0 Gardados para despois

Luís Ledo

Repetirá o novo nacionalismo os erros do pasado?

O Novo Proxecto Común (NPC) de Beiras e o Compromiso por Galicia (CxG) están constituíndose como novas forzas políticas que, cabe supoñer, acabarán uníndose nunha coalición electoral, coa axuda do cinco por cento da lei electoral. A pregunta é se repetirán os mesmos erros que levaron o BNG a esmorecer para terminar escindíndose.

O seu posible electorado galeguista sensible ó social non ve que o BNG poña no primeiro plano a oposición dereita / esquerda senón máis ben o seu obxectivo da construción nacional

1.- O primeiro erro do BNG foi abrirse ó centro nun intento de ampliar a súa base electoral, o que provocou unha dilución do seu perfil de esquerda. O seu posible electorado galeguista sensible ó social non ve que o BNG poña no primeiro plano a oposición dereita / esquerda senón máis ben o seu obxectivo da construción nacional. A dereita estannos desmontando todos os servizos públicos (a educación, a sanidade, etc.), a xente hipotecada queda sen traballo e bótana do piso, perde os aforros nas preferentes, etc.; pero o que transmite o BNG é que a solución para todo é que sexamos nación e falemos galego.

A cuestión para o novo nacionalismo do CxG é se ten cabida nel Rafael Cuiña e outras persoas de Acción Galega, cun perfil tan centrista que non leva a crer que estean realmente interesados en transformar a realidade social. Unha pregunta sen resposta é que facía o BNG nas eleccións europeas xunto ó PNV e a CiU, dúas forzas conservadoras, cando pode constituír unha lista electoral con cataláns e vascos, si, pero con ERC e EA, que son partidos de esquerda. Non se entende incluso que non constrúan unha alianza a nivel de España para defender propostas comúns: non é o mesmo ver dous deputados do BNG perdidos no grupo mixto do Parlamento de Madrid que un grupo parlamentario forte formado por todos os partidos nacionalistas de esquerda do Estado, o que sería moito máis atractivo electoralmente. Van o NPC e o CxG constituír alianzas con outras forzas do Estado ou van ficar illadas de forma tan limitadora como o BNG?

O BNG cometeu o erro de non abrirse ós galeguistas que non senten un nacionalismo identitario

2.- Paralelo ó fallo de dar prioridade ó nacionalismo sobre a esquerda, o BNG cometeu o erro de non abrirse ós galeguistas que non senten un nacionalismo identitario. Hai que ter en conta que o nacionalismo identitario é unha idea romántica do século XIX que ten pouco atractivo para persoas con mentalidade de século XXI. Cando se deixou de crer en todo, non se pode pretender que unha persoa moderna adopte o nacionalismo como se fose unha relixión secular. Do que debe falar unha forza política progresista é de que medidas quere adoptar para transformar a realidade social e non de cales son os seus sentimentos sobre a identidade. No primeiro caso pódese atraer a galeguistas votantes do PSdG ou de EU; no segundo só caben interminables discusións metafísicas acerca do ser das cousas, o que non leva a ningures.

O novo nacionalismo véndenos a idea de que quere abrirse ás persoas galeguistas, pero logo di que o nacionalismo é a expresión política do galeguismo, demostrando así que segue sen entender por que o BNG fracasou no seu intento de converterse nunha forza maioritaria. Deste xeito non se vai convencer a ninguén: ou se aposta en serio por incorporar o galeguismo ó proxecto ou queda claro que só se está a esconder o que se é para intentar enganar ó electorado escamoteando a palabra "nacionalismo".

Se se reclama a autodeterminación para reproducir a menor escala a mesma sociedade neoliberal insolidaria que xa temos agora, non facían falta alforxas para esa viaxe

3.- Outro fallo do BNG consiste na defensa do nacionalismo desde os dereitos históricos e non desde os obxectivos que se queren conseguir. A cuestión non é teolóxica, se Galicia é ou non unha nación con dereitos históricos, senón para que se quere o dereito a decidir. Para dicilo claramente, se se reclama a autodeterminación para reproducir a menor escala a mesma sociedade neoliberal insolidaria que xa temos agora, non facían falta alforxas para esa viaxe. E se o obxectivo é transformar as cousas cara a unha sociedade máis xusta que desconstrúa o capitalismo, o que debería facerse é subliñar o perfil de esquerdas e non diluílo no nacionalista.

O último erro do BNG ó que nos imos referir é a súa falta de apertura á nova esquerda, ó ecoloxismo e á rexeneración democrática, quedando ancorado en vellos modelos políticos

4.- O último erro do BNG ó que nos imos referir é a súa falta de apertura á nova esquerda, ó ecoloxismo e á rexeneración democrática, quedando ancorado en vellos modelos políticos. O NPC e o CxG parece que o teñen claro e reivindican novas formas de facer política. A pregunta que cabe facer é se son realmente sinceros ou a cousa se reduce a simple propaganda interesada só para presentarse como algo novo, desaparecendo todo en canto se empecen a ter resultados electorais. O Espazo Ecosocialista pretende recoller dentro do CxG estas novas formas da esquerda desde o ecoloxismo e o galeguismo, pero non está nada claro que teña a forza suficiente para inclinar a balanza fronte a un nacionalismo identitario que pode volver a inundalo todo, especialmente no NPC pola presencia do soberanismo (FPG, Causa Galicia, etc.), e caer outra vez nos mesmos erros do pasado; o tempo nolo dirá.

A pesar de que o nacionalismo xogou un papel central na recuperación da autoestima galega, o sentimento nacionalista ten unha pulsión identitaria moi forte que admite mal consideracións racionais e que gusta de caer en políticas de trincheiras, deixando os galeguistas de esquerda que non queremos ser nin nacionalistas galegos nin nacionalistas españois en terra de ninguén e vistos como traidores por ámbolos dous lados.

Acerca de Luís Ledo

Luís Manuel Ledo Regal (Chantada, Lugo, 1963) é licenciado en Filosofía pola UNED, en Ciencias Físicas pola UPV-EHU e diplomado en Estudos Avanzados de Filosofía pola USC. É delegado sindical da CIG e foi na lista de EQUO ás xerais de 2011 pola Coruña. Declárase ecosocialista e galeguista. Tamén é o autor da exposición itinerante ¿Deja la Ciencia Sitio para Dios? para a asociación Iniciativa Atea, exposición que xa estivo en diversas cidades de España.