0 Gardados para despois

Henrique Pérez Lijó

A exclusión ambiental como causa dos lumes

Unha traxedia máis que anunciada. Así poderiamos titular o que aconteceu nestes últimos días no noso País. Ao igual que en Portugal, hai agora catro meses, os montes galegos arden, e mentres os responsábeis da Xunta se afanan en botarlle a culpa un suxeito difuso (os incendiarios) ou a unha práctica de terrorismo novedosa (o terrorismo incendiario) o certo é que todas as circunstancias para que o País arda estaban aí, e que é responsabilidade das institucións minimizar o impacto do lume nos nosos montes.

Cales son estas circunstancias? Existen tres de carácter global, directamente relacionadas co cambio climático. A voracidade dos incendios forestais en todo o planeta está a medrar considerabelmente, para mostrar isto podemos observar o comportamento do incendio que o pasado ano en Alberta (Canadá) destruíu 2.400 edificios e obrigou á evacuación de 100.000 persoas, ou o caso de California (Estados Unidos) onde unha vaga de 20 incendios dura máis de 5 días deixando un balance de 38 mortes até momento. En todos estes casos repítense tres elementos metereolóxicos letais: ventos de máis de 30 quilómetros por hora, temperaturas por enriba dos 30 graos e humidade relativa por debaixo do 30%. Non cabe dúbida de que o cambio climático está supoñer unha incidencia maior das grandes catástrofes medioambientais e que, e aquí está a novidade, estas catástrofes non atinxen unicamente ao medio rural, senón que a súa potencia penetra nos cascos urbanos das nosas vilas, incluso se se trata da cidade máis poboada da Galiza.

Ademais, debemos sumar algunhas circunstacias propias do noso País, pois o feito de que sexa Galicia a CC.AA. con máis superficie arrasada polo lume ano tras ano non é so unha cuestión climática. En primeiro lugar cabe salientar o feito de que máis do 40% da biomasa talada no estado español procede directamente dos montes galegos, tendo a dúas empresas madereiras (ENCE e Finsa) como as principais impulsoras desta actividade económica. Desde a posta en andamento de ambas as dúas multiplícase o número de hectáreas forestais dedicadas ao cultivo de especies pirófitas. A irrupción do eucalipto na franxa atlántica galega supuxo a introdución dunha planta de crecemento rápido e relativamente fácil de traballar industrialmente, pero cuxa absorción da humidade é moito maior á das especies autóctonas coas que compite polo espazo ecolóxico. Isto fomenta que os terreos forestais sexan cada vez máis ácidos e secos, sumándolle virulencia a cada incendio que se manifesta. No interior do País, sen embargo é o piñeiro a planta de uso forestal máis extendida, unha resinosa que serve como un combustíbel escepcionalmente difícil de apagar. Dos dous millóns de hectáreas forestais do País (o 69% do territorio físico total a maior porcentaxe do estado) piñeiro e eucalipto ocupan aproximadamente o 50%. Un monocultivo de case un millón de hectáreas promovido polas empresas, pero tamén pola Xunta de Galicia que, coa excusa de fomentar o desenvolvemento do medio rural, destinou axudas económicas á plantación de eucalipto até finais do pasado século. Era unha forma de que as empresas madereiras conseguisen materia prima de forma barata e rápida para, con unhas mínimas transformacións, estas se exportasen a países da órbita europea nun excepcional exemplo de externalización do impacto ambiental.

Tampouco podemos esquecer o progresivo despoboamento do medio rural e as implicacións ambientais que isto ten. No País dos 50.000 núcleos de poboación, o 70% dxs residentes concéntranse en 86 municipios, froito das escasas escasas espectativas laborais e dun esforzo insuficiente por parte da Administración. Co abandono das terras agrícolas estas pasaron a ser descoidadas por defecto, facilitando que o lume se achegue perigosamente ás casas nas que aínda están habitadas. Outra consecuencia é que o monte perdese a función ecolóxica e económica que anteriormente tiña para os habitantes (leña, silvicultura, provisións para o gando...). Polo que hoxe as hectáreas non poboadas representan un problema máis que un recurso para a poboación, debido á falta de medios dos concellos e da propia poboación, as máis das veces demasiado maior, para facerse cargo do seu coidado.

En definitiva, non hai nada de fortuito en que cada verán arda o monte galego. Debemos procurar as razóns deste fenómeno no papel socio-económico que cumpre Galiza nas estratexias de desenvolvemento español e europeo. Unhas estratexias que parten polo emprego do noso territorio prioritariamente como lugar de extracción de materias primas e de externalización do impacto ambiental orixinado nas áreas industriais. Para xustificar esta conclusión poderiamos argumentar que se trata da CC.AA. coa menor porcentaxe de superficie forestal afectada por algunha figura de protección ambiental, tan so un 15% fronte ao 39% de media no total español, o que per se supón unha evidente exclusión do noso dereito a desfrutar dun medio natural sostíbel e (por que non?) produtivo. Unha exclusión ambiental froito da subalternización do noso territorio aos metabolismos socio-económicos das grandes áreas industriais.

Acerca de Henrique Pérez Lijó

Estudante de Socioloxía da UDC e activista social coruñés