0 Gardados para despois

Xesús Veiga

O centenario da revolución soviética

Neste ano no que andamos celébrase o centenario do trunfo da Revolución soviética no territorio da Rusia zarista e o comezo da construción do que foi a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS). Esta circunstancia convida a unha lembranza do tempo transcorrido -exercicio que, neste artigo, resulta inevitabelmente sintético-  como humilde contributo para suscitar as diversas reflexións que demandan os retos que nos prantexa a realidade do mundo actual.

No comezo do século XIX foron desenvolvéndose distintas tendencias de pensamento moi críticas co rumbo que tomaba a civilización europea baixo a expansión do capitalismo. As ideas daquelas correntes eran variadas no relativo aos medios que debían ser empregados para cambiar a organización social (máis ou menos radicais, máis sociais ou máis políticos) e tamén no referido ás características da orde social alternativa. Poren, compartían importantes valores e anceios: a crítica do extremado individualismo da sociedade moderna e das grandes desigualdades asociadas á mesma; a oposición á propiedade privada e a vontade de artellar un réxime económico cooperativo; o valor da solidariedade; a importancia concedida ao conflito entre capital e traballo e a conseguinte esixencia de que este último ocupase o lugar principal no escenario colectivo. 

Ao remate do século XIX, cando se erguen en Europa os grandes partidos e sindicatos de esquerda e tamén cando comezan a contar con grandes electorados, rexístrase unha ampla adhesión á herdanza do primeiro socialismo, mais esa adhesión ten lugar dun xeito morno. As aspiracións a unha transformación social de conxunto, tan arraigadas nese socialismo primixenio, perden forza neste segundo socialismo europeo, e seguen a perdela ao longo do século XX, até rematar converténdose nunha referencia pouco operativa.  A Revolución rusa, no outono de 1917, supuxo o primeiro dos novos réximes que corresponderon ao que moito despois se chamou o socialismo real (China, Corea, Vietnam, Cuba, etc.). A meirande parte destes réximes xa non existen (Unión Soviética, RDA, Polonia, Checoslovaquia, Hungría, Romanía, Bulgaria, Iugoslavia, Albania), ou entraron en crise (China), ou sobreviven con dificultades (Cuba, Corea do Norte). 

O réxime soviético levou a cabo un proceso de modernización substancialmente diferente do occidental. Consolidouse un sistema autoritario, refractario ao recoñecemento das liberdades democráticas e duramente represivo nalgúns períodos, dirixido pola elite do partido único e da administración estatal. Unha das súas características máis sobranceiras foi a unificación das esferas ideolóxica, política e económica, baixo a autoridade centralizada do Estado: o grupo social que gobernaba era o mesmo que xestionaba a economía e que ditaba a ideoloxía oficial.  A Unión Soviética e os países que seguiron o seu modelo estableceron o marxismo como ideoloxía oficial do Estado.

Deste xeito, unha das correntes do socialismo democrático do século XIX -corrixida, ampliada e simplificada- converteuse no principal dispositivo ideolóxico de diversos réximes mais preocupados polo control policial que polo respecto aos dereitos humanos. As súas carencias no eido económico e a falta de respaldo popular foron minando a estes réximes até rematar coa meirande parte deles nos anos noventa do século XX.

Acerca de Xesús Veiga

Economista