Os 155 paus no lombo e a lección sen aprender

“Chamoulle tonto superdotado, aducindo que sabía todas as matemáticas que se poden saber e un punto máis das que non se saben aínda, pero que a pesar de todo era tonto”. (Deus sentado nun sillón azul, Carlos Casares).

Nestes últimos dous meses, que máis ben semellan dous lustros, puidemos constatar, outra vez, as irreparábeis consecuencias das artimañas planeadas polos catro xinetes da apocalipse (PP, C´s, PSOE e medios domesticados) empeñados en domear as ideas da xente, cinguíndoas ao ámbito da “súa” Constitución, e así empoleirar no camarín un concepto sobrenatural e dogmático da lei, coa revirada pretensión de converter aos cidadáns en devotos incondicionais –ovellas submisas– para desposuílos dos dereitos máis elementais. E de poder discrepar da doutrina oficial, tamén.

Para conseguir esa perversa satisfacción da libido, atoldan con nubeiros o solpor de cada día, e aproveitan a escuridade para practicar un obsceno ménage á trois, embobándonos cada mañá cos seus rezos habituais, para roubarlle á xente do común a ansia de gozar –ou imaxinar– unha alborada fresca e limpa.

Nesta perpetua noite de cuarto minguante, argallada para tapar exiguas raiolas, os paladíns desta democracia sui géneris non teñen reparo en mostrarnos, verbi gratia, que o denominado “Estado das autonomías” nin sequera merece alcanzar a categoría de dereito consolidado, porque así o queren os xefes do partido gobernante, coa obvia satisfacción da nova dereita extremosa (C´s) e coa pilla compracencia do sempiterno cómplice necesario (PSOE).

E mentres tanto os galegos seguimos de papaleisóns, enfiando a vista cara o embigo, agardando a que nos mallen ben mallados 155 veces máis, sen a cobiza necesaria para aprender a lección de que, se estamos a anos luz de Catalunya na súa teimosía pola conquista dos dereitos colectivos, o que deberían facer o BNG e En Marea é contratar a medias un matemático, capaz de calcularlle o mínimo común denominador para que, a partir dese algarismo, se poñan a traballar conxuntamente pola recuperación da identidade dun País que se vai esvaecendo, como manteiga nas brasas dun lume que sempre prenden os mesmos pirómanos, si, pero que deixan arder aqueloutros que nin sequera se molestan en pórse de acordo para carrexar auga cara ao incendio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.