0 Gardados para despois

Xesús Veiga

As hemerotecas arden mal

A pesar de que non o pareza, Núñez Feijoo tivo sorte na secuencia temporal rexistrada nestas primeiras semanas de outubro. O debate parlamentario sobre o estado da nación galega realizouse tres días despois dos relevantes acontecementos vividos en Catalunya por mor da convocatoria do 1-O. Esa circunstancia foi aproveitada polo presidente da Xunta para contaminar a discusión no pazo do Hórreo, construíndo unha cortina de fume “catalá” que lle permitira fuxir do necesario balance autocrítico sobre a deficiente xestión do seu goberno no primeiro ano da actual lexislatura.

Poucos día despois desa singular cita parlamentaria, graves incendios forestais percorreron moitas comarcas do País e puxeron a proba a capacidade do goberno da Xunta. O resultado foi ben visíbel: o exame non foi superado por Alberto Núñez. A sobreactuación argumental utilizada para explicar o sucedido (un suposto complot de “terroristas” incendiarios) pretendeu agachar as responsabilidades contraídas por unha administración que ven manexando, dende o ano 2009, os fíos do poder para facer fronte a esta vella praga que afecta ao territorio galego.

Feijoo quéixase agora do que el practicou cando encabezaba a oposición ao goberno de coalición PsdG-BNG. As hemerotecas arden mal e están aí para ilustrar que na crise do ano 2006 protagonizou manifestacións nas rúas, esixiu dimisións dos responsábeis políticos e non dubidou en utilizar como munición argumental as mortes rexistradas naquel terríbel mes de agosto. Podía ofrecer ao goberno existente naquel momento un gran pacto sobre este transcendental problema pero optou por unha visión curtopracista buscando obter o máximo rédito electoral daquela desgraza.

O sucedido na tarde-noite do día 15 de outubro lembrou a mestura de imprevisión e incompetencia que se viviu no ano 2002 con motivo da traxedia do Prestige. Entón e agora o PPdG ten unha cómoda maioría absoluta pero carece da necesaria perspectiva política que se require para tentar canalizar o drama dos incendios forestais presente na sociedade galega.

A traxedia destes días foi compartida no veciño Portugal que xa tivera, hai uns meses, outra desfeita inesquecíbel en Pedrogao. Existen, sen dúbida, importantes denominadores comúns que explican semellantes acontecementos. Mais tamén son constatábeis significativas diferenzas na actitude dos gobernantes respectivos. Ningunha autoridade política de Lisboa utilizou o “terrorismo” como coartada retórica para impedir a análise e a pescuda do que tiña sucedido. Constituíse unha comisión de expertos que en tres meses elaborou un ditame que agora vai ser canalizado polo executivo que preside Costa. E, ademais, houbo dimisións:polo momento, unha ministra e o responsábel de Protección Civil. Aquí, poren, dimitir seica é un verbo ruso que non se coñece -nin se practica- nos despachos de San Caetano. Iso si: está decretada a “caza” do “terrorista” incendiario (sen matices, entra todo nese caixón de xastre) que serva para desviar a mirada e aprazar, mais unha vez, a mudanza substancial da estratexia que, neste asunto, ven seguindo o PP dende hai décadas.

Acerca de Xesús Veiga

Economista