0 Gardados para despois

Julián Bustelo

A doutrina do shock. O auxe da represión

A Terra estaba toda corrompida ante Deus e chea toda de violencia. Vendo, pois, Deus que todo na Terra era corrupción, pois toda carne corrompera o seu camiño sobre a Terra, díxolle Deus a Noé: “O fin de toda carne chegou á miña presenza, pois está chea a Terra de violencia a causa dos homes, e vou a exterminalos a todos da Terra”. Xénese 6,11.

Así comeza o libro da xornalista Naomi Kleim, A doutrina do shock. O auxe do capitalismo do desastre, publicado no ano 2007. No libro, Klein recolle o funcionamento da estratexia da doutrina do shock ideada polo economista Milton Friedman e polos seus discípulos da Escola de Economía de Chicago. A autora postula que as experiencias traumáticas que sufriron algunhas sociedades nos últimos 30 anos, foron aproveitadas polos seguidores da doutrina de Friedman para instaurar o coñecido como “capitalismo do desastre”, co obxectivo de desmantelar o Estado do Benestar e promover o modelo neoliberal.

Como o propio Friedman ten reollido nalgún dos seus ensaios, ““só unha crise, real ou percibida”, dá lugar a un cambio verdadeiro. Cando esa crise ten lugar, as accións que se levan a cabo dependen das ideas que flotan no ambiente. Creo que esa debe ser a nosa función básica: desenvolver alternativas, ás políticas existentes, para mantelas vivas e activas até que o políticamente imposible se volva políticamente inevitable” (Ibíd., p. 7).

“Aqueles que creen na doutrina do shock están convencidos de que solamente unha gran ruptura pode xerar o tipo de tapiz en branco, limpo e amplo que ansían. Neses períodos maleables […] os artistas do real sumerxen as súas mans na materia dócil e comezan a súa labor de remodelación do mundo” (Klein, 2007, p. 30).

Estes días, ante os acontecementos que se están producindo no Estado español, recordei o traballo de Klein. Non pretendo aquí comparar a situación que se está a vivir no Estado, cos acontecementos que a autora recolle no súa obra, mais si chamar á atención sobre a estratexia seguida polos que, dende o pasado día 1 de outubro veñen mostrando un especial interese en elevar a tensión e conflictividade.

Asistimos a unha vaga represiva, a unha resposta, á vez macabra e á vez inútil, dun goberno corrupto, cobarde e autoritario, á petición de máis democracia do pobo catalán. Unha actuación xustificada por parte do PSOE, dende onde, como nas grandes ocasións, reaparece Felipe González para demandar, ao igual que a filial laranxa do PP, a aplicación do artigo 155 en Cataluña, o que suporía abolir calquera recordo a democracia que puidera quedar por alí.

Asistimos a unha vaga represiva que conta coa aprobación do Rei Felipe VI, manifestada nun discurso non que chamaba ás forzas do Estado para que asegurasen a orde constitucional, un discurso autoritario, represivo e tan caduco como o réxime que representa.

E todo isto entre alardes e mostras de odio da dereita española, animadas de maneira intencionada polas actuacións anteriores e xustificadas con esa intencional elevación da tensión, para que por exemplo, pase como normal que un portavoz de Falage, Víctor Salvo, sexa o portavoz dunha manifestación en Zaragoza a favor da unidade de España, que pase por normal que vexamos como en concentracións convocadas en todo o Estado para defender esa unidade e aplaudir a actuación da Garda Civil se cante o Cara al Sol co brazo en alto, á vez que é normal cancelar actos de apoio ao dereito a decidir ou exhibir bandeiras con estrelas vermellas xa que incitan á violencia. Coidado coas ideas que flotan no ambiente.

Acerca de Julián Bustelo