0 Gardados para despois

Miguel Pazos

Homenaxe a Cataluña

Orwell está de actualidade, e non podo evitar lembrar o seu famoso libro, no que recolle as súas vivencias catalanas na Guerra Civil española. Si, porque Cataluña tamén ocupa un lugar moi importante na miña vida. Os veráns da miña infancia están indisolublemente vencellados a Cataluña. Dende os oito aos catorce anos veraneei cos meus pais en Calafell, en plena Costa Daurada tarraconense. Era a década dos oitenta, e lembro cruzar a meseta no noso Simca 1200. Aínda non había autovías, e cruzar a Península Ibérica de punta a punta supoñía un día e medio. A noite faciámola case sempre en Burgos. ¡Que tempos aqueles! Ao día seguinte, un pouco antes de comer chegabamos ao noso destino costeiro.

Gustábanos moito Cataluña. Meu pai sempre foi un grande admirador dos cataláns. Deles louvaba a laboriosidade, a profesionalidade e o rigor en todo o que facían. Dende pequeno, un vivira rodeado de tópicos sobre os habitantes de Cataluña. Que si peseteiros, que si egoístas, que si moi seus, etcétera. Porén, un comprobaba que non eran certos cando chegaba a Calafell.

Había cousas que eran diferentes, dende logo. Os horarios, por exemplo: madrugaban máis e deitábanse antes. Eran moito máis europeos. A lingua, o catalán: falábanno todos, e sen complexos. Meu pai dicía que tiñamos moito que aprender deles, a estimar o propio e valorar a nosa cultura. Tamén era diferente a apertura cara o exterior e o seu cosmopolitismo. Na miña familia sempre vimos aos cataláns como a vangarda de España.

Anos máis tarde, meu pai, que era profesor de matemáticas de EXB, realizou un curso de "Formador de Formadores" en Barcelona. Organizábao o Ministerio de Educación para formar aos futuros asesores pedagóxicos dos Centros de Formación e Recursos que se estaban a poñer en marcha. Viviu varios meses en Barcelona, e coñeceu a moitos colegas cataláns. Profesores da UB e da UAB, da Central e da Autònoma. Tamén entablou amizade con profesores de institutos e divulgadores matemáticos. Fixo grandes amigos, e conservounos ata o seu falecemento, hai case tres anos. Meu pai sempre dicía que os cataláns eran "outra dimensión", e louvaba o seu espírito cívico, a súa capacidade asociativa e a súa iniciativa. Xa por aquel entón, sabíamos todos que os cataláns "fan cousas". Sempre o soubemos.

Hoxe, a situación estase a poñer moi difícil en Cataluña, e isto doeme moito. É unha terra que quero e aprezo. Como universitario, alí teño moi bos amigos e grandes colegas, tanto na Central como na Autònoma. Por iso escribo co corazón e cun fondo pesar. Doeme a incomprensión e a falta de empatía de tanta xente cara os cataláns, que son un pobo pacífico, traballador e respectuoso.

Non foi unha boa idea o camiño emprendido por Puigdemont, e non será unha boa idea a DUI se chega a se producir. Pero os cataláns clamaron no deserto moitos anos, apelaron ao diálogo e á concordia. Pediron por activa e por pasiva ser escoitados, e o único que conseguiron foi indiferencia ata o penúltimo minuto. E agora, cando imos dereitos cara o abismo, asistimos atónitos a escenas que críamos xa erradicadas na Unión Europea, no ano 2017. A violencia nunca é o camiño. Nunca. A violencia só enxendra máis violencia.

Aceptemos que son os dirixentes nacionalistas cataláns quen manipularon á xente, que as masas móvense ao son que lles marcan, e que son os políticos os que esnaquizaron a convivencia en Cataluña. Aceptémolo. Aínda neste suposto, ¿está xustificado o emprego da forza contra a xente? De ningún xeito. Os políticos crearon o monstro, alimentáronno (acción-reacción), pero é a xente quen leva os paos. Non é xusto. Ademais, ¿que hai de malo en querer votar? Non pode ser que tantos centos de milleiros de persoas teñan o cerebro lavado, estean manipulados por uns tolos ou fosen abducidos.

Falamos de grandes números, de moita xente remando na mesma direción, e non serve pecharse en banda nin negar a evidencia. Chegados a este punto, a única solución é o diálogo e a celebración dun referendum pactado e legal. Se Madrid o tivese convocado hai uns anos, tería gañado o "non". Se o fixese agora, é moi posible que gañase o "si".

Non me gustaría pertencer a unha España sen Cataluña. Sería un fracaso colectivo maiúsculo. Ogallá Hespaña, (con h, como dicía Castelao) evolúa cara unha República Federal, onde se poidan compatibilizar todas as identidades. Aos que tanto lles gusta Suíza (e hai moitos prohomes que viaxan alí con frecuencia) viríalles ben informarse sobre a súa estrutura territorial e o seu modelo de estado. Aproveitando que viaxan alí cos seus maletíns, poderían voltar á vella Iberia con ideas frescas para solucionar isto.

Acerca de Miguel Pazos

Miguel Pazos Otón. Profesor Titular de Xeografía Humana. Universidade de Santiago de Compostela