0 Gardados para despois

Rafa Pedrosa

Sombras e cinsa

Hai unhas semanas viamos como una vaga de incendios asolaba Galicia deixando tras de si un  cemiterio de flora, fauna e mesmo vidas humanas. As lapas devoraban todo ó seu paso, cunha voracidade inusitada, como se o mesmo demo estivese afalándolles a  golpe de látego. Tras a catástrofe, se cadra chega o momento de facer unha análise de cales son as causas de fondo que nos levan a todo isto, como dicía unha profesora da facultade “debemos deixar de ver a árbore e temos que mirar o bosque”.

Tras os incendios, inmediatamente se empezou a buscar ós culpables, falouse de terrorismo incendiario, política forestal, climatoloxía, empregados forestais, especulacións das empresas adicadas a apagar os lumes... e  un longo etcétera. A conclusión non é outra que son todos e ningún, ningún en concreto (aínda non hai sentencia que culpe a alguén) e todos á vez porque forman parte do mesmo ente, a sociedade.

Todos nós como sociedade somos os culpables da situación porque temos unha mentalidade podre que nos leva a pensar a curto e non a longo prazo, vivimos instalados no “pan para hoxe e fame para mañá” sen chegar a ser plenamente conscientes desta situación. Unha das principais, se non a máis importante, causa dos lumes é o abandono do rural. A xente nova non queda a vivir no rural pola falta de oportunidades, porque co mesmo traballo non obtén os mesmos réditos a outro tipo de emprego máis urbano. A xente no rural está abocada a traballar de sol a sol, sen días libres nin vacacións para a final de mes ir sobrevivindo, iso se non chega a ver como lle pagan o seu esforzo por debaixo dos prezos de custe. A culpa non é de ninguén máis ca nosa, como sociedade.

Somos nós os que os que demandamos produtos baratos e de baixa calidade, imos a unha gran superficie a mercar mobles baratos feitos con serraduras de árbores brandas de rápido crecemento. Non mercamos madeiras nobres, macizas e traballadas. Miramos a curto prazo, a ter toda a casa amoblada a pouco prezo aínda que ós dez anos teñamos que cambiar. Preferimos isto a ir pouco a pouco e mercar produtos de calidade feitos aquí, preferimos dar traballo e cartos ós de fóra, non á xente de aquí, ó rural e á industria local. Iso si, logo queixarémonos de non ter traballo na nosa localidade e de ter que emigrar, pero tampouco o fomentamos; pan para hoxe e fame para mañá.

Somos nós os que prendemos a chama cando acudimos a grandes superficies a buscar produtos de primeira necesidade como carne, peixe, leite, froitas ou verduras procedentes de diversas partes do mundo con custes máis baixos sen ter en conta a pegada ecolóxica que deixan e provocando o cambio climático que seca os nosos montes. Non mercamos estes produtos en tendas locais, prazas de abastos... que teñen os seus provedores no rural pero, en cambio, queremos que a mocidade quede no campo, que o rural estea coidado e limpo, non queremos lumes.

Non queremos lumes pero só o manifestamos cando chega a grandes vilas e cidades, cando arde o rural non hai tal conciencia social, non nos manifestamos por facer cumprir a lei, a mesma que di que en prados e campos non se pode plantar e temos hectáreas deles a monte. Despois dicimos que está a monte polo abandono do rural pero non pensamos que está abandonado porque non facemos rendible que as persoas podan vivir e traballar del. A mesma lei que nos di as especies a plantar e as distancias a manter con vivendas, ríos ou vías de comunicación pero non esiximos que as autoridades actúen de oficio sen denuncia de particulares igual ca tráfico actúa nas estradas.

Ante esta situación sempre buscamos culpables, miramos á política como se fose un ente aparte, a culpa vén de fóra. A culpa é nosa, a clase política forma parte da sociedade e é un mero reflexo da mesma, se a política está podre é porque nós como sociedade o estamos. A sociedade non cambia cada catro anos, necesita xeracións; se queremos cambiar a dinámica, se queremos deixar un país mellor do que atopamos, debemos comezar xa. Debemos pensar a longo prazo.

Recordando as verbas do axente Smith en Matrix, comportámonos como virus, temos que volver a ser mamíferos. Namentres non cambiemos a nosa tendencia, estaremos cavando a nosa tumba como especie; deixando tras de nós: sombras e cinsa.

Acerca de Rafa Pedrosa

Son de Cordido, una parroquia do concello de Foz, actualmente estou residindo en Burela. Estudei Licenciatura en Historia e o Máster de Profesorado xa que a miña vocación é ser profesor. Como a moitos, non puiden realizar a miña vocación, de momento; así que levo máis de 4 anos traballando nunha piscifactoría de rodaballo como responsable de departamento para unha multinacional galega.