0 Gardados para despois

Gabriel Beceiro

Unha declaración de resistencia

Resistencia ou desistencia?  Sempre é dificil se librar dun cadáver. A linguaxe corporal non conseguira disimular  que a pasada sexta-feira a proclamación por maioría absoluta da República Catalana chegaba máis como potencia que como acto xurídico dun novo estado. Porque a efectos prácticos o que  esta primavera de excepción albiscaba no horizonte eran unhas elecións convocadas polo presidende do goberno español e executadas por unha autonomía tutelada da que xa coñecemos  os seus efectos: cese do presidente da Generalitat e o vicepresidente, todos os consellers e 141 altos cargos.  Non demorou o triunvirato en non dar por  declarada a República Catalá, eliminar a autonomía e convocar eleicións para o 21 de decembro. Porén, igual que decretou a non existencia do 9N, do Referendo e da declación de independencia, a novidade foi que agora deu por feito que o referendo se celebrara e, a seguir, Rajoy enfiou a destitución de 52 cargos públicos da Generalitat, o govern, prohibindo de paso as manifestacións públicas xa que estas terán de ser autorizadas polo Ministerio do Interior. Eís unha primeira atribución que mostra o alcance da discrecionalidade que outorga o 155. Seica España ten dereito a defenderse, afirma Rajoy. Tamén a República Catalá  ten ese dereito.  Porque do mesmo xeito que non se pode construir a independencia sen escoitar o trinta por cento de cataláns unionistas, tamén o é que non se pode atarraxar a dependencia de Cataluña negando, perguindo e punindo ao máis de corenta cinco por cento que está en contra.

O artigo 155 da CE é o que se chama coerción estatal ou federal; inspirado na severidade do artigo da constitución alemana, porén, hai outras democracia emprazadas que insiren a coerción estatal dun outro modo, desde a finezza suiza até a severidade austríaca. Trátase dun estandard replicado segundo a prerrogativa estatal de dispor do monopolio da violencia. Con certeza, a súa interpretación pode ou non ser autoritaria. No estado español compre ter presente que na altura  fora redactado  coa exixencia de ter maioría absoluta do Senado, unha emenda da Entesa catalá, por certo. Clausurar o Parlament, destituir cargos, intervir as administracións locais e os Mossos, coaptar e secuestrar  medios de comunicación talvez non sexa tan doado. Ou é que dan por feito gobernar Cataluña desde fora como unha colonia sen dar carta de natureza ao dereito a existir e, portanto, ao inevitábel diálogo bilateral entre dous suxeitos políticos?

O Decreto de Novo Plano que é a excepcionalidade do 155  para España do s.XXI permite a arbitrariedade ou unha interpretación crítica que leva a intepretalo en termos de interese xeral, cando este non é algo aberto que remite á utilización arbitraria que o intérprete poida facer, xa que  deixar sen efecto todo o sistema de distribución de competencias, seica en nome do interese xeral, exixe  unha utilización de mecanismos excepcionais que non semellan mesurados: convocar eleicións a vontade e mesmo facelo sabendo que coaptan de facto a mensaxe dos partidos soberanistas. Despois da farsa dun Senado deseñado para ser comparsa das maiorías do Congreso e non como cámara de representación dos gobernos autonómicos,  o mundo fica á espreita de ver en que consiste iso do artigo 155 da Constitución española.

Por tanto, estamos perante unha interpretación inaceitabel segundo Xavier Ballart ( Coerció estatal i autonomies. L’article 155 de la Constitució de 1978 )cando o 155 serve para supremer ou deixar nunha situación indefinida o rexime autonómico, cando permite  disolver o parlamento autonómico e destituir o goberno dunha comunidade autónoma, cando serve para o incumprimento das obrigas financieiras por parte do Estado ou cando deixa mans libres  á forza militar e aos corpos de seguridade do Estado. Segundo o Senado,  o goberno español non plantexa estes supostos, porén Rajoy lanzou duas medidas  inaceitabeis: a disolución do Parlament e a destitución do  presidente  e de todo o executivo. En termos da pròpria lexislación española que Rajoy dí salvagardar, é admisibel a voladura da 11a lexislatura do Parlament  e a destitución do goberno lexítimo de Cataluña? Non é  razón suficiente para interpor un recurso de inconstitucionalidade? Porén, este recurso serviría a quen quiser salvar a autonomia de Cataluña. Acontece que a desobediencia radical, agora radicada na orde soberana de seu, perdeu as cadeas. Por iso, Puigdemeont acabou a súa declaración aos medios en Bruxelas pedindo ao pobo de Cataluña "que se prepare para un longo camiño".  O novo cadro é o dunha defección constructiva no que os representantes da soberanía destituida,  en nome do novo suxeito político e da conexión sistemática entre  Pobo e Acción Política, tirando dela consecuencias prácticas  que perfilan un virtuosismo non servil, se negaran a seren destituidos.

18 meses despois de colapso político baseado nun resto de domesticación, Rayoy compareceu para convocar eleicións nun país que non é o seu, entanto a esquerda que renunciou a tomar o ceu, a de Garzón-Iglesias, teimaba en aventar que o da DUI non é lexítimo . De acordo, madía leva,  coa súa lexislación. Obviando que tratándose da pacífica emancipación democrática dun pobo esta xa é a  lexitimidade das autoritades e institucions catalás, que seguirán no exercizo das atribucions que se derivan do mandato popular.  Desde o ponto de vista catalá, debe asumirse que a xurisdición de España non é mais válida na Cataluña, porque o goberno lexítimo da Generalitat (antes de ser suspenso) e o Parlamento lexítimo da Cataluña, en pleno exercizo das suas atribuicións, durante un pleno desenvolvido estritamente de acordo coa legalidade, fora colocada entre paréntese. Asi, o que pode ser decidido polo goberno español, as Cortes e o Senado, o Tribunal Constitucional, o Supremo Tribunal e o Tribunal Nacional non serán aplicábeis ​​se contradiceren a resolución do Parlamento da Cataluña. Portanto, o presidente Puigdemont, o vice-Presidente Junqueras e os conselleiros e altos funcionários do Goberno da Generalitat non poden ser considerados cesados ​​se non for por vontade própria. Con certeza, o Parlamento da Cataluña non está disolvido e non hai eleicións convocadas pola única autoridade lexítima que ten poderes para o facer.

Porque o que aquí nos interesa é pór de relevo que o novo plano de desobediencia invoca xa o fundamento de validez dunha nova autoridade que dependerá do alcance da desobediencia civil fronte a coerción do Estado. Non hai duas legalidades como moitos tentan repetir. Na Cataluña apenas hai unha en vigor: a que emana do Parlament que, ainda regulado polo Estatut, representa o pobo da Cataluña segundo o seu artigo 55. Puigdemont debullou dúbidas: “Son os parlamentos os que escollen ou cesan os presidentes” e ” a nosa vontade é continuar traballando para cumprir os mandatos democráticos”. Por iso é desconcertante que mentras avanza o 155, Junqueras teña afirmado nun artigo que deberán tomar "decisións que non sempre serán doadas de enxergar”, ao semellar o paso dunha declaración de resistencia a outra de desistencia, ou como mutar o mandato popular substanciado na proclamación da república catalá, para que todo acabe virando ás ordes das hostes borbónicas de esquerdas e dereitas. Porén, compre termos presente que arestora na Cataluña o que hai é  goberno duns señores que se autoproclamaran gobernantes da Generalitat sen teren pasado polas urnas. Mas no momento en que hai duas persoas en prisión, coas institucións catalás están suspendidas, con peticións de 30 anos para cada un dos membros do Govern, con administradores que non están avalados pola súa propia lexislación, compre termos presente que o se deitou no tapete a ratificación ou non do votado o 1 de outubro. Cando o relato do goberno español é a impostura de negar os mais de dous millóns de votos (e os que se perderan pola acción policial), cando agora o ponto de partida que queren impor é o dunhas eleicións autonómicas organizadas desde Madrid, usurpando as atribucións do goberno catalá, é preciso non frivolizar e perspectivar que o relato  déjà vu  "llibertat, amnistia, estatut d'autonomia" é o summum do relato da negación difundido polo Estado español. A procura dun novo ponto de partida que nega e frivoliza a violencia previa e durante o 1-O e a que veu despois (a prisión preventiva e a petición de 30 anos de prisión) e vulnera o mandato popular que se derivou do 27 de setembro. Ao cabo, frivolízase co contido da querela do reprobado fiscal Maza e frivolízase coa violencia previa e posterior ao  1-O en forma de arrincada de cartaces, a prohibición de reunións e manifestacións e multas millonarias a quen organizou a o 9N.

Causa pasmo e espanta que na España pós-democrática e autoritaria que abrolla, o exercizo práctico de determinadas ideas teña como horizonte unha acusación de sedición por defender obxectivos políticos por meios pacíficos. Talvez por iso non sexa nan desatinado pedir refuxio político na Europa cando se  imputan delitos políticos e de persecución política ainda que de facto non sexan delitos que teñan cometido porque non houbo violencia.

Por iso o “dereito de resistencia” (ius resistentieae) é máis do que lexítima defensa. Vale a pena lembrar  que Bento Espinosa  defendía que a multitude é o alicerce das liberdades civís. Por outras palabras,  fronte a  Hobbes, que se opuña contra a tendencia da multitude a dotarse de organismos políticos irregulares, do que se trata é de facer valer as prerrogativas do poder que Hannah Arendt non dubidou en tipificar naquel que aparece onde os seres humanos se encontran coa finalidade de facer algo en común. Trátase do poder que emana de defender algo positivo, de salvagadar o que é digno de persistir entanto xurdiu no decurso dunha empresa que é previa mesmo á “toma de poder” e a construir un novo Estado, que ten como presuposto un Un - do que fala Paolo Virno- que non é menos, senón mais universal que o Estado: os topoi keinoi, os lugares comúns, o intelecto público, os vincallos e as promesas, a reunión e o pacto através do cal o poder se funda e conserva, preservando  o por vir do poder colectivo da acción.

Porque o que será debullado en pouco tempo é a concreta apropriación e rearticulación do poder lexítimo ou da forza como poder estacionario e conxelado nos aparatos administrativos do Estado. Un estatut de autonomia sen liberdade nen amnistía e minado polas querelas e discricionais episodios de violencia institucional.

Acerca de Gabriel Beceiro

Nado en Cedeira, é Licenciado en Filosofia pola USC e en Documentación pola UOC. Fixo estadas de filosofia contemporánea na Universidade Federal de Goiânia (Brasil) e no Instituto Camões con Yvette Centeno, interesándose polas relacións de filosofia e literatura no volume colectivo "Estética y religión: el discurso del cuerpo y los sentidos".Nos oitenta participou no parto da revista Olláparo e nos noventa en O mar de adentro (Ed.do Dragón).  Actualmente é director da biblioteca biomédica do IAS (Girona-Catalunya).