Un pobo aínda esquecido

Os incendios na Galiza fixéronme ver un laranxa que nunca vira na vida. Un que encheu de medo as miñas entrañas até os miolos. Ardeu o meu país, e os políticos comezaron a falar de se isto ou aquilo e a xente empezou a traballar aquí e aló. Onde fixese falta un caldeiro de auga, un galego enchíao a pulmón.

Como non nos entenden, nós seguimos ao noso, a traballar, a desfrutar e a querer a nosa terra. Esa terra que nos queiman, que nos contaminan de eucaliptos por diñeiro e que a volven queimar

Estes días a terra amence negra, como negra é a nosa historia de soidade, pero por iso somos galegos, porque só nós e nós sós somos capaces de manter o noso país en pé. Esquécense de nós, dinnos que estamos atrasados, dinnos tamén que a nosa fala é "muy graciosa" ou que o noso acento "gusta mucho", pero non nos entenden, non. E como non nos entenden, nós seguimos ao noso, a traballar, a desfrutar e a querer a nosa terra. Esa terra que nos queiman, que nos contaminan de eucaliptos por diñeiro e que a volven queimar. Esa terra que foi de carballos e que o noso propio himno nos di o que lle temos que plantar. Os Pinos, no fogar de Breogán.

Somos ese pobo que se ergue cada mañá de noite, cando xa é de día en toda España, e que cando toda España dorme na súa escuridade, nós estamos aínda aproveitando os últimos raios da luz tragada polo Atlántico. Non somos mellores nin peores ca ninguén, somos un pobo esquecido polo resto que nos demos o gusto de ser esquecidos para seguir sendo nós mesmos. Somos un pobo que somos de España, pero que España non está en nós. Contaba Castelao que un gaiteiro foi tocar á Puerta del Sol e da saudade que lle entrou preguntou "Cando volvemos para Hespanha? O moi cabezón non sabía que a súa Hespanha era en realidade a Galiza”, porque nolo meteron por todos os buracos e logo esquecéronse de nós. Pero nós non esquecemos. Simplemente sentímonos cómodos porque temos máis tempo para desfrutar da terra, da fala e da xente, que ao final é o que nos queremos, un país con árbores nos montes.

Somos un pobo tan esquecido que cando se fala de países non se fala de nós porque nós xa o somos; e non temos que reclamalo

Somos un pobo esquecido pola política, que cando ten que decidir entre se coida dos montes de Andalucía ou dos galegos, coida do que máis votos ten. Somos tan calados, que até o noso presidente nos esqueceu mentres pensaba como ir de Galiza a España para non ser esquecido el tamén. “Nós os galegos, cremos que nin en política os erros deben confundirse con delirios; pero arelamos que xamáis volvan a cometerse”. E este Feijóo xa leva moitos.

Somos un pobo tan esquecido que cando se fala de países non se fala de nós porque nós xa o somos; e non temos que reclamalo. Se nos esqueceron, cando se acorden de nós xa non estaremos. De tanto traballar xa teremos construídas as bases de Galiza que queremos na Europa dos Pobos que anhelamos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.