0 Gardados para despois

Brais García Fernández,

O seu odio, a nosa democracia

Estes días estamos a vivir unha contraofensiva aos movementos do Govern e da sociedade catalá en forma de exacerbado nacionalismo español, promovido e acompañado por declaracións incendiarias, ameazas e todo tipo de medidas represivas do Estado, aplaudidas, como non, polos grandes medios de comunicación. O nacionalismo é sen dúbida unha complexa categoría ideolóxica que toma diferentes orientacións segundo o contexto, pero quen negue que detrás dunha manifestación como a do pasado 8 de Outubro non está o nacionalismo español, ou minte ou é un ignorante.

O principal problema desta contraofensiva é a normalización e banalización da ultradereita española. Os feitos acontecidos estes últimos días son máis que suficientes como para tratar de analizalos e prever posibles escenarios para previr males maiores. A manifestación do pasado 8-0 non foi unha manifestación neonazi, ou non só, pero negar que dentro desa convocatoria, de dereitas e nacionalista, atopáronse acollidos e protexidos centos de neonazis, que agrediron física e verbalmente a periodistas e cidadás paréceme gravísimo. De feito, o acontecido foi silenciado polos grandes medios, reducindo ao absurdo os sucesos, como se as agresións foran pelexas e os cánticos de “A por ellos!” simples consignas futbolísticas. O Partido Popular, Ciudadanos e o PSOE son responsables e cómplices de que unha manifestación así transcorrera con numerosos saúdos romanos, agresións e unha masa coreando lemas neofascistas. Isto non quere dicir que todo o que alí estaba fora neonazi nin moito menos, e iso é o que nos debe preocupar, que baixo o paraugas do nacionalismo español que está a abrir e axitar o réxime, estean a atoparse cómodos neonazis, chegando ademais a sectores populares da poboación.

As declaracións de antonte de Pablo Casado, infames e perigosas, (por moitos matices que fixera logo) mostran á perfección a cara autoritaria e franquista do PP, así como a súa táctica con Catalunya: axitar máis o avespeiro do nacionalismo español para reforzar a súa posición, lexitimar as medidas represivas pasadas e futuras, e ocupar o posible espazo político á dereita deles que parece coller forza. Antonte á tarde, vimos unha reacción directa desta táctica. Fronte a unha manifestación soberanista pola Diada valenciana, notificada e autorizada, apareceu unha contramanifestación neonazi, non notificada, que co único obxectivo de boicotear, enunciou consignas fascistas como “Artur Más, cámara de gas” “Sieg Heil” ou “contra el coleta, metralleta” para acto seguido agredir verbalmente e propinar golpes a periodistas e manifestantes. Non é a primeira vez que vemos actos semellantes, nin que o fascismo agride ou incluso asasina no Estado español. A diferenza, notable, é o amparo que se lle está a dar dende as institucións a expresións ultranacionalistas, tanto por Ciudadanos e o PP, como coa pasividade do PSOE na que atopan un bo aliado. Que o xefe dos Mossos estea investigado por sedición por non cargar contra xente que estaba votando mentres a Policía Nacional está protexendo manifestacións neonazis non notificadas amosa a perigosa deriva autoritaria de quen está ás ordes.

Non contaría nada novo se explico a relación do PP co franquismo, a transición “pactada” baixo ameaza de golpe militar ou a orixe ultradereitista de Ciudadanos e o seu papel de maquillaxe do réxime. Aínda así, este relato segue a ser minoritario, e desenmascarar a dereita española contrapoñéndoa a opcións políticas democráticas e emancipadoras ten que ser un tema central nas nosas axendas. Menosprezar o neofascismo é o primeiro paso para o seu éxito. O panorama europeo de rexurdimento das ultradereitas é un bo síntoma do perigoso da situación. Veñen tempos difíciles, toca coidarnos e ter presente o que nos podemos estar xogando: o peche por arriba, en modo represivo, do "conflito catalán", cambios constitucionais feitos nun estado de sitio, e en definitiva, a continuación do réxime do 78, versión 2.0, máis neoliberal e máis centralista. Se non sabemos responder con audacia a tremendo panorama, estamos candeados á derrota.

“Ao fascismo non se lle discute, se lle combate” pero a nosa mellor arma é a capacidade política de xerar discursos e proxectos emancipadores. E non esquezamos, que detrás das manifestacións, hai centenares de traballadores e traballadoras preocupados pola súa precariedade laboral e vital, con elas si temos que dialogar, tentando convencer de que aos problemas sociais e de clase hai opcións emancipadoras con vontade maioritaria.

Recordar por último, as terribles consecuencias históricas da división das forzas democráticas na loita contra fascismo. Independentemente das posicións e matices de cada quen, fronte a probable represión dos próximos días, non podemos máis que estar con Catalunya e as súas institucións. No marco da represión, toca xuntarnos en defensa da democracia, o dereito a decidir e os dereitos sociais e civís.

Acerca de Brais García Fernández,

Brais García Fernández, activista e sociólogo, especializado en democracias e participación