Os sete hábitos tóxicos dun país altamente inflamable

Dicía Karl Kraus que cando unha cultura sente que chega ao seu fin, manda chamar polos curas. No mundo actual atoparemos distintos exemplos onde verificar esta sentenza, mais todo indica que é no individualismo de masas onde se encontran os factores culturais que están a precipitar o colapso global. Acaso non é no sacramento do coaching onde obtemos o estímulo autoculpable para continuarmos ao mando da start-up falida en que se está a converter a existencia?

Pois ben. Como estes días seguimos de fracaso en fracaso colectivo, non se me ocorre outro xeito mellor para desafogarme da frustración reinante que aplicarlle o conto, un destes famosos contos culpables, ao país onde vivo. Agardo que cando menos poida servir este exercicio para incidir na evidencia de que na nosa fame ben poderíamos mandar nós se actuásemos de maneira consciente, auto-organizada e cooperativa.

Tomemos osíxeno. Mandemos calar ao ego e as súas crenzas. Observemos os resultados: o eneagrama que tisna os montes e contamina as rías, que se revela en milleiros de aldeas abandonadas, nas escolas que pechan cada ano...

1- Se hai algo que aínda temos en común é a nosa reactividade esencial. Non saltamos até que alguén nos move os marcos. E mesmo daquela non saltamos. Carecemos da actitude necesaria para cuestionar e definir nós mesmos eses marcos herdados, impostos ou imaxinados. E isto, alén de mermar a efectividade das nosas propostas, revela unha dependencia radical, a derrota no exercicio libre da vontade propia. Por iso estamos sempre á defensiva fronte ás agresións, sen construírmos dun xeito consciente a vida que queremos. E, neste sentido, toda resistencia apenas é unha rendición a prazos.

Individualmente a nosa reacción primaria a esta frustración é a fuxida. O colectivo resultante trala peneira demográfica é cada vez máis dependente e por tanto máis manipulable ou maleable. E ollo: a reactividade adoita ser (re)conducida; histórica e sucesivamente os máis adeptos da grea son carne de canón.

2- Carecemos dun proxecto colectivo. Os xestores do desastre saben moi ben que a xeira das aspiracións colectivas precisa cando menos dunha xeración enteira para transformarse nunha realidade. Daí que estean encantados coa emigración e mesmo a promovan. Do mesmo xeito que o capitalismo dos reximes liberais promove á súa conveniencia os mecanismos do desemprego, o réxime clientelar que padecemos por aquí é excedentario por natureza. É por iso que a nosa é unha realidade política, económica e cultural que non se formula a si mesma outro horizonte que o deserto establecido.

3- A administración permanente do desastre é un hábito desastroso. Non somos capaces de actuar sobre o previsible, aquelo que é necesario aínda que non sexa o máis urxente: o lume apágase no inverno, o negocio da alta velocidade precisa mecanismos de freado, un conflicto político require diálogo político... É por iso que soportamos un estado de emerxencia permanente.

4- A supervivencia nestas condicións imposibilita os beneficios do apoio mutuo que é un dos requisitos para vertebrar sociedades saudables. Sacrificamos o noso gozo, a nosa liberdade, o noso medio natural e o futuro dos nosos fillos polo racionamento dun salario ou dun subsidio estatal. Esa interinidade perpetúa a submisión, condenando o presente e o futuro.

5- Quizais como consecuencia de todo anterior e da falta de memoria histórica e de escoita activa, carecemos da empatía necesaria para construírmos unha comunidade, para sermos un pobo. As prensas da incuria gobernamental espallan un ruxe-ruxe de odio e falsidade no balbordo cotián dos paniaguados. A autocompracencia paralisa o xuízo e enxendra relacións e faccións inconsistentes.

6- As sinerxías prodúcense exclusivamente no ámbito familiar e clientelar, reproducindo a peneira sectaria da que falabamos. Isto apenas permite a supervivencia máis elemental fomentando  condutas e vicios insáns: nepotismo, corruptelas, prevaricación, sectarismo, camándula...

7- Folga dicir que a expulsión (cando non a liquidación) sistemática dos elementos innovadores impídenos realizar novas experiencias e aprendizaxes. A roda de afiar do clientelismo político perfila apenas esa rexión dependente, punindo calquera virtude efectiva. A innovación non pode consistir só en importar a maquillaxe dos clixés normativos, o discurso mallado e a pose dunha auténtica comunidade. A verdadeira innovación suporía permitir que cando menos unha nova xeración poida asentarse por dereito no seu propio país.

 

CODA

Apliquémonos pois o conto da resiliencia, sen negarmos a realidade dramática da xuventude sen futuro, das persoas desempregadas, marxinadas e exiliadas que padecen por mor dun réxime de relacións inicuo; a realidade dunha terra expoliada coma ningunha outra en Europa; a realidade dunha lingua e cultura popular en extinción. Valoremos e coidemos o que aínda temos. Saiamos da nosa miserable zona de confort, afrontemos os retos do presente sen ancorarnos no resentimento, sen practicarmos o vitimismo. Non se trata de culpar aos outros pobos: responsabilicémonos, sexamos nós a mudanza que queremos ver. E recoñezamos que este adoita ser o tipo de mantras que a sociedade prepotente dirixe ao individuo impotente.

Un país é unha colectividade viva que afronta o seu futuro coa vontade de envellecer en liberdade, preservando para as novas xeracións o máis ricaz do seu tesouro natural, histórico e cultural. E isto só é posible derrubando os vellos marcos, rozando e compartindo unha casa común onde pague a pena quedar. A vida esixe repoboar este desleixo e dar paso a un futuro para todas. E se isto todo se nos fai insoportable, recluídos nas nosas empresas e partidos familiares, quizais non merezamos nin a extremaunción.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.