Referendo, Constitución 'y otras chicas del montón'

Hai anos, ao pouco de instalarme na cidade da Coruña, cando saltou por primeira vez o tema do referendo, pensei: “Gaña o non por goleada”. Non era un pensamento aleatorio nin sen fundamentos: crieime en Catalunya e sei do que falo.

A xente que me coñece sabe que sempre me defino como galaico-catalá, como dicía o meu admirado Pepe Rubianes; galaico, porque nacín na Mariña lucense, e catalá porque me criei no barrio de Sants, en Barcelona. Vivín dezaoito anos nunha terra que dista moito da que vemos nos medios de comunicación, xa que nunca tiven nin o máis mínimo problema “sendo de fóra”, nin me obrigou ninguén a falar catalán, nin me pegaban no colexio cando falaba castelán... Todo o contrario. Catalunya é unha terra na que todos somos benvidos e benvidas. Así que podo desmentir e desminto todos os tópicos negativos que pensades que son certos.

Ninguén me obrigou a falar catalán, nin me pegaban no colexio cando falaba castelán [...] Podo desmentir todos os tópicos negativos

Dende que voltei a Galiza, sorprendeume enorme e tristemente que moita xente opinase sen saber sobre os cataláns e catalás; escoitei tantas veces iso de “los catalanes siempre pidiendo”, “una vez fui a Barcelona y me hablaron en catalán” e toda clase de insultos e tópicos que non acabaría hoxe este artigo, e, o que máis me doe, é que a maioría das persoas que se atreven a aleccionarme sobre o territorio que me formou como a muller que son hoxe en día non pisou Catalunya na súa vida.

O martes estaba nerviosa. Antes de que preguntedes, non, non son independentista, como a maior parte da miña xente en Catalunya. Pero si nacionalista. Nacionalista galega e nacionalista catalá, o cal non ten nada que ver coa españolidade de ninguén.

Que se faga alusión constantemente aos efectos negativos dos nacionalismos por parte da dereita do Estado cáusame risa e medo a partes iguais

Hai uns anos, nunha manifestación en Barcelona, unha señora levaba unha pancarta que dicía: “com més catalana em deixis ser, més espanyola em sentiré”. Como alguén se pode tomar algo así como un insulto? Porque é o resumo perfecto das dúas Españas: os que somos de territorios bilingües conformamos as nosas propias nacións dentro da nación española e o feito de que se faga alusión constantemente aos efectos negativos dos nacionalismos por parte da dereita do Estado cáusame risa e medo a partes iguais, porque o peor nacionalismo de todos é o que eles e elas practican: o que exclúe a todas aquelas persoas que non sentimos o mesmo, que non nos emocionamos cando soa un himno que non consideramos noso ou non bicamos unha bandeira que non nos representa, precisamente porque representa a desunión, o recordatorio constante do “una, grande y libre” tan obsoleto no século no que nos atopamos e que nega a realidade das diferentes identidades que poderían facer deste Estado algo único no mundo: un exemplo de diversidade que, lamentablemente, non todo o mundo é capaz de ver.

Retomando o tema: como vos dicía, o martes cheguei á miña casa nerviosa polo discurso de Puigdemont. Pensei: “DUI, 155 e eleccións”. Analicemos agora o por que.

O día 1 de outubro tivo lugar unha consulta ilegal; niso estamos de acordo, xa que o referendo non contaba coas bases legais propias dunha consulta vinculante e definitiva. E non contaba con esas bases legais porque, a pesar dos intentos durante anos por parte do goberno catalán de dialogar co goberno español e establecer as “normas do xogo”, a resposta sempre foi NON. Curioso que, canto máis grande se facía o eco da petición por parte da sociedade catalá de participar nun referendo, máis se reafirmaban dende Madrid en negar un dereito democrático, seguramente por medo á resposta.

Non vos equivoquedes: nin Mas nin Puigdemont enganaron a ninguén: os independentistas de berce sempre o foron, simplemente viron a oportunidade perfecta

O que non sabían dende Moncloa era que estaban fabricando cada vez máis independentistas. Non vos equivoquedes: nin Mas nin Puigdemont enganaron a ninguén: os independentistas de berce sempre o foron, simplemente viron a oportunidade perfecta. Co que non contaban Rajoy e compañía era coa xente do NON que, farta de non obter reposta á petición do diálogo, foi abrindo os ollos e experimentando a necesidade de expresar que non está de acordo con este Estado actual e coa xente que nos goberna. Insisto: isto tampouco atenta contra a españolidade de ninguén. Eu mesma, Constitución en man, son máis española que a maioría: galega, criada en Catalunya e con sangue vasco. Falo tres dos catro idiomas oficiais do Estado, cando a persoa que me goberna dende o centro da península non domina nin o castelán hexemónico co que tanto predica. Precisamente porque eu si creo na Constitución non entendo como Rajoy pode usar o pretexto da legalidade para negar dereitos.

Gustoume o discurso de Puigdemont, aínda que non estou especialmente de acordo no contido nin nas formas que o levaron ata el. Sabedes por que me gustou? Porque falou para os cataláns do si, os do non e para o resto da cidadanía española, á cal se dirixiu en perfecto castelán. Foi unha DUI a medias, un si pero non, pero o importante é a vontade de dialogar. E, para min, é un orgullo que, pese ao que todos e todas vimos o pasado día 1, malia a violencia dos corpos de seguridade do Estado, pese aos "non" e os desplantes dos de sempre e as bandeiras españolas espontáneas nos balcóns dos que non se moven do sofá para protestar polos recortes en sanidade ou educación, pero si para dicirnos a todos que a unidade da súa España é innegociable... Pese a todo iso, a petición de dialogar siga vindo da miña querida Catalunya.

A vez para recoller a petición de paz do President, por desgraza, téñena os que nos falan de legalidade sendo o partido máis corrupto na historia do noso país, os mesmos que fan reformas exprés da Constitución cando lles interesa e nos din que é intocable, os que aplauden o discurso dun rei que non votou ninguén e que, lonxe de calmar os ánimos, fixo gala dun totalitarismo ameazador no que quixo deixar claro que os cataláns e as catalás só collen na España que eles queren, a mesma que non me representa nin a min nin a tantos outros e que soñamos con cambiar e facer evolucionar. A mesma que volverá a dicirlle NON aos cataláns: aos do si, aos do non e aos do voto en branco, porque seguen sen entender que isto non vai de independencia, senón de dereitos sociais e aprender a respectar. Vai de reformar un Estado no que todo o mundo se sinta identificado.

Seguen sen entender que isto non vai de independencia, senón de dereitos sociais e aprender a respectar. Vai de reformar un Estado no que todo o mundo se sinta identificado

De momento, Rajoy tamén adopta a fórmula “en diferido”. Arrimadas, que deu réplica a Puigdemont nunha comparecencia sobreactuada, afirma que o requerimento é o primeiro paso da aplicación do xa famoso 155, aínda que por parte do Partido Popular non queda claro.

Non sei que pasará finalmente, aínda que teño as miñas sospeitas; o que sei é que o meu amor pola miña terra adoptiva seguirá intacto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.