Gonzalo Caballero

Coñecín a Gonzalo Caballero no congreso de Pontevedra do PSdeG, nesa vida anterior na que eu todavía militaba, tentaba exercer de voceiro de Esquerda Socialista e cría que a socialdemocracia ía de cabeza ao desastre ao deixar un vacío político que alguén ocuparía nalgún intre. Naquel momento político Gonzalo tentaba artellar xunto con outras xentes (lembro a Enrique Vázquez Naveira, Jorge Parada, Jorge Tuñas, etc.) unha alternativa que sacase ao PSdeG do vacío no que se afundía trala caída de Touriño (algún día haberá que analizar se interviron máis forzas que a gravidade).

Lembro que naquel congreso José Antonio Barrio, un dos voceiros federais de Izquierda Socialista, tras conversar con Gonzalo díxome nun aparte “este chico es un animal político.” Tiña razón.

Nun PSdeG balcanizado e inoperante, caído en mans de caudillos locais e conxuras palaciegas variopintas, no que os aparatos locais e provinciais facían e desfacían manexando censos variados, Gonzalo foi quén de ir organizando pacientemente unha alternativa dende a base. A orde que o aparato nunca buscou porque os que son aparato viven do caos, fórona poñendo persoas coma Gonzalo Caballero, Pablo Arangüena, Martín Seco, Celines Feijóo, Alberto Monedero ou Eva Marco, por citar algúns nomes e sabendo que deixo moitos polo camiño. Foron construindo unha alternativa a longo prazo con capacidade para integrar a xentes diversas.

Precisamente este esforzo integrador permitiu que no proceso de primarias a candidatura de Xoaquín Fernández Leiceaga acadase un acordo coa encabezada por Gonzalo Caballero que pode resultar vital para o proceso de rearme ideolóxico e reorganización que debe realizar o PSdeG. O acordo non ía, como algúns pareceron pensar, de gañar as primarias, condición necesaria pero insuficiente, senón que buscaba garantir estabilidade no grupo parlamentar para enfrontar as tarefas de oposición ao tempo que facilitar a integración orgánica de persoas moi válidas que acompañaban a Leiceaga e que sen dúbida terán moito que facer no PSdeG. Penso, entroutros, en xente como Charo Valledor, Iván Vaqueiro ou Lage Tuñas.

O apoio conquerido e a existencia dun grupo notable de persoas que poden aportar activamente en diversos eidos e níveis son elementos fundamentais para que o PSdeG afronte as tarefas pendentes con certas garantías. Non se trata, como aconteceu noutros momentos da historia recente da formación, de ter un potencial candidato e montar candidaturas. A tarefa agora é máis importante: construir un partido onde somentes deixaron a marca.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.