía pero, dende o meu punto de vista paréceme difícil porque, entón, sería un territorio do estado que permanecería no limbo e se a igrexa xa dixo que iso do limbo era unha falcatruada inexistente tampouco aquí íamos ser máis papistas que o Papa. Dun xeito máis rigoroso diremos que o artigo 2 da Constitución ”recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que a integran…” polo que son parte inseparable da “indisoluble unidade da nación española…” e por conseguinte  as Autonomías na actualidade constitucionalmente son indestructibles, non hai ningún artigo referente a súa disolución. Por outra banda se se anula Autonomía de Catalunya, afectaría tamén ao PP e Cidadáns e a toda esa maioría silenciosa á que tanto lles gusta recorrer e á que o Rei dixo que non estaba soa.

Tamén podemos descartar o “estado de sitio”, a alternativa do “socialista” e aguerrido Guerra, de nome Alfonso, pois trataríase dunha militarización prebélica nunha Cataluña civil, pacifica, democrática e partidaria da UE, faría esa decisión inconcebible internacionalmente.

Tampouco penso que sexa aplicable formalmente por parte do goberno ningún “estado de excepción”, tanto polas connotacións que ten co franquismo esta denominación, canto porque polo seu carácter  universal  afectaría tamén aos “bos” cataláns.

Por iso eu inclínome que o artigo 155, sen nome que o aclare, vai terminar nun “estado de represión” selectiva, é dicir orientada a eliminar da Autonomía catalana exclusivamente aos independentistas, no caso de que, como sería o natural despois de celebrar un referendo pola independencia, fixesen a DUI. Isto significaría suspender os seus dereitos constitucionais fundamentais, botalos das institucións, do parlamento  e das rúas se fose preciso, coas correspondentes inhabilitacións, detencións, incautacións de bens, multas, prisións e o que sexa.

Neste caso aparentemente a Autonomía podería seguir funcionando ao seu xeito, sen os eliminados polo artigo 155. O estado faríase cargo da súa administración e o parlamento catalán pretendería continuar actuando cos non independentistas.  Claro que  entre eles se atopan o PSC e Catalunya Si Que Es Pot que non creo que aceptasen tamaño desatino, así que tampouco lle véxo moita saída pois únicamente con PP e Cidadáns, sería un parlamento imposible.

Deste xeito, Raxoi seguindo sen decatarse que as leis son letras e os pobos son persoas, cegado na súa disparatada obstinación a unha intermediación favorecedora a un entendimento entre partes, cual John Wayne, elixe  a vía represiva, que se vai in crescendo podería converterse nalgo realmente perigoso puidendo darlle un envorco imprevisible a situación, e se hai efectivamente  unha resposta cívica masiva, entraríase nunha fase de resistencia que obrigaría a moitos cataláns a pasar a clandestinidade, incluso ao exilio o  que voltaría a traernos os tráxicos recordos da ditadura, e o territorio máis importante en todos os sentidos do Estado español, económicamente, socialmente, culturalmente, tecnoloxicamente…cunha capital, Barcelona, recoñecida en todo o mundo pola sua beleza e dinamismo, por onde entran as tendencias da modernidade internacional, fundido nun estado caótico, convertería a “marca  España” para o mundo nun país bananeiro máis. 

É certo que a inutilidade da UE gobernada pola dereita deixa poucas esperanzas para unha mediación intelixente e solucionadora, porque a experiencia dinos que nestes casos a posibilidade de chegar acordos nunhas negociación directas entre partes implicadas non da resultado porque as posicións de cada parte están moi enquistadas.

Hay un proverbio chino que dice “polas cousas que teñen solución non hai que preocuparse” Por que Rajoy cando as cousas tiñan solución empeñouse en que rematásemos  preocupándonos por esta?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.