0 Gardados para despois

Miguel Pazos

Arde Galicia. Por que?

Arde Galicia. É unha enorme desgraza que non se pode atribuir só a incendios provocados. Temos un problema estrutural co monte en Galicia. Temos un problema coa ordenación do territorio. É sensato recoñecelo. Ardeu tamén Portugal e ardeu tamén Asturias. O cóctel era explosivo, certamente: unha calor extrema, unha seca de varios meses, e moito vento. Pero debemos recoñecer que non podemos seguir así. Temos que cambiar o modelo: non podemos adicarnos a ser unha plantación industrial de eucaliptos porque nos xogamos o futuro. O eucalipto dá cartos a curto prazo; a medio e longo prazo é un desastre. Esgota o solo, favorece a propagación do lume, e crea un círculo vicioso infernal do que nunca sairemos se non hai unha vontade decidida de mudar todo. En Portugal xa o fixeron. Dixeron non a máis eucaliptos.

Arde Galicia. É unha enorme desgraza que non se pode atribuir só a incendios provocados. Temos un problema estrutural co monte en Galicia. Temos un problema coa ordenación do territorio

En Galicia temos un modelo territorial que si funcionaba nunha economía agraria de subsistencia, con máis de 31.000 asentamentos de poboación en algo menos de 30.000 quilómetros cadrados. O aproveitamento intensivo do monte como parte fundamental da vida das aldeas garantía a súa conservación. Todo o territorio estaba coidado e traballado de xeito meticuloso. A partir dos anos 1950 e 1960, a rápida urbanización e a concentración da poboación nas cidades e vilas comezou a baleirar o campo e deixou abandonado o monte á súa sorte. O monte converteuse nun espazo sobrante, cesante, que se podía empregar para sacar uns cartos plantando piñeiros e eucaliptos. Diñeiro fácil, sen complicacións... por que non facelo? Os que nacemos na década dos setenta xa coñecemos unha Galicia eucaliptizada. A planta de ENCE na Ría de Pontevedra é o símbolo máximo deste camiño cara o inferno que percorreu Galicia nas últimas décadas.

A partir dos anos 1950 e 1960, a rápida urbanización e a concentración da poboación nas cidades e vilas comezou a baleirar o campo. O monte converteuse nun espazo sobrante, cesante, que se podía empregar para sacar uns cartos plantando piñeiros e eucaliptos

En parelelo á concentración da poboación nas cidades, no rural o urbanismo adoptou patróns territoriais descabellados, con crecementos espontáneos á marxe de toda lóxica espacial. Primeiro non había ordenación do territorio. Despois comezou a habela, pero sen carácter verdedeiramente vinculante e con produción de documentos a eito que son ambiguos, cando non baleiros. Ti vai facendo. E así. Construíuse na costa. Construiuse no medio do monte. Fixéronse casas en calquera lugar, sen control, sen lóxica territorial. Pasamos de ter máis de 31.000 asentamentos a ter un auténtico caos de casas, naves, parques empresariais baleiros, coas súas correspondentes pistas, estradas e accesos de todo tipo, negociadas en cada campaña electoral como un asunto de estado. E logo aínda hai xente que se pregunta como é posible que exista en Galicia o mal chamado "feísmo", un fenómeno que interesadamente moitos medios de comunicación limitan a unha mera escolla de fotos que ridiculizan e culpabilizan a cidadáns individuais. Esa ocupación caníbal do territorio aumentou a exposición de persoas e bens aos efectos dos lumes, e converteu Galicia nun territorio cada vez máis vulnerable.

Construiuse no medio do monte. Fixéronse casas en calquera lugar, sen control, sen lóxica territorial

Somos reféns do noso triste destino. A falta de orgullo polos modos de vida rurais correu moi en paralelo coa exaltación da vida urbana, dos edificios de once pisos nas vilas: O Carballiño, Noia, Ponteareas e tantas outras. Fomos condenando ao resto do territorio non urbano, que quedaba só para os vellos e, máis recentemente, para pasar un fin de semana de "turismo rural". A conservación da natureza nin está nin se lle agarda, reducida a unha proporción ínfima do territorio galego, o 12%, a menor porcentaxe do estado. O modelo construímolo entre todos, e hai que ser críticos con el. Este é o punto de partida.

O modelo construímolo entre todos, e hai que ser críticos con el. Este é o punto de partida

E logo están as deficiencias na xestión dos servizos de extinción de incendios. O problema da falta de planificación dos brigadistas. As eivas estruturais na xestión do caos. Todo xunto, todo interrelacionado, conduciu a este apocalipsis, que nos negamos a asimilar, pero do que teremos que saír entre todos. Pobres de nós se non o facemos.

Acerca de Miguel Pazos

Miguel Pazos Otón. Profesor Titular de Xeografía Humana. Universidade de Santiago de Compostela