Viva o moi honorable Centro Galego de Bos Aires!

Dona Diáspora deixou de viaxar polo mundo. Pensa que vai sendo hora, despois de século e medio de desprazamentos, de apousar os seus ósos na lareira que lle ofrece a súa amiga megalítica Pedra da Arca. Aínda que está retirada fixo un derradeiro esforzo xa que sinte estar en débeda coa emigración en terras da República Arxentina. Ademais de agradecer o mate –-co que cada mañá almorza--- non esquece as miles de toneladas de alimentos que enviou o presidente Perón para acougo na escura noite franquista. Aqueles emigrantes estaban aquí na parroquia a pesar de vivir lonxe. Sabían que se perdían as raíces non tiñan nada aínda que fixeran fortuna. Eran conscientes de que a súa mellora de vida tiña que axudar ao progreso na súa aldea. Foron capaces de erguer o Centro Galego de Bos Aires. Unha asociación que sandaba da morriña coas actividades culturais e das enfermidades cunha atención médica de calidade. Facerse socio foi sempre unha boa escolla.

O tempo pasa e o Centro Galego foi perdendo asociados ata case asulagar nas débedas. Agora mesmo o Centro Galego está intervido por mandato xudicial. É obriga da intervención, tendo sido apartadas as autoridades electas, o mantemento económico da entidade. Quere dicir que son os cartos públicos os que pagan os salarios dos empregados. É curioso que o ministerio de Saúde non teña competencia ningunha xa que os cartos saen do Ministerio de Desenvolvemento Social. Os socios entenden que a intervención ten carácter provisional. Trátase de recuperar a asociación para que volva aos seus lexítimos propietarios. Aquí onde a cousa non vai ben xa que o actual interventor nomea unha cantidade de persoas para soamente cobrar un alto salario. A crítica que facían desde o goberno era que o cadro de persoal era excesivo. Os empregados de toda a vida cobran mal e con retraso. Os novos cobran con puntualidade. Que está a pasar? Hai interese en saír da crise?

O que vemos no Centro Galego é unha mostra do sistema destrutor da convivencia que o goberno aplica en diferentes espazos sociais do territorio nacional.

O que vemos no Centro Galego é unha mostra do sistema destrutor da convivencia que o goberno aplica en diferentes espazos sociais do territorio nacional. O goberno practica con contundencia o dogma neoliberal, o cal significa que o Centro Galego debe ser pechado. A parte mutualista debe ser privatizada para que sexa unha empresa a que se encargue dos servizos. Moi ben, digo eu que son unha vella ignorante, pero o goberno arxentino non é o propietario. Os donos son os socios que son os lexítimos herdeiros dos emigrantes que suaron para construír un edificio que é patrimonio arquitectónico da cidade de Bos Aires. Non sei pero coido que legalmente ninguén pode vender o que non é seu. Claro que na actual Argentina pode pasar calquera cousa. Unha boa parte do poder xudicial é absolutamente submiso ao goberno. Son demasiados os xuíces que actúan baixo as ordes diretas no ministro Pepe o da ministra Pepa. Que se pode facer? Hai algunha saída?

Para aínda empeorar máis o asunto da recuperación do Centro Galego temos a contra dos socios e ex directivos que apoyan ao actual presidente. En democracia hai liberdade para elixir pero se votas aos inimigos da sanidade mutualista, non te agoches. A túa covarde actitude está afundindo o lugar no que teu avó puxo o lombo. Non esquezas aos devanceiros e non sexas cómplice dun roubo. Tes que defender a herdanza recibida e non permitir a privatización se levas unha pinga de sangue galego nas veas. Non berres contra do interventor esquecendo que tes parte de responsabilidade na desfeita. O meu consello é que fagas unha petición de condonación de débedas [infórmate sobre o arranxo con OSDE] para que a mutualista poida ter a posibilidade de seguir camiñando. Terás tamén que estudar a separación da sección cultural para converter ao actual Instituto de Cultura Argentina nunha fundación co aval patrimonial da pinacoteca e do panteón na Chacarita.  Viva o moi honorable Centro Galego de Bos Aires!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.