A democracia en rebaixas

Agora, cos últimos acontecementos, contémplase moito mellor. Moitas das fachadas que limitaban unha visión con perspectiva estanse a derrubar. Certamente había moito que enmascarar neste reino, resultado dunha transición pactada para a impunidade e a domesticación. Cataluña non fai máis que desvelar as miserias, as enormes eivas e miserias que agroman cada vez que hai unha posibilidade de avance democrático. No reino de España cada vez que se incomoda ás oligarquías, aos privilexiados, aos que conciben o Estado coma unha finca herdada, aos que teñen ben atado este rexime, asoma o fascismo. O fascismo de antes e o fascismo de agora, este que Boaventura de Sousa denomina fascismo societal.

O fascismo de antes, con toda a súa escenografía de bandeiras, himnos, estéticas e agresións. Ese que nunca deixou de estar presente pero que asoma, historicamente, para amedrentar, para agredir ou para desestabilizar cando cómpre ter as mans limpas e liberadas, para seguir dirixindo e manexando desde cómodas poltronas. Mais tamén o fascismo de agora, o globalizado, este que disfrazado de estado de dereito e sen groseras coreografías, móvese con  instrumentos máis sofisticados. Este que, sen tanto exhibicionismo, segue actuando para xustificar a insultante desigualdade entre os seres humanos; para saquear  os recursos e transferilos a unha minoría; para manter fronteiras de morte e desolación; Este que se reune periodicamente en escenarios de luxo, inaccesibeis e blindados pola policía,  para decidir como debe ser o reparto do pastel ou que parte da humanidade merece morrer dunha de disentería ou cal pode derramar millóns de litros  de auga en campos de golf. Para decidir sobre o reparto da vida e da morte dos individuos e da natureza.

O Estado español devece por ter unha cadeira de palco no clube internacional dos fascismos respetabeis mais non pode evitar as maneiras do fascismo montuno. Non ten cultura de diálogo e de respecto porque o franquismo nunca foi enterrado, nin as súas vítimas desenterradas; porque a norma constitucional foi  redactada baixo a vixiancia  dunha ditadura forxadora dun imaxinario que ficou enquistado até o presente. O racional e o razoábel, directriz de calquera pacto ou negociación, é permanentemente substituído polo recurso ao dogma do intocábel e do esencialismo, ambos fornecedores do inmobilismo reaccionario. O sagrado manda sobre o profano, no civil, no político e no xurídico.

Asistimos a diario ao trato esquisito e garantista co  que son tratados os membros da extrema dereita que campan con total comodidade polas rúas e polos media, ofendendo, ameazando e agredindo sen consecuencias de ningún tipo. Trato moi diferenciado ao que padece calquera individuo ou grupo de esquerda minimamente consecuente, xa sexan nacionalistas, sindicalistas, titiriteiros, tuiteiros, cantantes ou ecoloxistas, e que padecen a cotío unha coacción intolerábel e un control permanente sobre o exercicio dos seus dereitos fundamentais. Na España actual se fomentan autos de fe, tan queridos polos totalitarismos, dirixidos a declarar públicos arrepentimentos e a evidenciar a derrota total e absoluta do adversario. Na España actual se xustifica o encirramento a corpos armados para que actúen con dureza contra a poboación. Na España actual os medios de comunicación crean unha atmosfera irrespirábel de irracionalidade e linchamento contra o pensamento crítico.

Certamente, neste reino se limita e, mesmo se persigue ao disidente, ao non grato ao réxime, aos que non cren na inevitabilidade do destino. Tolérase o fascismo porque fai parte do sistema, porque o apuntala, porque a súa cosmovisión de odio e supremacismo casa co tipo de democracias devaluadas e fabricadas polas elites con modos de despotismos sen ilustración, a fin de gobernar sen necesidade de explicar. A legalidade aplícase en toda a súa extensión e intensidade a quen arela outras lexitimidades posibeis e aplícase con laxitude e suavidade a quen defende o estado de cousas dominante. Ás oligarquías do reino de España, e ás súas marcas políticas, non lles vai preocupar que o fascismo de uniformes se visibilice; acaban de ir con eles collidos da man nas mobilizacións contra o desexo de liberdade dun pobo. Pola contra, andan desesperados para que a poboación se acostume; para que se afaga con naturalidade á devaluación de dereitos; para que que acabe aceptando que a democracia non pode ser máis que isto; para que asimile a idea de que a democracia non é máis que o sistema que os beneficia. E para lograr isto se precisa de potenciar, como constatara Maurice Duverger hai tantos anos, a existencia dun inimigo común, ao que cómpre detestar, así como impedir pensar outros valores e outras alternativas. Case parece lonxano aquel 4 de decembro de 2010 cando o goberno do PSOE declaraba, por primeira vez desde a Constitución do 78, o estado de alarma para enfrontar o conflito laboral dos controladoes aéreos. Claro que houbo que descalificar e facer odiosos á opinión pública a aquel colectivo para asumir con naturalidade que a policía entrase coas armas desenfundadas nos centros de traballo.. Claro que hai que facer odioso a un pobo e aos seus representantes electos para aplicar e naturalizar, tamén por primeira vez, un artigo 155º, que estabelece un Protectorado con presos políticos. Claro que que rematarán por facer odiosos a moitas persoas e a colectivos molestos e incómodos, mantendo vivo o espírito da Inquisición. Claro que, tamén, haberá que imputar o delito de odio aos odiados para que se naturalice a intolerancia e o propio odio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.