0 Gardados para despois

Diego Taboada

Subalternidade ou soberanía -ou epístola ós incrédulos-

Sempre existiu ese cainita impulso de humillar en masa a un home sozinho ou a unha minoría con sentido propio – que non común – cada vez que abre a boca ou intenta vivir como pensa. O gregarismo, a máscara cotiá, a hipocrisía e a dupla moral é caseque unha programación atávica longamente consolidada no devir de milenios.

Desque a crenza natalista prendeu no noso caletre colectivo xa no neolítico e coa aparición dos primeiros estados até hoxe, a convicción de que parindo máis almas aumentamos a nosa forza a efectos económico-productivos, tributarios e económico-militares prendeu coma un misto mesmo entre activistas socialistas, femenistas e libertari@s de principios do século 19.

O lector levaríase unha desagradable sorpresa se, ademáis da documentada crenza e práctica natalista, documenta tamén a vinculación d@s activistas e movimentos de época coas crenzas e prácticas euxenésicas, sobre todo entre @s máis preocupad@s pola calidade da poboación que pola cantidade : a absurda convicción de que a transformación social, en sentido progresista, procúrase só coa excelencia – ou o que as vangardas entenden por tal en determinado contexto histórico-cultural -, chegou a levarnos por estas corredoiras enlamadas.

@s outr@s, en termos cultural-identitarios, @s de abaixo, en termos de clase, así como as mulleres, en termos de xénero, foron sempre a trindade obsesivo-compulsiva das élites político-económicas de Europa e tamén das auto-denominadas vangardas opositoras, tanto na Europa medieval coma na Renacentista, na barroca, na ilustrada e na moderna-contemporánea : o pánico cerval a que @s outr@s nos superen en número e ocupen o noso espazo. O terror a que as infra-clases nos superen en número e ocupen o noso espazo . A histeria silenciada por evitar que a muller avance e ocupe os espazos tradicionais dominados polo home. Todo isto, digo, non é máis que o profundo resentimento reactivo ante a posibilidade de perder unha ampla gama de privilexios legais, políticos e económicos históricamente alicerzados nunha ideoloxía que determina unilateralmente o espazo natural que lle corresponde a cadaquen na sociedade polo mero azar de nacer estigmatizado por algunha destas alteridades.

Ós galegos, coma seres que vivimos nunha nación con lingua, cultura, historia, patrimonio, territorio e institucions políticas recíprocamente minorizadas tanto pola acción omisiva das élites de San Caetano e Moncloa coma pola abulia e pasividade maioritaria dunha sociedade civil á que tanto lle da oito coma oitenta, conviríanos, xa que logo, comezar a pensarnos non coma o que nos gustaría ser, senon coma o que somos, a saber : unha nación política e cultural de heteroxénea e desigual composición de clases socialmente desposuída de

1) Institucións educativas e universitarias propias non sometidas ó estatolátrico españolismo pedagóxico, coa súa total sumisión ó violentísimo modelo civilizatorio euroamericano
2) Relato historiográfico propio non subalterno ó violentísimo españolismo estatolátrico
3) Patentes tecnolóxicas propias
4) Capacidade recaudativa soberana
5) Resortes executivos soberanos, no senso político e xurídico do termo

No plano filosófico-político, unha converxencia de movimentos sociais anti-sistémicos sería conditio sine qua non para reverter isto, mais só percibo silencio. No plano da realpolitik diplomática, porén, convén decir que a nosa diplomacia é inexistente. Conviría, xa que logo, espabilarmos una miqueta, mais non quero tirar máis do fío. Xa escoito ao lonxe, entre os propios concidadans, os ladridos dos cans nocturnos masticando o odio dos xornais do réxime.

A historia, si, comeza a cada segundo. E ademáis, a Samuel Huntington, antonte, diagnosticáronlle pánico á incerteza.

Acerca de Diego Taboada

Diego Taboada é sociólogo, xornalista free-lance, activista e escritor. Colaborador habitual en Rebelion.org, Kaosenlared.net e Praza Pública