0 Gardados para despois

Peyo Rivera e Xaquín Pastoriza

Que se está a dilucidar en Catalunya? Retos tras o 28-O

Ante os sucesos do venres 27, coa proclamación da República por parte do Parlamento catalán e a inmediata aplicación do artigo 155 pola banda do Goberno español, agromaron unha serie de posicionamentos dende algunhas das forzas do chamado "bloque do cambio" que nos preocupan fondamente e sobre os que cómpre reflexionar.

A acción da maioría do Parlamento catalán responde un movemento popular amplo e diverso, mobilizado en torno ao obxectivo de abrir un proceso constituínte que subvirta o réxime do 78. Malia as contradicións que existen neste movemento, e das cales non se libra ningún proceso de ruptura, resulta moi difícil non simpatizar coa posibilidade de cambiar as regras de xogo, de desbordar o candado constitucional, de superar os límites impostos por un réxime herdeiro do franquismo.

A realidade política obriga a enlamarse, a tomar partido, por iso resulta preocupante a equidistancia dun falso "termo medio". A simplista consigna do ninismo, nin DUI nin 155,  ten moitas eivas, mais a máis evidente é a peor: a de equiparar, con  maior ou menor intencionalidade, as posturas dun pobo que defende a  democracia e a dun Estado que a saquea e a nega. Sexamos serios: o pobo non está no medio dun fogo cruzado. En Catalunya, algo  que deberiamos celebrar todas, hai un pobo consciente que se organiza  máis alá das eleccións, e que segue a ser a pedra mais incómoda no  despótico zapato do Estado español.

En moitas declaracións continuamos a ler a incapacidade histórica da esquerda estatal española á hora de entender a cuestión nacional de forma sincera

No entanto, en moitas declaracións, continuamos a ler a incapacidade histórica da esquerda estatal española á hora de entender a cuestión nacional de forma  sincera. Recoñecer a plurinacionalidade do Estado significa recoñecer unha pluralidade de suxeitos coa capacidade de decidir autonomamente o seu futuro, sen imposicións nin paternalismos. Porén, baixo a fórmula, moitas veces baleira, de plurinacionalidade, de País de países, amósanse as contradicións dun paternalismo substituísta que proclama irrupcións plebeias na política mais sempre atopa escusas para descualificalas se as conclusións da autoorganización popular non lle resultan totalmente satisfactorias.

É  difícil non arrubiarse ao imaxinar as decisións de certos liderados políticos en moitas das dinámicas que historicamente marcaron a nosa  herdanza política, ás que, dende o pragmatismo da real-politik, a altura de miras, a responsabilidade, e demáis sucedáneos que quizais só  pretendan agochar doses non pequenas de complexos e covardía, semella  que non dubidarían en cualificar de "ilexítimas" ou, mesmo, de  "hooliganismo"(sic).

En canto a Podemos, é evidente a transformación da plurinacionalidade nun ornamento electoral, no significante máis baleiro de todos cantos teñen saído do laboratorio, ese espazo plácido e transparente da nova  política onde os alquimistas licenciados transforman o ruído da multitude en consignas simples; tan simples que non din nada.

Por desgraza, vemos que en moitos casos o "bloque do cambio" carece de horizonte estratéxico

Por moito que moitas pretendan fuxir do espazo do conflito, buscando a comodidade dos tacticimos electoralistas, o conflito acaba chamando á túa porta, obrigando a definirte, para o que resulta imprescindible trazar un obxetivo estratéxico. Por desgraza, vemos que en moitos casos o "bloque do cambio" carece de horizonte estratéxico, En canto se escoita a palabra eleccións, as campás tocan a rebato e no medio do ruído de sables das campañas, da confusión da mercadotecnia comunicativa, pérdese a perspectiva: gañar as eleccións para que?

Que pasaría se Unidos Podemos e as confluencias gobernasen? Non habería presións para que simplemente xestionasen o existente? Como ían poder resistilas? Dialogando coas elites, cos poderosos, concenvelos de que a única saída é que se disolvan e entreguen as armas?

Por que o que defendemos para o conxunto do Estado, República e proceso  constituínte non o defendemos para Catalunya? Será por se nos entra a vertixe á hora da verdade, se temos que cumprir co que defendemos nos discursos e nos tremen as pernas ao subir ao escenario? Claudicar ante o réxime na cuestión catalá amosa os riscos, nun horizonte futuro, de claudicar ante a Troika, de renunciar á posibilidade da desobediencia, de desobedecer leis inxustas, de non recoñecer unha débeda ilexítima que non contraímos.

Como demócratas temos o deber de actuar unidas en defensa dos dereitos e libertades máis básicas fronte aos que pretenden unha saída involucionista, fronte aos que queren unha longa noite de pedra que nos devolva a tempos pretéritos. Temos que acumular forzas para frear o proceso de recorte de dereitos e liberdades que nos conduce a unha democracia de baixa intensidade, a un Estado de excepción, non só en Catalunya, que normaliza de xeito "legal " que unha minoría acumule privilexios en perxuízo da maioría. Porque hoxe toda a forza represiva e a violencia institucional se dirixen contra a vontade democrática do pobo catalán, pero mañá calquera que custione o ordenamento legal, "a orde natural do existente", pode ser vítima da maquinaria político, xurídico, mediática dos aparellos do Estado.

Contra os que se envolven no odio, ergamos a bandeira da solidariedade, do apoio mutuo, coidémonos ante a resposta represiva do Estado. que vai esixir aliñamentos e que non vai permitir equidistancia

Por iso, contra os que se envolven no odio, ergamos a bandeira da solidariedade, do apoio mutuo, coidémonos ante a resposta represiva do Estado. que vai esixir aliñamentos e que non vai permitir equidistancias. Por iso, dende fóra de Catalunya temos a obriga de defender ao pobo  catalán e ao seu proceso constituínte. E tamén tratar de imitalo para desatar os nosos propios procesos constituíntes. Por eles, por nós.

O momento é agora. En Catalunya xogámonos moito todas, non só os cataláns e as catalás, senón todas as que queremos cambialo todo. Vivan as Republicas!

Acerca de Peyo Rivera e Xaquín Pastoriza

'Peyo' Rivera é avogado e militante de Anticapitalistas Galiza. Participa na Marea de Vigo e en En Marea como membro do seu Consello. Xaquín Pastoriza Cerviño, nado en Vigo en 1978, é profesor de Xeografía e Historia no IES Monte Carrasco de Cangas e militante de Podemos, Anticapitalistas Galiza e a Marea de Vigo.