Unha boa razón pola que hai cataláns que se queren ir

Todo este asunto da independencia/unión de Cataluña –agora mesmo non sei como anda o choio, e coido que o govern tampouco–, conduce a reflexións moi interesantes sobre os motivos que conduciron ata esta situación. Unha delas, e acho que non é a menor, como se tenta facer crer dende posicións unionistas, é a da lingua e mais a cultura catalá dentro do estado. Argúese que o nivel de autogoberno catalán dentro daquel ten cotas poucas veces atinxidas por outras minorías noutros estados nunha sorte de declaración que se podería resumir en: a maioría (das culturas minoritarias ou minorizadas) está moito peor ca vós, porque non teñen de seu “sistema educativo, parlamento, forza de policía, radio e televisión públicas, e instituto internacional para a difusión da lingua e a cultura”.

Mais esquecendo que todos os esforzos que se fixeron dende o Govern català para que a cultura catalá fose a primeira, que non a única, no seu territorio –algo imprescindíbel para que unha cultura poida sobrevivir–, o Estado español fixo todo o posíbel, con abondo suceso dado que ten todos os poderes da súa parte, para desbaratar o obxectivo. Agora os media estatais e unionistas esquecen toda a sucesión de ataques e difamacións durante anos contra o “dominio do catalán en Cataluña e a persecución do castelán na mesma”; aquí viviuse unha imitación do mesmo mentres durou o apoucado goberno bipartito: a imposición do galego e o adoutrinamento nacionalista.

En resumo: o nacionalismo catalán quer un estado propio, entre outras razóns, para que a súa cultura non desapareza. E os exemplos que teñen son incuestionábeis: desmembración da URSS e rexurdimento das culturas nacionais non rusas, coa soa excepción de Bielorrusia por mor da súa absoluta dependencia de Rusia; desmembración de Iugoslavia e desenvolvemento das linguas e peculiaridades culturais non serbias; separación de Checoslovaquia e auxe da cultura eslovaca no seu territorio. E antes destes exemplos máis recentes están os do desmembramento do Imperio austrohúngaro, que deu lugar ao desenvolvemento das culturas checa, serbocroata e romanesa; a independencia de Noruega de Suecia e a de Finlandia de Rusia, a de Polonia após a 1ª Guerra Mundial, a de Islandia de Dinamarca, a de Irlanda do Reino Unido, e fóra de Europa os exemplos son a embute.

As minorías culturais que non se resignan a desaparecer nos estados que as conteñen crean, abofé, conflitos: o Quebec no Canadá; Escocia no Reino Unido; Flandres en Bélxica, que pasou de minoría a maioría no seu propio estado; e o País Basco e Cataluña en España. Porque os datos de supervivencia dunha cultura minoritaria sen estado son incontestábeis: bretón (500.000 falantes en 1987 > 300.000 hoxe), occitano (40% de falantes en Franza en 1860 > 30% en 1920 e hoxe menos dun 7%, uns 800.000 falantes), sardo (en 2006 os habitantes de Sardeña usaban o italiano nun 52’5%, eran bilingües nun 29% e falantes de sardo e corso sardo nun 17%, restando 1’5% de falantes estarnxeiros), sorabo (apenas 60.000 falantes dentro dun estado con máis de 82 millóns de habitantes, onde hai máis falantes de linguas foráneas –turco, curdo, polaco, ruso etc.– ca das minoritarias recoñecidas: danés, baixoalemán, sorabo, romaní, frisón setentrional e frisón de Saterland; coa soa excepción do baixoalemán –300.000 falantes–).

En fin, a ausencia de datos oficiais de coñecemento e evolución lingüísticos nun estado fai que estes non sexan doados de amosar, pois os gobernos non teñen o máis mínimo interese en xuntar e proporcionar datos que demostren os procesos de glotofaxia que desenvolven.

E por esta razón que moitos cataláns queren desprenderse do cariño de España e da súa asoballante tutela. Xa se verá se o conseguen. Entrementres, nós seguiremos evoluíndo pouco a pouco dentro da nosa Rexión Autónoma de Galicia, con menos galego pero queridos pola nosa empanada, o pulpo a la gallega, as forestas de eucaliptos e ese sotaque tan gracioso que temos ao falar español.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.