0 Gardados para despois

Diego Dourado

As 7 claves da nova Lei de Autónomos

O pasado día 25 de outubro, filtrándose a duras penas polas pequenas fendas informativas que a desmesurada atención mediática ao proceso catalán permite, publicábase no BOE a Lei 6/2017 de Reformas Urxentes do Traballo Autónomo.

Receptora das esperanzas do colectivo autónomo, que confiaba na acometida ambiciosa dunha reforma integral e efectiva do seu réxime que permitise facer fronte aos numerosos problemas que lles afectan no seu día a día, o certo é que o texto final non pode ser considerado senón como insatisfactorio, por insuficiente. Medidas prometidas e anunciadas como a cotización variable en función do nivel de ingresos ou a súa inexixibilidade se non se alcanza un determinado limiar foron simplemente descartadas. As modificacións máis relevantes son as seguintes:

Ampliación da tarifa plana

En primeiro lugar, a cota para novos autónomos será de 50 euros durante 12 meses, fronte aos 6 que se aplicaban anteriormente, é dicir, dobra o seu período de aplicación.

A partir destes 12 meses, as reducións e bonificacións mantéñense nun 50% durante 6 meses, nun 30% durante os 3 meses seguintes e nun último 30% durante 3 meses máis, de forma que a rebaixa na cota alcanza un período total de 24 meses.

Se o autónomo é muller menor de 35 anos ou home menor de 30, gozarán dunha bonificación adicional do 30% durante 12 meses máis, ata un total de 36 meses.

Nova tarifa plana para as mulleres reincorporadas tras a maternidade

Tratando de favorecer a conciliación e con plena vixencia xa desde a publicación da lei, créase unha nova tarifa plana de 50 euros para as mulleres autónomas que cesasen na súa actividade por maternidade, adopción, garda, ou tutela e volvan darse de alta cotizando pola base mínima nos dous anos seguintes ao cesamento.

Ademais, existe unha bonificación durante o descanso por maternidade e paternidade do 100% da cota sen contratar traballador substituto, debendo ser este descanso de polo menos un mes.

Recarga por ingresos fóra de prazo

Cando transcorre o prazo establecido para abonar as cotas de Seguridade Social e non se ingresan, aplícase unha recarga que pasa a quedar así:

  • Cúmprense as obrigas de liquidación pero non se ingresan as cotas: aplícase unha recarga do 10% se se abonan dentro do primeiro mes natural seguinte ao de vencemento do prazo, e do 20% se se abonan a partir do segundo mes seguinte. Ata agora, era do 20% en todo caso.
  • Non se cumpren as obrigas de liquidación e non se ingresan as cotas: aplícase unha recarga do 20% se se abonan antes de terminar o prazo establecido na reclamación de débeda ou acta de liquidación, e do 35% se se abonan a partir de terminado ese prazo.
  • Ás demais débedas coa Seguridade Social que non sexan cotas e non se abonen aplícaselles en todo caso unha recarga do 20%.

Posibilidade de abonar a cota por días traballados

As afiliacións, altas e baixas no Réxime Especial de Autónomos producen actualmente efectos desde o primeiro día do mes de inclusión ou cesamento. Coa nova reforma darse de alta ou baixa producirá efectos o propio día en que realicemos o acto, de forma que neses meses só pagarán polos días traballados.

Ademais, a lei amplía a posibilidade de que os traballadores autónomos cambien a súa base de cotización pasando de dúas a catro veces ao ano.

Accidente in itinere como accidente de traballo

A Lei recoñece por vez primeira para o colectivo autónomo o accidente de traballo in itinere, sufrido ao ir ou ao volver do lugar da prestación da actividade, entendendo por tal o establecemento onde o traballador autónomo exerza habitualmente.

Novos gastos deducibles en IRPF: Subministracións e Manutención

A partir de 2018, inclúense entre os gastos do IRPF:

  • As subministracións da vivenda habitual afectada parcialmente á actividade económica, como auga, gas, electricidade, telefonía e Internet, no 30% da parte proporcional aos metros cadrados da vivenda destinados á actividade.
  • Os gastos de manutención de comida e aloxamento causados ao realizar a actividade que se abonen por calquera medio electrónico de pago nas mesmas contías que para os traballadores, é dicir, 26,67 euros diarios se o gasto se produce en España ou 48,08 euros se é en estranxeiro.

Acerca de Diego Dourado

Diego Dourado. Carballo, 1988. Profesional do campo xurídico. Admon. e Finanzas, Dereito Universidade da Coruña. Master Avogacía, Universidade de Vigo.